Deputación de Lugo

A Deputación contrata nunha semana todas as obras de mellora na rede viaria do POS deste ano

Trátase de 4 actuacións que suman 1.650.000 euros, financiados ó 50% polo organismo provincial e o MAP, e que benefician ós veciños de 8 Concellos Martínez subliña que o alto nivel de xestión do equipo de goberno fixo posible esta contratación millonaria coa que se cumpren 3 obxectivos: dar resposta ás necesidades dos veciños, xa que todas as obras son moi demandadas por eles; aumentar a obra pública; e manter os postos de traballo existentes O POS, que foi aprobado polo Pleno en abril e que está dotado con 5,5 millóns de euros, inclúe unha partida específica de 3,8 millóns para a dotación de servizos básicos e necesarios para os 67 municipios

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contración das tres últimas obras do Plan de Obras e Servizos de 2010 para mellorar a rede viaria provincial, e que beneficiarán ós veciños de Navia de Suarna, Ourol, Viveiro e Sarria. Estas obras suman 1,2 millóns de euros, que son cofinanciados ó 50% pola Deputación e o Ministerio de Administracións Públicas. A semana pasada, contratouse a cuarta actuación incluída no Plan. Trátase do acondicionamento do último treito da estrada provincial que vai de Cereixal a Louxas e que comunica 4 municipios da Montaña: Baralla, Navia de Suarna, Becerreá e Fonsagrada.

A este respecto, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que se pode comprobar o alto nivel de xestión deste equipo de goberno. En tan só 1 semana, a Deputación foi quen de contratar as 4 obras que suman cantidades millonarias -1.650.000 euros- e que estarán rematadas a finais de ano. “En total, co POS melloraremos 20 quilómetros das estradas que son da Deputación. Precisamente, a de Navia de Suarna, pola que pasará a Volta Ciclista a España, é unha vía que iniciamos o seu acondicionamento hai catro anos, e que para nós é moi importante porque leva a todas as rutas turísticas das Pallozas e concecta con León. Este é o último treito, co cal aquela política do Partido Popular de arranxar 1 quilómetro cada no rematou. Agora as estradas que se inician, finalízanse todas”.

As obras aprobadas na sesión de hoxe foron as seguintes: en Navia de Suarna, estrada que vai de Rao por Murias a Valouta: 540.000 euros; en Viveiro e Ourol, a CP que enlaza a localidade de Ruanova con Muras: 273.805 euros; e en Sarria, a vía que vai de Mesón de Alvaredos a San Martín de Loureiro: 299.000 euros. Neste senso, coa súa execución, o organismo provincial cumpre tres obxectivos fundamentais: dar resposta ás necesidades dos veciños, xa que todas as obras son moi demandadas por eles; aumentar a obra pública na provincia; e crear emprego. Estas actuacións levan aparelladas a contratación de persoal para poder executalas. Só con estas 4 obras axudaremos a manter uns 40 postos de traballo.

Un instrumento de cooperación municipal
Pero ademais de mellorar a rede viaria provincial, co POS tamén se dota ós Concellos de servizos básicos e necesarios para os veciños. É o caso da mellora de accesos a moitos núcleos rurais, de abastecementos de auga, da rede de sumidoiros, do alumeado público de moitas localidades, dos centros sociais, etc. Para estas actuacións o Plan contempla unha partida de 3,8 millóns de euros dos 5,5 millóns que ten de orzamento total. No ano 2010, a través do POS subvencionáronse máis de 100 obras.

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu o visto e prace a unha conta xustificativa do Plan de Comunidades Veciñais de 2010 pertencente ó Concello de Navia de Suarna. A actuación que se executará neste municipio é a traída de auga de Santoestevo. Ten un investimento de 6.400 euros e a Deputación achega 4.800.