Deputación de Lugo

A Deputación mantén 300 empregos coa contratación de 67 obras do Plan Extraordinario

Son obras dos convenios de 1 millón de euros que se executan en todos os Concellos beneficiados -Sarria, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz e Burela- agás en VilalbaMartínez salientou que “aforramos máis de 8 millóns de euros ás arcas municipais coas 67 obras. Temos 1 millón de euros paralizado porque o Rexedor de Vilalba non cumpre o único requisito: a entrega dos proxectos. Está a privar a 15.000 veciños de novos servizos” Das 73 actuacións acordados cos Rexedores, o 90% están adxudicadas, o 5% en vías de contratación e o 5% restante, a totalidade das de Vilalba, pendente dos proxectos municipais

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres que a Deputación contratou un total de 67 obras municipais por valor de 8 millóns de euros coas que a institución está a manter 300 postos de traballo na provincia. Estas actuacións enmárcanse nos convenios de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública, que benefician ós Concellos lucenses máis poboados ou motores comarcais.

Martínez salientou que das 73 obras acordadas cos Alcaldes de Monforte de Lemos, Vilalba, Sarria, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz e Burela, a institución adxudicou o 90%. Un 5% están en proceso de contratación (2 actuacións en Viveiro e 1 en Monforte), mentres o 5% restante están pendentes da entrega dos proxectos por parte do municipio vilalbés. “Temos un 1 millón de euros parado porque o Rexedor de Vilalba non cumpre o único requisito: entregar os proxectos. Coa súa actitude e falta de traballo, e malia non supor custe algún ás arcas municipais, está a privar ós 15.000 veciños deste municipio de novos servizos”.

Tal e como recollen os textos asinados, a Deputación adxudica e financia na súa totalidade as obras mentres os Concellos fan entrega dos proxectos e dirixen a súa execución. A este respecto, o Deputado salientou que “logramos aforrar máis de 8 millóns de euros ás arcas municipais coas 67 actuacións contratadas, das que se benefician 160.000 veciños, é dicir, case a metade da poboación da provincia”.

Remanentes para novas obras

Co 90% das obras adxudicadas, a Deputación está por tanto, a culminar este proceso, feito que lle permite, debido ás xestións realizadas, contar con remanentes para incrementar o número de actuacións municipais. É por iso, que a Xunta de Goberno aprobou a concesión de 54.401 euros, procedentes dos remanentes do convenio coa Fonsagrada, a dito municipio. Este presuposto adicarase nas seguintes actuacións: adquisición dun camión contraincendios por valor de 37.401 euros, e adecuación do polideportivo por 17.000 euros. “Fronte ó desmantelamento de servizos e a ausencia de investimentos na provincia por parte da Xunta, seguimos impulsando novos servizos e mantendo postos de traballo”, destacou Martínez.

As novas actuacións previstas para a Fonsagrada engádense á construción da nova casa consistorial, dotada de 850.000 euros, e á reforma do pavillón municipal por valor de 150.000 euros. Ambas as dúas actuacións tamén se enmarcan no convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario.

O Deputado quixo ademais, reiterar “o firme compromiso” da Deputación coa Montaña lucense e en concreto co municipio fonsagradino. Deste xeito, avanzou que nas vindeiras semanas contrataranse as obras de construción da residencia para a 3º idade. “Asumimos este proxecto logo de que os veciños tivesen que esperar 2 anos a que o executase a Xunta, tal e como se comprometeu”. Ademais, tamén asegurou que está a piques de arrincar o proceso de adxudicación do 1º centro público en Galicia de despece de carne logo da concesión dos terreos por parte do TECOR. A Deputación adica nesta pioneira iniciativa 300.000 euros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou ademais, as contas xustificativas de 8 obras do Plan de Comunidades Veciñais nos Concellos de Monterroso, Cospeito, Castro de Rei, Foz e Lugo, dotadas dun total de 91.305 euros, dos cales a Deputación aportou 68.478 euros. Trátanse de: Formigonado do núcelo de Leborei (Monterroso); acondicionamento exterior da igrexa e campanario en Arneiro (Cospeito); arranxos na pista polideportiva en Xustás (Cospeito); equipamento mobiliario local social en Santalla de Rioveso (Cospeito); cerramento do campo da festa en Seixas (Cospeito); reposición dos pontellos da ruta do Azúmara en Santa Leocadia (Castro de Rei); acondicionamento da área recreativa e da pista e arranxo do chan da capela en Vilaxoane (Foz); e mellora do camiño da fonte dos Ollos a Madorra en Gondar (Lugo).