Deputación de Lugo

A Deputación abre novas oportunidades laborais impulsando o Máster de Actividades Educativas na Natureza da USC, único en España

Os 29 alumnos, na súa maioría mestres de toda Galicia e de Asturias, percorreron hoxe o núcleo lucense de Coeses, situado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun exercicio para ensinarlles unha mostra da cultura rural e a importancia de preservar o patrimonioA institución provincial ofrece dúas becas ós participantes, que se desenvolverán durante 8 semanas na primavera

A Deputación de Lugo colabora co Universidade de Santiago de Compostela (USC) na organización do primeiro Máster en España de Dirección de Actividades Educativas na Natureza, no que participan 29 persoas, na súa maioría mestres procedentes de toda Galicia e de Asturias, ademais de educadores sociais e enxeñeiros forestais. O organismo provincial achega 15.000 euros a esta innovadora acción formativa, coa que, ademais de impulsar a posta en valor dos recursos naturais e a sensibilización ambiental de nenos e maiores, abre novas oportunidades laborais na denominada economía verde ó ofrecer formación especializada en materia medioambiental moi práctica no mercado laboral da provincia. A institución reforza así a súa aposta por converter o medio ambiente como oportunidade económica da provincia para xerar riqueza e fixar poboación. A Deputación tamén colabora ofrecendo dúas becas ós alumnos, que se desenvolverán durante 8 semanas na primavera.

Este máster aborda unha materia que ata o de agora non se tratara en España, e no resto de Europa, tan só en países como Reino Unido e Suecia. Deste xeito, dota dunha identidade exclusiva a Maxisterio na súa nova andaina, ó pasar de Escola a Facultade, unha cualificación que aprobou o Consello de Goberno da USC a principios de ano e que se materializará nos vindeiros días. A acollida do curso foi tan boa que a organización decidiu ampliar a 29 as prazas dispoñibles.

As actividades do máster, que comezaron en setembro e continuarán desenvolvéndose ata o 18 de xuño, incluíron onte un percorrido polo núcleo lucense de Coeses, situado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun exercicio para ensinar unha mostra da cultura rural e a importancia de preservar o seu patrimonio. A acción formativa contempla de feito, xunto á parte teórica, que se imparte na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, unha serie de saídas a espazos naturais. Así, ademais da de Coeses celebrada hoxe, haberá sesións de traballo no Courel e no Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre outros lugares.

O curso toca temáticas de educación ambiental, educación ó aire libre, paisaxe, e a arte en relación coa natureza, e exercita ós alumnos no desenvolvemento de capacidades de xestión, organización e dirección de grupos e institucións.

Saídas laborais

Os postos de traballo que se poden ocupar con este máster son: profesor de educación; educador e técnico de asociacións de tempo libre en contornos naturais; xestor de clubs de deporte na natureza; técnico de educación e protección ambiental en Concellos e administración educativas; director de aulas da natureza; director de instalacións educativas en espazos protexidos; deseñador de guías da natureza e itinerarios; documentación de rutas; e promotor de actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornos naturais.

A Deputación promoveu a formación especializada en medio ambiente para abrir ós profesionais lucenses novas oportunidades de inserción laboral poñendo en marcha as primeiras becas Lug02, que benefician a 18 mozos da provincia. Os bolseiros estiveron os primeiros 4 meses do ano en diversos países de Europa, onde traballaron en empresas punteiras. Á volta, iniciaron un período de prácticas en firmas lucenses para poñer en práctica os coñecementos adquiridos que concluirán a mediados de xaneiro de 2012.