Deputación de Lugo

A Fundación TIC asumirá a xestión do primeiro centro de innovación social en Galicia, o In Lugo, para aforrar recursos

A entidade aproba un orzamento de 2,5 millóns de euros, 1 millón máis que o ano pasado, grazas ós fondos europeosNa súa nova andaina, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia centrarase na 3º idade para mellorar a súa calidade de vida mediante as novas tecnoloxías, e nos mozos co fin de facilitar a súa inserción laboralPor cuarto curso consecutivo manterase a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son e aumentarase o programa de bolsas de formación para tituladosToman posesión os novos Patronos representantes dos tres grupos políticos presentes na Corporación

O Padroado da Fundación TIC, presidido polo seu máximo responsable e Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este martes o Presuposto de 2012 e aceptou a encomenda da Deputación para xestionar o Centro de Innovación Social In Lugo, que inicia deste xeito unha nova andaina grazas ós fondos europeos. O orzamento total da TIC ascende a 2.577.455 euros, 1.050.000 máis que en 2011. Deste incremento, 1 millón de euros procede dos fondos europeos acadados pola Deputación.

Gómez Besteiro dixo que “grazas ós fondos acadados pola Deputación na Unión Europea, neste caso a través do Innova-TE 2, a Fundación TIC xestionará un programa que ten como principais obxectivos ofrecer formación especializadas sobre as novas tecnoloxías para facilitar a inserción laboral, especialmente, dos mozos; e mellorar a calidade de vida dos nosos maiores a través das novas tecnoloxías”. Neste senso lembrou que “na nosa provincia hai preto de 120.000 persoas con máis de 65 anos, o que representa o 33,7% da poboación lucense. Dende o organismo provincial estamos moi sensibilizados con este colectivo e volcámonos en iniciativas que melloran o seu benestar, como as actividades programadas polo centro In Lugo ou a construción de 12 residencias e centros de día”.

Aproveitar sinerxias para o aforro

A Deputación puxo en marcha o Centro de Innovación Social (CIS), cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza, na segunda planta da EIS. “Consideramos que era a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación. Este vencellamento, tanto físico, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias”. O proxecto conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades (2012-2013).

O máximo responsable da Fundación avanzou que a nova programación do In Lugo “inclúe actividades para que as persoas da terceira idade exerciten tanto o seu corpo como a súa mente dun xeito ameno, contribuíndo ó seu benestar. Pero ademais, favorecerá a alfabetización tecnolóxica deste colectivo para que se achegue ás novas tecnoloxías e ós servizos que estas ofrecen como pode ser, por exemplo, a administración sen papeis”.

O In Lugo proseguirá tamén, coa programación de cursos gratuítos sobre novas tecnoloxías, ofrecendo formación especializada nesta materia co fin de facilitar a inserción laboral, especialmente, dos mozos. Durante a súa primeira fase, preto de 1.000 persoas de todas as idades participaron, sen custe algún, nas máis de 100 variadas e novidosas accións formativas. Mostra delo, o vindeiro mes o Centro acollerá o curso “Community Manager”, unha xornada sobre as vantaxes dos medios sociais dirixida ás PEMES para a posta en valor das empresas, ademais de “Buscadores de emprego a través de Internet” para desempregados. Trátanse de dous cursos que permitirán ós participantes, no primeiro caso, aumentar a competitividade das pequenas empresas e no segundo, facilitar a súa inserción laboral.

Ensino gratuíto e de calidade

O Padroado tamén acordou manter en 2012 o esforzo inversor para garantir a gratuidade da matrícula por cuarto ano consecutivo co obxectivo de facilitar ó máximo o acceso a un ensino gratuíto e de calidade. Este esforzo económico estase a reflectir no incremento da demanda, que foi do 100% no ciclo de Produción e do 18% no de Realización con respecto a 2003, ano no que a EIS comezou a súa actividade. No curso 2011-2012 as 44 prazas que oferta a Escola cubríronse na súa totalidade na convocatoria ordinaria de xuño, quedando persoas en lista de espera.

Bolsas para a inserción laboral

A inserción laboral dos titulados da EIS seguirá a ser a máxima prioridade da Fundación. Para acadar este obxectivo potenciarase unha educación moderna, vangardista e de calidade que vencelle directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. A oferta basearase na combinación de formación e produción en contextos e escenarios reais a través de convenios de colaboración con empresas de produción de espectáculos multimedia. Para elo potenciarase o programa de bolsas de formación cun incremento de 50.000 euros na partida destinada a este fin. Na actualidade, a TIC mantén contrato con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da EIS leven a cabo traballos profesionais que lles facilitan a súa incorporación ó mercado laboral.

Ademais, a TIC mantén convenios de colaboración con medio cento de ONGs, asociacións culturais, entidades deportivas e empresas tecnolóxicas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais nos que participan alumnos e bolseiros da Escola para complementar a súa formación práctica. Estes acordos incrementáronse nun 400%. Por outra banda, seguirán as colaboracións en proxectos audiovisuais que teñan como escenario de rodaxe ou gravación o territorio da nosa provincia e manterase o apoio ós Concellos, ós que se lles proporciona material audiovisual de tipo turístico, empresarial etc.

Novos patronos

Na reunión deste martes tomaron posesión como novos patronos os representantes dos tres grupos con presenza na Corporación provincial: José Ramón Val Alonso e Álvaro Santos Ramos polo PSOE; José Pardo Lombao polo PP; e Antonio Veiga Outeiro polo BNG. Continúan os dous representantes do sector audiovisual: o produtor José María Besteiro e o director Jorge Coira.