Deputación de Lugo

Goberno Central e Deputación organizan as primeiras xornadas de España para axudar a que as Reservas manteñan o seu distintivo

Gómez Besteiro e López Izquierdo clausuraron os talleres, nos que participaron unha vintena de representantes das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas polo organismo provincial; e das de Allariz, Babia e Os Ancares Leoneses O Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas escolleu Lugo para iniciar estes seminarios técnicos debido ó traballo e interese demostrado pola Deputación para cumprir coas directrices de planificación e desenrolo marcadas pola UNESCOOs asistentes asinaron a denominada Declaración de Lugo, na que acordan promover un segundo obradoiro, no que cren que debería implicarse a Administración autonómica, e coordinar esforzos entre as Reservas para optimizar os resultados da súa xestión

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, clausurou este venres as primeiras xornadas técnicas que organiza o Ministerio de Medio Ambiente en España para facilitar e axudar a que as Reservas da Biosfera do país cumpran cos requisitos esixidos pola UNESCO para manter este recoñecemento, ante a avaliación que o organismo internacional realizará en 2012 e tendo en conta que máis da metade das 40 Reservas españolas incumpren na actualidade con ditas directrices de planificación e desenrolo. O Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas, dependente do Ministerio, elixiu a provincia para celebrar este primeiro seminario -dirixido especificamente ás Reservas do norte de España- debido ó interese e traballo que está realizando neste ámbito a Deputación, que colaborou co Goberno Central na organización das xornadas.

Nos talleres, que se desenvolveron entre o pasado mércores e hoxe baixo o título Xestión Adaptativa en Reservas da Biofera, participaron unha vintena de representantes de cinco Reservas: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola Deputación; Allariz (Ourense), e Babia e Os Ancares Leoneses (as dúas de Castela León), así como integrantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, pois esta entidade está impulsando a declaración desta zona coruñesa como Reserva da Biosfera.

Gómez Besteiro subliñou na clausura dos obradoiros que a Deputación está comprometida co mantemento das dúas Reservas que xestiona, no marco da súa aposta por poñer en valor “a gran riqueza natural da nosa provincia” como ferramenta para favorecer o desenvolvemento socioeconómico, freando o despoboamento demográfico e creando emprego. O Presidente expresou así mesmo o seu agradecemento ó ‘alma mater’ dos talleres, Antonio San Blas, por “confiar en nós dándonos a oportunidade de poder celebrar a primeira edición en Lugo”, e tamén pola “axuda, experiencia e dispoñibilidade que o Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas sempre nos presta” para a adaptación ás directrices da UNESCO.

Os poñentes dos obradoiros foron seis expertos en Reservas: Tomás Rueda, xerente da Reserva de Las Nieves e presidente do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera; Antonio San Blas, xerente da Reserva de La Palma e secretario do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas; Luciano Sánchez, secretario do Consello Científico do Comité Men&Biosfere; Sonsoles López Izquierdo, Deputada Provincial de Medio Ambiente, e Andrea Macho, xestora das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

Declaración de Lugo

Os participantes no seminario asinaron a denominada Declaración de Lugo, na que cualifican de “moi positivos” os resultados das xornadas polo que supuxeron de “debate, contraste de ideas e opinións, e ampliación de información”, ademais de acordar, entre outras cuestións, promover a celebración dun segundo obradoiro, ó que consideran que deberían incorporarse “no fondo e na forma” a Administración autonómica, así como coordinar esforzos entre as Reservas para optimizar os resultados da súa xestión. Neste senso, propoñen iniciar os traballos necesarios para constituír a Rede Galega e a Rede de Castela e León de Reservas da Biosfera. Por outra banda, lamentan que non asistisen ó encontro ningún representante das Reservas do Principado de Asturias.

Situación de Terras do Miño e Os Ancares

Terras do Miño e Os Ancares Lucenses cumpren dous dos tres requisitos fundamentais esixidos para manter o recoñecemento:

- Órganos de xestión: A Deputación concluíu a mediados de novembro o proceso de constitución da estrutura de dirección das Reservas, conformada polos Consellos Reitores, encargados da toma de decisións e execución de medidas, e os Órganos de Participación, cos que se abriu á participación de Concellos e cidadanía a xestión destes espazos protexidos e que teñen como funcións a consulta e proposta de ideas.

- Zonificación: A Deputación conta tamén con esta ferramenta, aínda que, no seu ánimo de mellorar a xestión das Reservas, procederá a actualizala, para o que contará coa colaboración da Universidade de Santiago. Trátase da división do territorio incluído nas Reservas en función do seu grao de protección ambiental e usos. O obxectivo é que a súa actualización estea lista en 2012.

- Plan de Acción: O organismo provincial traballa na redacción desta ferramenta, que definirá as liñas estratéxicas de actuación a levar a cabo nestes espazos naturais nun período de dez anos. Neste senso, a institución non parte de cero, pois conta xa con experiencias que deron bos resultados desenvolvidas no marco do programa medioambiental Lug02. Os Órganos de Participación farán propostas e debaterán os plans de acción e os Consellos Reitores aprobaranos, previsiblemente o próximo ano.