Deputación de Lugo

A Deputación potencia a xestión forestal sostible como recurso económico impulsando o XXII Ciclo de Conferencias Luis Asorey

A Deputada de Medio Ambiente e o Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias presentaron no Pazo de San Marcos as xornadas, que terán lugar entre os días 21 e 30, e versarán sobre o aproveitamento sostible dos montes en GaliciaLópez Izquierdo lembrou que Lugo é a provincia galega de “máis importancia forestal”, ó contar co maior número de hectáreas con árbores, o 35% de toda a comunidade, o que demostra as “enormes posibilidades económicas e sociais” da silvicultura en Lugo O INLUDES, onde poden facerse as inscricións de xeito gratuíto, achega 8.000 euros para a organización do congreso, co que a Deputación colabora dende a súa creación, en 1989

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns no Pazo de San Marcos, xunto co Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, a vixésimo segunda edición do ciclo de Conferencias Luis Asorey García, que se centrará este ano na xestión forestal sostible de Galicia. Celebrarase os días 21,22,23,28,29 e 30 na sede do organismo provincial e o 24, na Facultade de Veterinaria. A Academia de Ciencias organiza en colaboración coa Universidade de Santiago estas xornadas, que a Deputación patrocina a través do INLUDES cunha achega económica de 8.000 euros co obxectivo de potenciar o aproveitamento forestal sostible e as enerxías renovables como oportunidade económica da provincia e como ferramenta imprescindible para acabar coa “lacra” dos incendios forestais. Como destacou López Izquierdo, promover a economía medioambiental é de feito unha das liñas estratéxicas de actuación da institución luguesa co fin de favorecer o desenvolvemento económico e social de Lugo, crear emprego e frear a caída demográfica que sofre a provincia, sobre todo nas zonas rurais, “o problema máis grave ó que nos temos que enfrontar”. A Deputación colabora coa Real Academia Galega de Ciencias na organización destas xornadas desde que estas se puxeron en marcha, en 1989.

No acto de presentación, no que tamén estivo presente Antonio Rigueiro, membro da Academia de Ciencias e organizador das xornadas, a Deputada de Medio Ambiente lembrou que, segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN), a superficie forestal ocupa un 68% do total da provincia e desta, un 63% é monte arborizado, unhas 422.000 hectáreas, que supoñen o 35% do total galego. Estes datos converten á provincia lucense “na de máis importancia forestal de Galicia”, pois é a que ten un maior número de hectáreas con árbores, e poñen de manifesto as “enormes posibilidades económicas e sociais” da silvicultura en Lugo. Nesta mesma idea incidiu Antonio Rigueiro, quen explicou que a Academia decidiu centrar este ano as xornadas na xestión forestal, coincidindo coa celebración do Ano Internacional dos Bosques e “porque estes espazos naturais teñen unha gran importancia en Galicia, e particularmente en Lugo”.

O profesor tamén destacou a relevancia dun dos temas a tratar, a sanidade forestal, que se se abordará en dúas conferencias, pois “estamos vendo como diferentes pragas danan os bosques e reducen a súa produtividade, como é o caso da que afecta ós ameneiros, que levamos tempo estudando como combater”. A alternativa máis viable, engadiu, parece ser a reforestación con outras especies. Neste senso, a Deputada de Medio Ambiente indicou que se trata dun tema que “preocupa e interesa moito resolver” á institución, e que se puxo en contacto persoalmente coa Academia de Ciencias e a Universidade de Santiago para colaborar con todas aquelas iniciativas que fagan fronte ás pragas.

O Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias asegurou que o ciclo de conferencias Luis Asorey forma parte das actividades da entidade “para dar conta das oportunidades da ciencia e a súa difusión social”, e que o seu principal obxectivo é “transmitir que a xestión dos bosques debe facerse de xeito equilibrado”. Miguel Ángel Ríos destacou ademais a fonte de riqueza que supoñen os bosques para un territorio “pola súa beleza paisaxística, que promove a actividade turística; polo medio ambiente, porque son consumidores de CO2 e por tanto protexen a capa de ozono; pola industria da madeira, sobre todo en Galicia e particularmente en Lugo, e tamén pola riqueza de produtos que ofrecen, como as castañas”.

Intensa labor medioambiental con Lug02

Pola súa banda, López Izquierdo subliñou que a Deputación está levando a cabo unha intensa labor encamiñada á conservación medioambiental e ó desenvolvemento sostible da provincia a través do programa Lug02, cumprindo ademais con outro dos seus grandes obxectivos: a creación de emprego. Neste senso, indicou que “grazas á confianza que volveu a depositar en nós a Unión Europea, concedéndonos 6,5 millóns de euros, continuaremos con este programa co que, na primeira fase, realizamos nestes catro anos 80 contratos cos que creamos máis de 60 postos de traballo directos para a execución do programa”.

Sete conferencias a cargo de expertos

O ciclo de conferencias da Real Academia Galega de Ciencias, que instaurou en homenaxe ó doutor Luis Asorey, consta de sete disertacións a cargo de seis expertos, que se celebrarán ás 19:30 horas. Son as seguintes:

O día 21, o Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente, Tomás Fernández-Couto, falará de “Xestión Forestal Sostible en Galicia”.

O 22, o Director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, disertará sobre “Certificación Forestal en Galicia”.

O 23, o profesor Antonio Rigueiro ofrecerá unha conferencia sobre “Os Soutos e os Bosques de Ribeira: Ecosistemas en Perigo en Galicia”.

O 24 de novembro, o profesor titular do departamento de Produción Vexetal da USC Roque Julio Rodríguez abordará “A Sanidade Forestal en Galicia”.

O día 28 continuará o congreso coa disertación do profesor da área de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez acerca de “Bosques Singulares de Galicia: Unha proposta de Conservación”.

O 29, a profesora titular do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago María Rosa Mosquera explicará “Os Sistemas Agroforestais: Unha Alternativa de Xestión Sostible para o Medio Rural Galego”.

O encontro rematará o día 30 de novembro coa conferencia do Director Xeral de Conservación da Natureza acerca de “Os Bosques nos Espazos Protexidos en Galicia”.

O congreso conta con 160 prazas dispoñibles, das que a día de hoxe están cubertas case a metade. As persoas interesadas en inscribirse deben entregar unha solicitude no Rexistro do Instituto Lucense de Desenvolvemento Socioeconómico (INLUDES), no número 140 da Ronda da Muralla. A matrícula é gratuíta e os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela que participen obterán un crédito de libre configuración.