Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Feira de Santos de Monterroso, declarada este ano de Interese Turístico Galego

A Vicepresidenta Segunda e o Alcalde, xunto co Concelleiro de Cultura, presentaron a nova edición da cita festiva, que terá lugar o próximo martes, 1 de novembro, e na que, entre outras autoridades, estará presente o Presidente do organismo provincialTras 500 anos de historia esta celebración consolídase coma unha das grandes citas festivas lucenses e galegas, con preto de 1.000 postos ambulantes que se instalarán nas rúas e que foron visitados por máis de 100.000 persoas na edición anteriorO rexedor municipal anunciou que dende o Concello “xa se está a traballar para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, pola trascedencia histórica e cultural que esta cita ten para toda a comarca”

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, o Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, e o Concelleiro de Cultura, José Antonio Rodríguez Guerra, presentaron este mércores no Salón de Actos da Deputación a programación dunha nova edición da tradicional Feira de Santos, que se celebrará o vindeiro día 1 de novembro na localidade monterrosina. Deste xeito, Lara Méndez, subliñou a importancia que ten o feito de que as administracións apoien eventos coma este, “tal e como fai día tras día a Deputación co compromiso de manter unha estreita colaboración cos Concellos da provincia, prioridade deste equipo de goberno e que no seu momento nos inculcou o Alcalde como Deputados de Cooperación cos municipios”.

Coma novidade, por primeira vez os actos festivos darán comezo o luns 31 de outubro, coa celebración dun encontro musical polas rúas da vila, no que participarán tanto charangas como agrupacións de música folclórica, e que servirá de anticipo ó día grande da festa. Con orixes datadas na Idade Media, esta Feira, a máis destacada de todas as que se celebran o primeiro día de cada mes en Monterroso ó longo do ano, acadou o pasado mes de abril a declaración de Festa de Interese Turístico Galego por parte da Xunta de Galicia, tras a insistencia coa que dende o Concello se reclamou dito galardón. Para tal declaración, o organismo encargado de outorgar estas distincións, o Consello Galego de Turismo, tivo en conta factores coma a antigüidade da Feira, a súa singularidade, xa que presenta aspectos orixinais e de calidade que a diferenzan doutras similares, o arraigo entre a poboación e o grao de implicación e participación dos monterrosinos, así como o indubidable valor cultural dos mesmos. Neste senso, Antonio Gato, anunciou que dende o Concello xa deron comezo ós traballos para acadar a Declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, cuxo expediente administrativo será iniciado próximamente.

Coa Feira de Santos xa son 24 as celebracións da provincia que acadan este recoñecemento, que trae consigo un destacado impulso para a dinamización económica e social das localidades galardonadas. En Lugo son 18 concellos os que contan con celebracións distinguidas con esta consideración. Agárdase, pois, que este tradicional festexo acade o éxito adoitado, tal e como quedou demostrado na edición do 2010 coa presenza de máis de 100.000 persoas.

Ofertas para todos os gustos

Os visitantes que se acheguen a Monterroso durante a xornada do vindeiro martes terán a oportunidade de adquirir innumerables produtos. No recinto do mercado gandeiro poranse á venda 1.600 cabezas de gando, entre vacas, cabalos, ovellas ou porcos, etc. Por outra banda os expositores do mercado ofrecerán unha ampla variedade de produtos tales coma produtos gastronómicos tradicionais (queixos, mel, ovos, derivados do porco, noces ou castañas…), flores, artesanía e antigüedades, maquinaria agrícola, roupa e calzado, etc., nos preto de 1.000 postos ambulantes que se instalarán polas rúas da vila e que permanecerán abertos ó público de 8:00 a 15:00 horas. Poderán repoñer forzas gozando dos manxares máis típicos, como a carne ó caldeiro ou o polbo, que se poderán degustar nos máis de 50 postos que cada ano adoitan instalarse na feira.

Unha cita con historia

Diferentes autores afirman que na orixe da feira de Monterroso podería estar o comercio da sal durante a Idade Media, arredor do cal se desenvolveron numerosas transaccións de gando, esencial en tempo para tarefas agrícolas e de transporte. A primeira constancia documental en referencia á feira data de mediados do século XVI.

Ó longo dos seus 500 anos de antigüidade, conmemorados na edición do ano pasado, esta feira trouxo consigo á mellora das instalacións para albergar as reses gracias á afluencia de gando, así como a intensificación dos cultivos para proporcionarlles alimento; as necesidades dos comerciantes que acudían á vila fixeron florecer os negocios das inmediacións, etc. contribuindo deste xeito ó florecemento da economía monterrosina.