Deputación de Lugo

A Deputación recupera en Riotorto a igrexa de San Pedro, datada do século XVII e sen actividade dende hai 60 anos

Presidente e Alcalde en funcións supervisaron as obras de 33.000 euros que permitirán incorporar de novo parte da actividade relixiosa do municipio ó templo Barroco, descentralizándoa da Igrexa Parroquial de 1956 que a substituíu debido ó seu mal estado Organismo provincial, Concello e Goberno Central garanten a calidade da auga no río Eo coa mellora realizada no equipamento da depuradora municipal dentro do POS deste anoA institución acondiciona o lavadoiro e a fonte de Teixeiro, ademais dun camiño municipal en Vilaseca que estaba en terra malia ser o principal acceso ás vivendas duns 50 veciños, executando traballos dotados de 23.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde en funcións de Riotorto, José García Freije, supervisaron este xoves varias obras que vén de finalizar a institución provincial en dito Concello por un valor total de 116.000 euros, e que se inclúen dentro de diferentes plans provinciais cos que a Deputación intensifica a cooperación cos municipios, dotando de servizos básicos e necesarios ós cidadáns.

Besteiro e García acudiron en primeiro lugar, á antiga igrexa de San Pedro, datada do século XVII, de estilo Barroco, que ata hai 65 anos concentraba toda a actividade relixiosa da localidade de Riotorto. O templo comezou a ser reformado a principios do século XX, incorporando elementos do Neogótico, pero as obras tiveron que suspenderse por falta de orzamento. Isto supuxo o deterioro progresivo do monumento e o traslado das celebracións relixiosas á Igrexa Parroquial, inaugurada en 1956 e que se sitúa no núcleo urbano e á que se incorporaron uns dos elementos máis interesantes da antiga igrexa como o Cristo (situado na parte central e datado de XVIII), a imaxe de San Pedro (de moi boa tala e de XVII) e a parándola (de XIX, procedente da Casa Ducal de San Sadurniño).

O titular provincial salientou que “levaba 65 anos pechada malia ser do século XVII e a pesares de que moitos veciños a levan no seu corazón porque durante décadas foi a única igrexa da zona. Por iso, nos últimos anos, coa axuda dos veciños, logramos que deixase de ser unha ruína para convertela nun templo con futuro onde xa se poden celebrar cerimonias”. E é que tendo en conta a riqueza patrimonial do monumento pechado, do que destaca unha torre-campanario de 1762 á que se accede por unhas escaleiras en forma de caracol, os veciños solicitaron á Deputación o seu arranxo. A institución respostou a dita petición incorporando estas obras no Plan de Comunidades Veciñais. Debido á súa complexidade, os traballos executáronse en varias fases e anualidades do mencionado Plan. O seu valor total ascendeu a 33.000 euros, dos que 22.000 euros foron financiados polo organismo provincial.

As actuacións, que veñen de ser rematadas, consistiron na mellora da cuberta, lousado, acondicionamento da sacristía, reposición de fiestras, instalación de subministro eléctrico e arranxo do acceso ó cemiterio. Isto permitirá, tal e como demandan os cidadáns, que a Igrexa de San Pedro recupere parte da súa actividade relixiosa. Precisamente, o párroco xa ten previsto descentralizala da Igrexa Parroquial para incorporar algunha celebración ó antigo templo como anteriormente.


Mellora da depuradora co POS
O Presidente tamén aproveitou a visita a Riotorto para coñecer as actuacións levadas a cabo na depuradora municipal, situada en Ponte de Ferreira, no lugar do Tombo, e cuxo equipamento vén de ser mellorado mediante o Plan de Obras e Servizos (POS) de 2011, que está co-financiado nun 50% polo Ministerio de Administracións Públicas, nun 25% pola Deputación e noutro 25% polos Concellos. Neste caso, os traballos executados contaron cun orzamento de 60.000 euros que se adicou principalmente á substitución e á ampliación da maquinaria que se atopaba obsoleta. É unha obra proposta polo Goberno municipal e executada pola institución provincial coa que se logra poñer fin ós problemas dos verquidos da auga xa que, segundo un informe da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a súa calidade non era suficiente, afectando tanto ás zonas do río Eo como á de baño na Pontenova, esta última máis coñecida como Poza da Ola.

Máis investimentos en Riotorto
Besteiro e García supervisaron, ademais, outras dúas obras enmarcadas no Plan de Comunidades Veciñais 2011 que están a piques de finalizarse. Trátase do acondicionamento do lavadoiro e da fonte, así como do seu acceso, en Teixeiro. Son uns traballos demandados polos 40 veciños deste núcleo rural, dotados de 7.000 euros, e financiados nun 75% pola institución provincial. A maiores, a Deputación tamén está a ultimar o acondicionamento dun camiño municipal en Vilaseca que dá acceso ás vivendas duns 50 cidadáns. Neste caso, a aportación do organismo provincial, que ascendeu a 16.000 euros, foi decisiva para mellorar notablemente a calidade desta vía, xa que pasou de estar en terra a dispoñer dun firme con aglomerado en quente, o que garante a durabilidade da mesma, así como a seguridade dos seus usuarios.