Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e o ex integrante de Siniestro Total Segundo Grandío inauguran mañá o curso da Escola de Imaxe e Son

Imaxe deputación de lugo
O centro educativo dependente da Deputación, o único da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da rama audiovisual, oferta dous ciclos: Produción e Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos Na apertura do novo ano académico, Grandío compartirá cos estudantes a súa ampla experiencia profesional

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o ex integrante da mítica banda Siniestro Total Segundo Grandío inaugurarán mañá martes o novo curso académico da Escola de Imaxe e Son (EIS), dependente da institución provincial. O centro educativo, o único de Lugo que imparte ensinanzas de formación profesional da rama audiovisual, oferta dous ciclos superiores: Producción e Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. A EIS imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos e ten matrícula gratuíta dende hai catro anos.

No acto de inauguración do ano académico da escola, o músico e produtor artístico Segundo Grandío compartirá cos estudantes a súa ampla experiencia profesional, que desenvolve dende o ano 1988, nos diferentes ámbitos do sector audiovisual. Ademais de formar parte de Siniestro Total, Grandío fundou os estudos Casa de Tolos, sitos na localidade pontevedresa de Gondomar.

O éxito da demanda de prazas na escola repítese dende o ano 2009, logo de que a Deputación, facendo un esforzo inversor e apostando pola educación gratuíta, establecese a matrícula con custe cero para os alumnos. Ademais, marcou como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, logrando que os estudantes acadasen una preparación vencellada directamente ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Para garantir a preparación dos alumnos, dende 2009 a Fundación TIC incrementou en máis dun 300% os convenios con asociación socioculturais, deportivas e empresas da provincia.