O CENTRAD inicia hoxe a programación de obradoiros de outono, que inclúe trece variadas propostas
O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación iniciou este sábado a programación de obradoiros da tempada de outono, que inclúe trece variadas propostas relacionadas coa cestaría, xoiaría, coiro, artes do libro, vidro, madeira e tapizaría. O artesán xoieiro Miguel Caamaño imparte o curso que arrincou hoxe, dedicado ós esmaltes ao lume en xoiaría. As clases impártense en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e continuarán desenvolvéndose mañá e as fins de semana do 22 e 23 e do 29 e 30 deste mes. Os asistentes aprenderán como elaborar broches con esmalte e prata ou cobre.
Este luns comezarán outros catro talleres:
- Corozas e Capelos, que mostrará ós asistentes como elaborar este tipo de cestos. María de la Cruz Torre ofrecerá as clases, que terán lugar ata o 21 de outubro, entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00.
- A Marroquinería como especialidade. José Ramón Lleó ensinará neste obradoiro como fabricar artigos de coiro, como bolsos e maletas. Ata o 29 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas.
- Encadernación. Este curso está dirixido a alumnos con coñecementos previos de encadernación. Será impartido polo artesán Alfonso Rodríguez de 9:00 a 14:00 horas. O obxectivo é mostrar diversas técnicas de encadernación e técnicas decorativas aplicadas ao libro.
- Iniciación á ebanistería. Os participantes coñecerán as ferramentas e a súa manipulación, e construirán pezas de mobiliario. João Fernández dará as clases de 10:00 a 14:00 horas.
A oferta do programa do CENTRAD para o outono desenvolverase hasta o 27 de novembro e complétase con outros oito cursos sobre técnicas decorativas e de cor en coiro (do 22 ó 30 de outubro); contas de vidro (do 24 ó 28 de outubro); cestaría da Ribeira Sacra (o 5 e 6 do próximo mes); cestaría tradicional de láminas de madeira, cesta dos zoqueiros, cesta da merenda e cesta da media (do 7 ó 18 de novembro); fabricación de torques (do 5 ó 27 de novembro); tapizado (entre o 7 e o 18 de novembro); e iniciación á tipografía e impresión en chumbo (do 14 ó 23 de novembro).
Algunhas prazas libres
Aínda que a maioría dos cursos teñen xa tódalas prazas cubertas (hai 71 persoas anotadas), quedan vacantes en Cestaría de Láminas, Fabricación de Torques, Tipografía, Contas de Vidro e Tapizado. Para anotarse hai dúas posibilidades: facelo de maneira presencial no CENTRAD, situado na rúa Chantada da capital, de 9:00 a 14:00 horas, ou a través de Internet, entrando na páxina www.centrad.org.