Deputación de Lugo

A Deputación avanza na adquisición do 100% dos terreos para que PACADAR sitúe a nova factoría en Monforte

Gómez Besteiro e 10 veciños asinaron as escrituras de 3 novas parcelas que converten á institución en propietaria doutros 10.000 m2 nas proximidades do polígono do Reboredo Coa posta en marcha da factoría, a Deputación posibilita a creación de 100 empregos directos na Comarca de Lemos e contribúe a frear o despoboamento demográfico na zona que, cun 10,3% menos de habitantes, foi a máis perxudicada da provincia no 2010O Presidente subliña que o proxecto da Deputación, xunto á decisión do Goberno Central para facer de Monforte un centro de transferencia de mercancías presente na rede de transeuropea de ferrocarril, “permite ver o futuro con optimismo. Isto é un suma e sigue no que todas as administracións temos que loitar para traer máis empresas á provincia”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e 10 veciños de Monforte de Lemos asinaron este xoves ante notario 3 novas escrituras que converten á institución na propietaria doutros 10.000 metros cadrados nas proximidades do polígono do Reboredo e que se engaden ós 130.000 metros adquiridos con anterioridade. Gómez Besteiro salientou que “damos un paso máis no compromiso da Deputación co futuro desenvolvemento empresarial de Monforte, avanzando na adquisición do 100% dos terreos para que Pacadar sitúe na área industrial monfortina a súa nova factoría. O noso proxecto, sumado a decisión que tomou onte o Goberno Central e que ratificou a Unión Europea para facer de Monforte un centro de transferencia de mercancías presente na rede transeuropea de ferrocarril, permite ver o futuro con optimismo. Isto é un suma e sigue no que todas as administración temos que loitar para traer máis empresas á provincia”.

O titular provincial destacou que só quedan 2 parcelas para culminar a fase de adquisición de terreos. Ó respecto salientou que “queremos chegar a un acordo cos seus propietarios pero senón fose posible teríamos que acudir á expropiación, proceso ó que non nos gustaría ter que recorrer”, insistiu. De xeito paralelo, a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte deberán agora tramitar as licenzas correspondentes para converter o solo rústico en urbano. Posteriormente, o organismo provincial, mediante a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), redactará o proxecto para iniciar a súa execución o vindeiro ano. Finalmente, tal como establece o convenio asinado entre Deputación e PACADAR, venderanse os terreos á entidade de prefabricados de formigón a 12 euros/m2. Trátase dun prezo competitivo, que representa a suma dos custes de adquisición e urbanización, facendo que a ganancia para a institución provincial sexa cero pero beneficiando notablemente á comarca monfortina.

Freo ó despoboamento

O acordo que a Deputación acadou con PACADAR aposta pola creación de emprego para combater ó despoboamento demográfico na provincia. Lugo encabezou o retroceso demográfico de 2010 en Galicia, ó perder case 3.000 habitantes e onde a zona sur foi a máis prexudicada, ó sufrir un retroceso do 10,3%. A posta en marcha da factoría de dita entidade de prefabricados de formigón en Monforte conlevará a maior operación de xeración de emprego levada a cabo na zona de Lemos nos últimos 25 anos. Suporá a contratación de 100 empregos directos, todos eles, segundo o marcado pola institución provincial, serán de Lugo, prevalecendo a zona sur. A maiores, tamén se crearán novos postos de traballo indirectos noutros sectores que se verán beneficiados pola instalación da factoría. É o caso dos transportistas, xa que a infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León e no norte de Portugal.

A 7º factoría en España

PACADAR é unha firma decana no mundo da fabricación de pezas de formigón, que leva máis de 50 anos ó servizo de todos os sectores da construción. Dende a súa constitución en 1944, proxecta e prefabrica as pezas máis difíciles e complexas de formigón tanto para obra civil como para edificación no país. Foi pioneira en España na realización de vigas pretensadas, de taboleiros con vigas prefabricadas para a construción da Ponte de Anoeta, ou do edificio en altura con núcleos ríxidos. Ademais, tamén foi a primeira entidade en elaborar no país un programa de naves industriais prefabricadas, e outros de pasarelas peonís tamén con vigas prefabricadas. Na actualidade, posúe 6 fábricas, as de maior lonxitude na industria española e cos parques de almacenamento máis extensos, que se atopan estratexicamente afincadas en Madrid, Barcelona, Valencia, Toledo e Sevilla. As xestións da Deputación farán posible que a 7º factoría se sitúe en Monforte de Lemos.