Deputación de Lugo

A Deputación abre a xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares á participación dos Concellos e da cidadanía

As administracións locais e organizacións agrarias, de montes, turismo rural, ecoloxistas e de defensa do patrimonio terán voz nas decisións relacionadas con estes espazos protexidos grazas á creación de entidades reitoras nas que estarán representadas Besteiro presidiu hoxe a asemblea na que quedou conformado o Órgano de Participación de Terras do Miño e mañá constituirase ó da Reserva dos Ancares. A Deputación convértese nunha das primeiras Administracións que pon en marcha estes consellos en GaliciaA institución provincial asumiu ata o de agora en solitario a xestión das Reservas a través do programa Lugo2, financiado pola UE, co que se crearon 60 postos de traballo directos

A Deputación de Lugo abrirá a xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses á participación dos Concellos e da cidadanía, que por primeira vez pasarán a ter voz na toma de decisións sobre as accións de conservación e desenvolvemento relacionadas con estes espazos naturais grazas á constitución de sendos órganos reitores nos que estarán representadas as propias Administracións locais e organizacións sociais e profesionais: agrarias, de montes, turismo rural, ecoloxistas e de defensa do patrimonio, entre outras. O titular do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este martes a asemblea na que quedou constituído o Órgano de Participación da reserva Terras do Miño e mañá conformarase o correspondente á dos Ancares. Deste xeito, como asegurou o Presidente, a Deputación convértese nunha das primeiras Administracións de Galicia en poñer en marcha estas entidades de dirección.

Na asemblea celebrada hoxe participaron tódolos Alcaldes dos 26 municipios incluídos en Terras do Miño, excepto os de Friol e Castro de Rei, que declinaron a invitación, e os de Baralla, Begonte, Outeiro de Rei, Xermade, Ourol, O Páramo, Guntín, A Pastoriza e Mondoñedo, que tiñan confirmada a súa asistencia pero finalmente non acudiron. O Presidente provincial lamentou esta ausencia, dada a importancia do encontro mantido, pois “estamos a escribir un capítulo que marcará un antes e un despois na relación entre a Deputación e os Concellos das Reservas da Biosfera, xa que, por primeira vez, pasaredes de non ter voz nin voto a ser os auténticos protagonistas no deseño do futuro Plan de Acción que desenvolveremos conxuntamente para seguir impulsando estes espazos naturais”. Besteiro indicou que a partir de agora, grazas ós Órganos de Participación, os Concellos e organizacións sociais e profesionais teñen a oportunidade de propoñer iniciativas encamiñadas ó desenvolvemento socioeconómico e á conservación das Reservas, e suxerir actuacións que revertan na mellora de calidade de vida dos veciños e do seu entorno.

A composición dos Órganos de Participación será a seguinte:

O Presidente será o mesmo co da Deputación

Entre os vogais haberá un representante de cada un dos grupos políticos provinciais; un por cada Concello incluído na Reserva, e un por cada colectivo social ou profesional que decida adherirse ó órgano.

Os Órganos de Participación, que quedarán constituídos esta semana, cumprirán funcións de consulta e proposta de ideas. As Reservas da Biosfera deberán contar ademais con outra entidade de dirección complementaria, os denominados Consellos Reitores, que serán os que asuman as funcións de decisión e execución de medidas, e que se conformarán nos próximos días.

Contra o desemprego e o despoboamento

Gómez Besteiro vinculou a constitución destes órganos de xestión das Reservas coa mellora e ampliación de actuacións encamiñadas ó desenvolvemento socioeconómico da provincia. “Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, un valor engadido non estamos dispostos a desaproveitar polas oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece e tamén polo abano de posibilidades que abre para atallar un dos máis graves problemas que afronta a provincia, o despoboamento demográfico”, indicou o Presidente.

Ata o momento, a Deputación asumía en solitario a xestión das Reservas a través do programa Lugo2, financiado con fondos europeos e co que se crearon 60 postos de traballo directos. É o caso dos bolseiros que realizaron prácticas en países europeos ou das 25 persoas que traballan nas empresas que se crearon no marco deste programa: Agrodynamics, Alitraz, Iberiam Science, Cooperativa Ecoleite e Terras de Burón. Gómez Besteiro recalcou neste senso que “a confianza que voltou a depositar” a UE na Deputación coa concesión de 6,5 millóns de euros permitirá continuar con Lugo2 para impulsar na provincia iniciativas de desenvolvemento sostible e creación de emprego.

Tres Reservas da Biosfera

Lugo concentra a maioría das Reservas da Biosfera recoñecidas en Galicia, ó contar con tres dos cinco espazos naturais que a UNESCO declarou na comunidade autónoma: Terras do Miño, Os Ancares, e Río Eo-Oscos-Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002, e a máis grande da comunidade autónoma e a segunda de toda a Península Ibérica. Ocupa 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. Na Reserva está incluídos 26 concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.

Declarada en 2006, a dos Ancares foi a segunda Reserva recoñecida en Lugo e a terceira de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Inclúe os municipios de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.

A UNESCO outorgou en 2007 o recoñecemento a área Río Eo, Oscos e Terras de Burón, cuxa candidatura foi apoiada pola Deputación. Ocupa unha superficie de 108.007 hectáreas (o 11% do territorio da provincia) e comprende 7 Concellos galegos (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e outros 7 pertencentes a Asturias.