Deputación de Lugo

A máxima cooperación cos Concellos centrou a xestión dos primeiros 100 días do equipo de Goberno da Deputación

Martínez confirma que a institución xa iniciou o proceso de restruturación do INLUDES para incrementar a asistencia municipal, logrando unificar a brigada de mantemento e intensificar departamentos fundamentais como contratación, intervención e fondos europeosO voceiro adianta que en novembro, un mes antes do previsto, aprobarase o Orzamento de 2012 para así facer fronte canto antes ós problemas de liquidez dos municipios. “Fronte á falsa austeridade da Xunta, será un Presuposto realista, baseado no gasto xusto e útil”Logo da celebración de 116 cursos gratuítos nos que participaron 818 persoas, o In Lugo inicia o martes a programación de outubro que inclúe outras 34 xornadas. Os interesados poden formular a súa solicitude no 982-22-51-86 ou en inlugo@deputacionlugo.org.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, fixo este venres balance dos primeiros 100 días de Goberno na Deputación que se cumprirán mañá logo da celebración do Pleno de investidura da actual corporación provincial o pasado 23 de xuño. Martíñez setenciou que durante este período mantívose como prioridade máxima na acción política da institución luguesa a cooperación e a asistencia ós Concellos, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico, especialmente no rural. O tamén Deputado de Xestión Territorial resumiu as principais liñas de actuacións que marcaron os últimos meses:

1.- Días despois da formación deste Goberno, a Deputación convertíase en propietaria do 73% dos terreos necesarios para que PACADAR, unha prestixiosa empresa de prefabricados de formigón, sitúe a súa nova factoría no polígono de Monforte, supoñendo a maior operación de xeración de emprego nos últimos 20 anos para a Comarca de Lemos mediante a contratación directa de 100 persoas, todas elas, segundo o acordado con PACADAR, da provincia. O organismo provincial está a piques de liquidar este proceso de adquisición ó contar coas opcións de compra necesarias.

2.- A institución comezou co proceso de restruturación do INLUDES para reforzar a Cooperación cos Concellos. Martínez explicou que se trata dun proceso progresivo que cómpre da avaliación das necesidades nos municipios e das dos propios traballadores da institución. A Deputación logrou xa unificar a brigada de mantemento da Deputación que antes se atopaba diversificada polos diferentes organismos dependentes, atendendo exclusivamente as necesidades do seu espazo de traballo. Por exemplo, os 5 operarios do INLUDES só actuaban neste edifício. Agora, existe un único equipo composto de 20 persoas que se sitúan nas instalacións do Hotel Miño. O voceiro socialista subliñou que “optimizamos recursos e aforramos custes, ó no ter que depender de empresas exteriores para, por exemplo, facerse cargo do mantemento dos novos xardíns da Deputación ou da recuperación dos pavillóns de Santa María, traballos que asume o equipo de mantemento”

Ademais, o organismo provincial tamén reforzou co persoal do INLUDES departamentos fundamentais da institución como Fondos Europeos, Contratación ou Intervención. Actualmente, séguese a avanzar na restruturación.

3.- A Unión Europea premiou á Deputación, convertendoa na 5º entidade local de España que máis fondos comunitarios recibiu na última convocatoria. Martíñez lembrou que se acadaron máis de 17 millóns que nos permiten poñer en marcha as segundas partes de 3 proxectos, dotados dun total de 25 millóns de euros, encamiñados a conseguir a estabilidade demográfica, crear novos postos de traballo na provincia e consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica de Lugo.

Trátanse de Lug02, a iniciativa que xerou máis de 50 empregos mediante a posta en valor da riqueza natural de Lugo; o Pacto Provincial polo Emprego, a programación coa que a Deputación logrou que ducias de mozos que recibiron formación e realizaron prácticas sobre as profesións con máis futuro, detectadas precisamente mediante esta iniciativa, atopasen traballo en Lugo; e o Innova-TE, o programa tecnolóxico co que, en menos dun ano, a institución implantou a administración electrónica na provincia e levouse a Rede ás 31 Casas Consistorias que se sumaron a esta iniciativa.

4.- Avanzouse na construción do 1º centro de recría público en España nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Logo de que a Xunta bloquease durante máis de 1 ano o que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas en Galicia ó non condecer a Declaración de Impacto Ambiental imprescindible para iniciar os traballos, logrouse reducir os prazos. Deste xeito, en febreiro, terán listas as 13 naves que acollerán 3.000 novillas, evitando importantes de custes ós gandeiros xa que non terán que recriar as súas cabezas fora da Comunidade. Martínez destacou que “o Goberno galego non ten reparos en apoiar a iniciativa privada, como o centro de recría de Pantón, pero non a pública porque para o maior proxecto de centro de recría no país non hai un peso. A Xunta só puxo pedras no camiño e paus nas rodas co fin de non iniciar estas obras no tempo previsto”.

5.- Iniciouse o proceso de integración do parque de bombeiros de Monforte ó Consorcio Provincial, garantindo a cobertura contraincendios no 100% da zona sur de Lugo.

6.-Arrancaron as obras do polígono de Paradela, investindo 2,5 millóns de euros. Estes traballos finalizarán en tan só 3 meses, permitindo que as 5 empresas interesadas ata o momento se asenten, xerando novos postos de traballo. Ademais, a institución está a piques de rematar a ampliación da área industrial de Chantada así como a de Castroverde. Este martes, o Pleno aprobou ós Plans Especiais para construir novos polígonos en Triacastela e Trabada.

7.- A Deputación está a avaliar as necesidades de cada área da institución para aprobar en novembro, un mes antes do establecido, o Presuposto para 2012 co fin de intensificar a cooperación cos Concellos e facer fronte ós problemas de liquidez que están a sufrir. Martínez avanzou que “fronte á falsa austeridade da Xunta, o Orzamento da Deputación para 2012 será realista e basearase no gasto xusto e útil”.

8.- Nas áreas de Cultura, Deporte e Turismo, o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, explicou que se están a dar continuidade ás iniciativas e proxectos postos a andar no anterior mandato, ó mesmo tempo, que se iniciaron as reunións co tecido asociativo da provincia de cara á elaboración “dun orzamento participativo para 2012, onde a sociedade teña capacidade de decisión”. Nestes senso, Veiga destacou que “estas xuntanzas están a ser enriquecedoras para desenvolver o noso traballo, como o é comprobar que o restabelecemento de varias liñas de Noitebús que se van a poñer en marcha en colaboración co sector hostaleiro, están sendo aplaudidas incluso por Alcaldes de Concellos onde goberna o PP tal e como constatamos na xuntanza de onte”.

Nova mostra da cooperación cos Concellos

Como nova mostra da cooperación cos Concellos que está a primar a actividade da Deputación, a Xunta de Goberno aprobou os últimos trámites- os Plans de Seguridade e Saúde no Traballo- de 5 obras de carácter municipal que executa e financia na súa totalidade a institución provincial, achegando para elo 116.300 euros e aforrando polo tanto, este custe ós Concellos de Portomarín, Lugo, O Saviñao e Trabada.

Martínez salientou que son todas elas actuacións solicitadas á institución provincial polos Acaldes de ditos municipios ante a imposibilidade de asumilas e “ante a falsa austeridade que practica a Xunta. Nós priorizamos o gasto xusto e útil e respostamos ós veciños levando a cabo, nesta ocasión, os seguintes traballos:

En Trabada. A Deputación xa aforrou 300.000 euros a este municipio ó asumir as melloras de vías municipais afectadas polo temporal Doris que se remataron nos 40 días posteriores á borrasca que arrasou a Mariña xa en xuño de 2010. A institución volta agora a facer un esforzo inversor de 28.648 euros, para reparar os danos que a borrasca provocou no parque público da Igrexa e no pavillón polideportivo de Sante. Martínez setenciou que “este é, sen dúbida, un exemplo moi ilustrativo para entender que a falta de liquidez nas arcas municipais debido á crise e a desidia do Goberno galego en Lugo onde non inviste senón que recorte provoca que, 1 ano máis tarde da borrasca, os veciños de Trabada teñan servizos municipais en malas condicións. A Xunta de Galicia para Lugo nada”.
En Portomarín: acondicionamento do acceso á San Fiz por valor de 10.500 euros e colocación de sumidoiros para a recollida de augas pluviais na travesía de Lugo dotada de 15.186 euros; en Lugo: acondicionamento de vías en Santa Mariña de Torible, O Veral, Lamas e Esperante, cun investimento de 45.350 euros. E no Saviñao: acondicionamento da vía municipal de acceso a Pimento por valor de 16.600 euros.

34 cursos gratuítos

Por outra banda, o Deputado avanzou que o vindeiro luns, 3 de outubro, iniciarase a programación de cursos gratuítos sobre as novas tecnoloxías para o mes de outubro do In Lugo. Trátanse de 34 variadas e especializadas xornadas formativas dirixidas a persoas de todas as idades, -dende maiores a nenos-, e a profesionais tales como autónomos, agricultores ou gandeiros. Destas, 25 celebraránse nas instalacións do 1º Centro de Innovación social en Galicia, é dicir na segunda pranta da Escola de Imaxe e Son, na capital, mentres que 9 levaránse ós Concellos de O Incio, Becerreá, Vilalba e Pobra do Brollón. É a programación itinerante que se leva ós distintos municipios segundos as demandas realizadas polas asociacións veciñais.

Martínez avanzou que, dende a posta en marcha do In Lugo, no mes de marzo, celebráronse un total de 116 cursos nos que participaron 818 persoas. A programación preparadas para outubro pódese consultar na web www.inlugo.deputacionlugo.org. Para formular a soliticute só é preciso chamar ó 982-22-51-86 ou enviar un correo a inlugo@deputacionlugo.org.