Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta a non desmantelar a ensinanza pública, priorizando o investimento en servizos sociais

A institución reclama ó Goberno galego poñer fin ó empobrecemento do ensino público e ó desequilibrio territorial no reparto de fondos. A provincia só contou co 15% do total das axudas de Abalar, co 11% do Plan de Seccións Bilingüe e co 9% de Centros PlurilingüesLogo de comezar a lexislatura suprimindo o préstamo gratuíto dos libros de texto e reducir, ano tras ano, o seu presuposto en Educación, a Xunta recortou en Lugo o número de docentes ata nun 40%, pechou 30 aulas e prescindiu do mesmo número de mestresO Pleno aprobou a liquidación do Orzamento de 2010, demostrando que, sen deixar de investir, a Deputación mantén as súas contas saneadas e equilibradasDíaz Valiño defende que “a maior mancomunidade da provincia é a Deputación xa que en 4 anos construíu unha sólida estrutura de cooperación municipal mentres que anteriormente, co PP á fronte, só dispoñía dun raquítico servizo de asistencia xurídica”

O Pleno da Deputación aprobou, co voto en contra do Partido Popular, instar á Xunta a non desmantelar a ensinanza pública e a priorizar o investimento en servizos sociais co obxectivo de poñer fin ó empobrecemento do ensino público e o desequilibrio territorial da Comunidade especialmente en Lugo, provincia situada no vagón de cola nesta materia en Galicia. Este acordo prodúcese logo de debater unha proposta que o Partido Socialista levou á sesión deste martes, dando conta dos recortes educativos levados a cabo polo Goberno galego na provincia. O último foi a reducción en máis dun 25% no número de docentes nos colexios. Porcentaxe que, en algúns casos, ascendeu ó 40%. E é que, só durante este ano, a Xunta pechou ademais en Lugo preto de 30 aulas e prescindiu dun número semellante de mestres.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que o Partido Popular deu probadas mostras das súas intencións coa ensinanza público ó suprimir o préstamo gratuíto dos libros de texto nada máis chegar ó Executivo autonómico. A isto engádese, subliñou, os recortes nos presupostos para gastos de funcionamento dos centros públicos. Proba disto, máis do 59% dos centros de primaria e o 75% dos de secundaria terán en 2012 menos cartos dos que tiñan en 2009. Nembargantes, ano tras ano, o numero de matriculados nos colexios públicos aumenta. “Máis alumnos, menos profesores e menos aulas: unha inexplicable fórmula que o PP defende porque o ve o ensino público como un gasto e non como un investimento. Está a provocar EDUCOFOBIA”, destacou.

Desequilibrio no reparto de fondos

Manuel Martínez denunciou ademais, o desequilibrio no reparto das axudas en materia educativa, situando a Lugo, en todos os casos, en último lugar. Por exemplo, a provincia contou co 15% dos fondos de Abalar, proxecto que en Galicia beneficiou o 47% dos centros de primaria privados fronte ó 20% dos públicos. O Plan de Seccións Bilingüe deixou na provincia lucense o 11% das axudas, fronte ó 34% na Coruña e Pontevedra. Da mesma forma, Lugo só contou co 9% dos fondos do proxecto de Centros Plurilingües.

Visto e prace ás contas

O Pleno aprobou a conta xeral da Deputación de 2010 para, a continuación, poñelo a disposición do Tribunal de Contas tal e como rixe a lei. A documentación que se presentou á sesión estivo primeiro a exposición pública para un maior coñecemento de todos os grupos políticos e non recibiu alegacións por parte de ningún partido. Nembargante, o PP abstívose na votación. Os informes presentado na sesión inclúen toda a actividade orzamentaria da institución luguesa durante o ano pasado, reflexando que, sen deixar de investir, a Deputación mantén as súas contas saneadas e equilibradas por varios motivos:

1.- O Orzamento de 2010 ascendeu a 114 millóns de euros. Isto permitiu poñer en marcha o Plan Extraordinario de Obra Pública que levou actuacións a todos os municipios lucenses por un valor total de 60 millóns de euros, mantendo centos de postos de traballo; liquidar grandes débedas históricas na provincia como a do canon hidroeléctrico mediante o investimento de 11 millóns de euros en obras acordadas cos 16 Alcaldes dos Concellos afectados; ou poñer fin á discriminación que sufría Lugo, a única provincia galega que non contaba con servizo contraincendios, coa construción e dotación de 5 novos parques de bombeiros grazas á creación en 2008 do Consorcio Provincial, organismo financiado ó 50% por Deputación e Xunta; ademais de executar as primeiras partes de 3 proxectos europeos, (Lug02, Innova-TE e Pacto Provincial polo Emprego) dotados de 17 millóns de euros.

2.-Priorizando o gasto xusto e útil, o organismo provincial amortizou 10 millóns de euros, reducindo a súa débeda nun 14%. Neste senso, sinalou que as contas da institución lucense se atopan por debaixo do nivel máximo do 75% de endebedamento que marca a Lei de Presupostos do Estado permitindo, se fixese falla, recorrer a novas operacións de crédito.

3.-Na liquidación do Orzamento, obsérvase que a Deputación tamén cumpre co principio de estabilidade orzamentaria ó situar as contas por debaixo do 5,53% dos ingresos non financieros que establece a normativa.

4.- A maiores, a Deputación segue á cabeza das administracións que menos tempo tarda en aboar as facturas ós proveedores, situándose este prazo en 33 días fronte ós 39 da Xunta. A este respecto, Manuel Martínez lembrou que a implantación da factura electrónica grazas ó Innova-TE, permitirá rebaixar aínda máis deste prazo, situándoo en 25 días.

Froito da boa xestión e como resultado dunhas contas saneadas e equilibradas, a Deputación comezará a devolver ó Estado en xaneiro a cantidade correspondente á liquidación do 2009, un total de 22.263.435 euros. Deste xeito, a partires de dito mes e durante 5 anos, a institución pagará ó Goberno Central 371.057 euros.

A Deputación, “a maior mancomunidade da provincia”

O Pleno aprobou por unanimidade unha proposta relativa á adopción de medidas para favorecer a actuación conxunta dos Concellos. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, defendeu que “apoiamos esta medida porque estivemos, estamos e estaremos colaborando con todos os municipios da provincia, cos que estén mancomunados e cos que non. Ademais, fíxense, a Deputación é a maior mancomunidade da provincia. Dende a institución respetamos a autonomía municipal e as decisións que se adoptan dende os Concellos sobre todo aquelas que redunden na reducción do gasto improdutivo.

Díaz Valiño subliñou ademais que “a ninguén se lles escapa que a Deputación leva 4 anos colaborando con Concellos, logrando construír unha sólida estrutura de Cooperación municipal. Alegrámonos que o PP se acorde por fin dos Concellos pero danos a sensación que este partido non estivo aquí no pasado mandato, momento no que, por 1º vez na historia desta institución, se creou a Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos que, por certo, é a verdadeira competencia que lle dá a Constitución á institución provincial. Non sabemos en que pensaba o Partido Popular cando gobernaba na Deputación xa que o único que fixo foi unha asistencia xurídica raquítica. Non se elaboraban informes, dictames nin sequera había atención telefónica. Nós, dende o ano 2007, traballamos de forma definida na cooperación. Deste xeito, o 1º compromiso do Presidente é a ratificación como prioridade máxima na acción política da Deputación a cooperación cos Concellos. Algunhas das medidas postas en marcha en este sentido foron a aprobación do regulamento de Cooperación cos Concellos, a mellora do servizo de Recadación para unha maior tesourería nos municipios; a ampliación da asistencia xurídica; o inicio do asesoramento en Recursos Humanos; a posta en marcha dun Plan de Pequenas Infraestruturas; a celebración dos encontros cos Concellos, este ano celebraremos o 3º, que supuxo un novo avance na relación institucional e no intercambio de experiencias; aumento na cooperación en materia de tribunais....o Lugo Emprega, o Consorcio de Bombeiros, etc. Por todo elo, estamos de acordo con esta proposta malia que deberiamos facer unha modificación: a Deputación continuará dotando ós Concellos e non dotará”.

SUPLUSA

O Pleno aprobou por unanimidade os Plans Especiais para a creación de solo industrial en Triacastela e Trabada. Ambos os dous Concellos continuarán agora coa tramitación destas iniciativas que deberán ser agora aprobadas polas entidades locais para, finalmente, a Xunta de Galicia lles conceda o visto e prace definitivo. A continuación, a Deputación, a través da Sociedade Urbanística Provincial –SUPLUSA- poderá iniciar as obras das 2 áreas industriais. A de Triacastela contará con 31.300 metros cadrados e a de Trabada con 40.000 metros cadrados.

Ó respecto de SUPLUSA, hoxe tamén se celebrou o Consello de Administración de dito organismo dependente da institución provincial no que se aprobaron os nomeamentos dos novos representantes deste órgano. Estes son: Pilar García Porto, Deputada de Economía, Recadación e Facenda; Sonsoles López Izquierdo, Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables; Miguel Ángel Soutela Vega, actualmente Deputado de Goberno Interior logo de estar ó cargo do departamento de Urbanismo no anterior mandato; Juan José Díaz Valiño, Deputado de Cooperación cos Concellos; Mario Outeiro, Deputado de Cultura e Turismo; Antonio Veiga, Vicepresidente 1º da institución; e os Deputados provinciais, Jesús Carreira e José Gómez Puente.

O Consello, que está composto por membros do PSOE, PP e BNG, así como polo propio Presidente da Deputación, un Secretario, Xerente, Tesoureiro, Interventor e Director Técnico, é o órgano de dirección responsable último das iniciativas impulsadas por SUPLUSA. Entre os seus principais cometidos atópase a aprobación do orzamento da Sociedade para 2012, a posta en marcha das obras de construción das 12 primeiras residencias con centros de día na provincia, a creación de máis solo industrial en Lugo ou o desenvolvemento do proxecto de PACADAR, permitindo situar na área industrial de Monforte de Lemos a nova factoría desta entidade de prefabricados de formigón e crear máis de 100 postos de emprego nesta Comarca.