Deputación de Lugo

A Deputación contribúe a fixar poboación no rural co 4º Plan Extratéxico de Subvencións de case 800.000 euros

Gómez Besteiro avanza que o Consello Reitor do INLUDES aprobou un plan de axudas para impulsar o benestar social, a investigación, a agricultura, a gandeiría e a pesca, que será efectivo a comezos de 2012 unha vez resoltos os trámites legaisSon subvencións para o desenvolvemento do sector primario, a mellora dos servizos no rural, o fomento de proxectos innovadores e a promoción da artesanía con becas de estudo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este luns que o Consello Reitor do Inludes aprobou na sesión de hoxe o 4º Plan Extratéxico de Subvencións dotado de case 800.000 euros cuxo obxectivo é contribuír a fixar poboación no rural, mediante o impulso do benestar social, da investigación e innovación, da agricultura, gandeiría, pesca e da artesanía. Besteiro adiantou que “acordamos antes de final de ano este Plan co fin de axilizar os trámites legais necesarios, tales como as bases de cada convocatoria, para que a principios de 2012 sexa efectivo e os todos os interesados poidan facer as súas solicitudes. Estamos en crise pero debemos manter, tal e como estamos a facer, as axudas en clave de benestar social e medio rural para fixar poboación na provincia”. Segundo datos do INE, Lugo foi a provincia galega que máis poboación perdeu o ano pasado con 1.974 habitantes menos.

O Plan divídese en 4 liñas de actuación:

1.- Apoio á agricultura, gandeiría e pesca. Preto de 600.000 euros en axudas dirixidas ó desenvolvemento de ditos sectores mediante accións formativas ós novos empresarios, actuacións para a modernización e mellora das explotacións, o fomento de sistemas de identificación xeográfica e de calidade dos produtos, así como para actividades relacionadas coa sanidade dos mesmos mediante o control de pragas, malezas e enfermidades. Dentro desta liña de actuación, contémplanse subvencións para a promoción e exaltación de produtos autóctonos por valor de 92.600 euros.

2.- Benestar social. Adícanse 76.200 euros para o fomento de actividades ou actuacións orientadas á promoción do benestar comunitario, incrementando a calidade de vida no rural. Son axudas dirixidas á mellora de servizos básicos ós cidadáns como saneamento, abastecemento e distribución de augas, recollida e eliminación de residuos, mellora e limpeza de vias, alumeados públicos...; así como á celebración de novos eventos, concursos, exposicións, feiras ou mercados provinciais que contribúan ó impulso da economía da zona.

3.-Fomento da investigación e da innovación. Achéganse 66.000 euros para axudas que estimulen a investigación científica, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico co obxectivo de favorecer a economía da provincia. Son subvencións dirixidas a proxectos que cunha forte aplicación práctica e rendibilidade económica, á obtención de información relevante e fideligna para entender, verificar, corrixir ou aplicar o coñecemento obxecto de estudo, á busqueda de solucións a problemas de carácter científico e tecnolóxico e a estimular ou fomentar as investigacións nos principais sectores produtivos.

4.- Promoción da Artesanía. 41.000 euros en apoio ó sector artesanal coa mellora dos procedementos de traballo dos artesáns dende a creación do seu produto ata a súa posta á venda, coa incorporación das novas tecnoloxías e coa a recuperación e a catalogación das actividades e produtos artesanais. Así mesmo, 30.000 euros serán para as segundas bolsas de estudos e becas artesanías da provincia, así como premios pola realización de traballos de investigación tecnolóxica nesta materia.

Da mesma forma, tamén se investirán outros 6.000 euros en actividades tanto públicas como privadas nos diferentes sectores económicos da provincia, orientadas á participación cidadá para fomentar, dinamizar e divulgar a cultura, así como en acción de promoción e difusión do desenvolvemento sostible dentro da aposta pola protección e mellora do medioambiente.

Os beneficiados destas axudas son persoas físicas ou xurídicas, profesionais que desenvolvan a súa actividade nalguns dos sectores a impulsar, asociacións sen ánimo de lucro, fundacións, organización, cooperativas, organización patronais e sindicais, empresas e Concellos.