Deputación de Lugo

Catorce praias mariñanas lucirán este verán o selo de calidade ambiental ISO 14001 grazas ó apoio da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Os areais renovarán a prestixiosa certificación ambiental tras completar un proceso que financiou integramente a institución provincial aforrándolle a cada Concello 7.300 euros As praias ribadenses de As Catedrais e Os Castros; as focenses de Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa e Arealonga; e as vivarienses de Covas, Area e Sacido son as que contarán co recoñecemento por segundo ano consecutivoAdemais de impulsar a promoción exterior, o distintivo leva consigo outros importantes beneficios, como a implantación continua de melloras nas praias en canto a xestión de residuos, limpeza e servizos

Catorce praias da Mariña lucirán este verán por segundo ano consecutivo o selo de calidade ambiental ISO 14001 grazas ó apoio da Deputación, pois o organismo financiou ó 100% o proceso de auditoría esixido para renovar o prestixioso certificado ambiental, aforrándolle a cada Concello un custe de 7.300 euros. Os areais que contarán de novo co distintivo son os ribadenses de As Catedrais e Os Castros; os focenses de Areoura, Llas, Peixás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa e Arealonga; e os vivarienses de Covas, Area e Sacido. En canto a Burela e O Vicedo, que participaron a pasada tempada no proxecto, nesta ocasión decidiron descolgarse, de xeito que, a non ser que asuman as auditorías con fondos propios, ambos Concellos perderán o distintivo, que, de ter continuado na iniciativa impulsada pola Deputación, terían renovado sen custe algún para as arcas municipais.

O equipo de traballo que se ocupa das auditorías dende mediados de outubro explicou que os Concellos implicáronse a fondo no proceso, polo que cumprirán sen problema cos requisitos esixidos para continuar coa certificación. Unha vez que terminaron as revisións realizadas polos técnicos in situ, remitirase neste mes de xaneiro toda a documentación a AENOR para que a valide e faga oficial deste xeito a continuidade do selo. A Deputación cumprirá así cos prazos establecidos para renovala certificación, desenvolvendo unha xestión eficiente e amosando o seu compromiso coa Mariña e co impulso do sector turístico, un piar do tecido socioeconómico da comarca.

A certificación ISO 14001, concedida segundo a normativa europea EMAS, leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.

Un novo esforzo de cooperación

Aínda que as entidades locais se comprometeran a asumir os custes das auditorías necesarias para renovar a ISO 14001, que deben facerse cada ano, a Deputación tomou a decisión de facer un novo esforzo de cooperación cos municipios e financiar esta primeira avaliación, tendo en conta a delicada situación económica pola que atravesan as administracións locais. Deste xeito, a institución lucense afórralles 7.300 euros a cada un dos municipios participantes, reforzando a súa aposta por que as praias mariñanas sexan un referente de calidade en España e, ó mesmo tempo, potenciando a súa liña de cooperación e asistencia ós municipios da provincia.