Deputación de Lugo

A Escola de Imaxe e Son acolle este xoves un casting para a curtametraxe Post Morten dos estudantes

A proba terá lugar no Salón de Actos da EIS, na rúa Frei Plácido Lemos da capital, dende as 16:30 ás 20:00 horas, facilitando o seguinte correo no caso de non poder acudir neste horario: princpr2011@gmail.com Os actores deste thriller que realizan os alumnos do único centro en Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, deberán ter entre 25 e 35 anosEsta curtametraxe inclúense dentro das prácticas formativas que ofrece a Escola da Fundación TIC co fin de achegar ós estudantes ó mundo laboral

Alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, realizarán mañá, xoves 1 de decembro, un casting de actores para Post Morten, unha das curtametraxe que realizan os estudantes como traballo fin de curso.

Nas probas, nas que poderán participar persoas de entre 25 e 35 anos, terán lugar no Salón de Actos da EIS, na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital, dende as 16:30 horas ata ás 20:00 horas. No caso de non poder asistir neste horario, pódese enviar un correo electrónico a princpr2011@gmail.com, amosando o interese no casting.

Un Thriller como formación

Post Morten é o título dun thriller que conta a historia de Pablo, un mozo que ve alterada a súa tranquila vida ó recibir a chamada do seu gran amigo Lucas, que se atopa en apuros. É a partir dese momento cando terán que demostrar ata onde chega a súa amizade.

Para a súa rodaxe, que terá lugar os días 25,26 e 27 de xaneiro, os alumnos da Escola de Imaxe e Son contan co apoio do profesorado. O traballo inclúe a elaboración do guión, a produción, a gravación e posterior montaxe. Trátase dunha práctica formativa do Centro educativo para a cal os estudantes disporán de todos os medios técnicos necesarios co obxectivo de desenvolver o seu traballo a nivel profesional, e coas que se busca achegar ós alumnos ó mundo laboral.