Deputación de Lugo

A Deputación organiza por primeira vez en Nadal obradoiros artesanais para os máis pequenos

A Deputada de Deseño e Artesanía presentou hoxe a programación de talleres, que están dirixidos a rapaces de entre 5 e 12 anos e se desenvolverán nas instalacións do CENTRAD entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro Grazas ás actividades, os nenos entrarán en contacto co mundo da artesanía e aprenderán a elaborar obxectos coas súas propias mansAs inscricións para os obradoiros, totalmente gratuítos, poderán facerse dende mañá martes no rexistro do INLUDES ou a través da páxina web www.deputacionlugo.org

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este luns a primeira programación de actividades que o CENTRAD organiza para os máis pequenos en Nadal. O centro ofrecerá dez obradoiros de artesanía, que se desenvolverán entre os días 23 de decembro e 5 de xaneiro. Grazas a estes talleres, nenos de entre 5 e 12 anos poderán coñecer os oficios máis tradicionais e a actividade do propio Centro de Artesanía e Deseño. Regina Polín subliñou que “este é un proxecto pioneiro que poñemos en marcha con moita ilusión, porque dese xeito damos a coñecer ós rapaces da provincia a riqueza do mundo artesanal, colaboramos coa conciliación da vida familiar e laboral durante o período vacacional, e tentamos fomentar relacións entre rapaces de toda a provincia”.

Serán dous cursos, consistentes en cinco xornadas cada un, que se centrarán nos cinco obradoiros cos que conta o CENTRAD (traxe tradicional, instrumentos musicais, libro, moble artesán e tapizado). O primeiro destes cursos celebrarase entre os días 23 e 29 de decembro e o segundo entre o 30 de decembro e o 5 de xaneiro, a excepción dos días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro, nos que non haberá actividades por ser xornadas festivas.

Na primeira das xornadas, dedicada ó obradoiro do traxe tradicional, os rapaces poderán elaborar obxectos varios e agasallos con feltro e outros tecidos tradicionais empregados na elaboración da indumentaria galega tradicional. Así mesmo poderán elaborar unhas xoaniñas para vestilas co traxe rexional. En relación co obradoiro de instrumentos musicais, os nenos traballarán para elaborar un asubío e un instrumento tradicional (mirlitón) con cana e madeira; no do libro, poderán descubrir a orixe do papel a través do seu procedemento de fabricación, ó tempo que aprenderán a importancia da reciclaxe. Na xornada do obradoiro do moble artesán, aprenderán do uso das ferramentas tradicionais do traballo na madeira, fabricando eles mesmos unhas caixas de madeira, que poderán tapizar na última xornada, que se dedicará ó obradoiro de tapizado.

Durante todo o tempo que os nenos estean nos obradoiros, o mestre e dous traballadores do Centro de Artesanía e Deseño estarán continuamente ó coidado dos rapaces.

Prazas

En total, o CENTRAD oferta 60 prazas, 30 por cada curso, que son totalmente gratuítos e que están dirixidos a nenos de entre 5 e 12 anos. Un 7% das prazas están reservadas para nenos con necesidades especiais. O horario será o mesmo para os dous cursos: de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 12:30 horas, durante o que terán actividades de ocio, dirixidas por persoal cualificado, e se lles ofrecerá un pequeno almorzo para repoñer forzas e continuar co ‘traballo’ nos obradoiros. No caso dos rapaces con necesidades educativas especiais, Regina Polín salientou que “haberá flexibilidade en canto a idades de admisión e horarios, atendendo a cada caso en particular, para que todos os rapaces participantes aproveiten ó máximo estes obradoiros”.

Inscrición

Os pais que desexen anotar ós seus fillos nestes cursos poden presentar o formulario de inscrición, que terán á súa disposición no propio Centro de Artesanía e no INLUDES, no rexistro deste último dende mañá martes ata o día 21, ou ben mediante Internet, na páxina web: www.deputacionlugo.org O criterio de admisión dos rapaces será o de rigorosa orde de inscrición. Para obter máis información, pode chamarse ó número de teléfono 982 210 066.