Deputación de Lugo

A Deputación remata un mes antes do previsto o reforzo da ponte sobre o río Tórdea en Fonteita para previr danos de enchentes

A institución provincial abriu hoxe ó tráfico o viaducto, situado na CP 1604 á altura do Concello do Corgo, trala execución dos traballos, consistentes na substitución do taboleiro da estrutura, deteriorado polos temporais de choivaO proxecto, que contou cun orzamento de 54.500 euros, mellorou a seguridade da pasarela, que dá servizo á vintena de veciños do barrio de Rubial

A Deputación de Lugo rematou este mércores, un mes antes do que tiña previsto, as obras de reforzo da ponte sobre o río Tórdea situada na estrada provincial 1604 á altura da parroquia corguesa de Fonteita, acometidas co obxectivo de previr danos antes posibles enchentes da cunca. O viaducto, pechado polas obras dende o pasado 16 de novembro, abriuse hoxe ó tráfico tras concluír os traballos, que consistiron na demolición do actual taboleiro da estrutura, danada polos temporais de choiva, e na posterior substitución por outro novo. Durante o desenvolvemento das tarefas, habilitáronse itinerarios alternativos por pistas locais debidamente sinalizados.

O proxecto, que afectou ó punto quilométrico 2,577 da CP 1604 por Pedrafita e Castrillón a Franqueá, contou cun orzamento de 54.500 euros e coa súa execución, o organismo provincial contribuíu a manter 7 postos de traballo. A obra mellora a seguridade dos usuarios da ponte, que da servizo á vintena de veciños residentes no núcleo de Rubial. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que a iniciativa solucionou “a chapuza que fixo o Partido Popular” na construción da ponte, pois o taboleiro estaba asentado nunha pila central que nas enchentes entorpecía o paso da auga, “facía de dique, en vez de aliviar a crecida”, apuntou Martínez. O organismo provincial levou a cabo en cambio “unha actuación seria e responsable”, engadiu o Deputado, reforzando a estrutura do viaducto coa colocación de vigas de formigón retensado, que van nos seus extremos en vez de no centro, de xeito que se amplía o paso da auga. Deste xeito, garántese que a infraestrutura perdure no tempo, ademais de evitar danos ante posibles trombas.