Deputación de Lugo

A Deputación inicia mañá un ciclo de obradoiros para amosar ós escolares a riqueza da Reserva Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
Preto de 30 rapaces de entre 6 e 11 anos de idade asistirán este sábado á primeira xornada lúdico formativa, que dirixirán investigadores da Universidade de Santiago e terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, de 17:00 a 19:30 horas Os pais poderán participar nas actividades dos nenos, que traballarán nun divertido manual sobre a importancia do río e a súa fauna e flora, farán unha visita guiada polo Centro de Interpretación e merendarán con produtos autóctonos

A Deputación de Lugo iniciará mañá sábado un ciclo de obradoiros infantís gratuítos que organizou co fin de mostrar de xeito divertido ós máis pequenos as características e riqueza da Reserva Terras do Miño. Preto de 30 escolares de entre 6 e 11 anos de idade asistirán a esta primeira xornada lúdico formativa, que dirixirán investigadores da Universidade de Santiago e terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Rato da cidade lucense, de 17:00 a 19:30 horas. Os pais poderán participar nas actividades dos nenos, que traballarán nun divertido e coidado manual didáctico elaborado para a ocasión sobre a importancia do río, e da súa fauna e flora. Farán ademais unha visita guiada polo Centro de Interpretación e gozarán dunha merenda con produtos autóctonos.

A segunda e última das xornadas terá as mesmas características ca de mañá e desenvolverase o vindeiro 25 de febreiro. Os interesados en anotarse xa poden facelo, ben chamando ó número de teléfono 982-26-01-47, ou ben enviando un correo electrónico á dirección lugo2@deputacionlugo.org As prazas son limitadas a un máximo de 30 e cubriranse por rigoroso orde de inscrición, polo que os rapaces que queiran participar deben apuntarse canto antes.

Este ciclo de obradoiros forma parte dun plan de actuación que a Deputación de Lugo desenvolve ó abeiro dun convenio que asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, espazos protexidos pola UNESCO dos que o organismo provincial é o máximo responsable. Un dos obxectivos fundamentais deste plan é difundir entre a cidadanía en xeral, nenos e maiores, e entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o relacionado co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera, buscando deste xeito a implicación da sociedade para garantir a conservación, a xestión sostible e a posta en valor do patrimonio natural da provincia.