Deputación de Lugo

A Deputación insta a todas as administracións a sumar esforzos contra o despoboamento na presentación do libro Lugo Reacciona

O Presidente destacou que este volume, que recolle por vez primeira as fórmulas contra a caída demográfica que propoñen os mellores expertos de Galicia na materia, serve para afrontar o “maior problema de Galicia, xa que os seus custes son incuantificables”Gómez Besteiro subliñou que na institución luguesa “non nos resignamos e seguiremos tomando medidas para fixar poboación”, avanzando que o libro será a folla de ruta do Orzamento do ano 2013 e que será remitida os grupos parlamentarios e á XuntaPreviamente á presentación da obra, Francisco Sineiro, Andrés Precedo Ledo e Javier Taboada falaron do cooperativismo como fórmula de éxito para fixar poboación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves o libro Lugo Reacciona. Debate con propostas de futuro contra o despoboamento demográfico, a publicación que recolle as fórmulas contra a sangría demográfica propostas polos mellores expertos de Galicia nesta materia. Trátanse de Xosé Gabriel Vázquez Fernández, doutor en Socioloxía, José Manuel Colmenero Álvarez, delegado do Instituto Nacional de Estatística de Lugo, Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da USC, Francisco Sineiro, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Melchor Fernández, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC, Roberto Lorenzana, tamén profesor da Escola Politécnicas Superior de Lugo, e Vicente González Radío, doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Gómez Besteiro destacou que o “despoboamento demográfico, a hemorraxia social, é o maior problema de Galicia xa que os seus custes son incuantificables. Deste xeito, Xosé Gabriel Vázquez afirma nesta publicación que imos cara a extinción do ser lucense e do ser galego”. Ó respecto, o titular provincial subliñou que na Deputación “nos nos resignamos”, e fixo un novo chamamento “para que todas as administracións se sumen contra o despoboamento demográfico, instando á Xunta a que reactive a Comisión de Revitalización Demográfica aprobada polo Parlamento”. “Necesitamos repensar Galicia. Necesitamos un proxecto político de país que nos permita ser nós mesmos”, asegurou.

O Presidente lembrou que a Deputación foi a 1º administración en Galicia en dar a voz de alarma sobre a sangría demográfica, organizando o ano pasado o foro Lugo Reacciona, cos mellores expertos do país; creou a primeira área de goberno dunha institución dedicada á demografía; solicitou á FEGAMP a creación dun grupo de traballo estable que desenvolva actuacións específicas e trasladou á FEMP as conclusións do Lugo Reacciona para reactivar o seu departamento de despoboamento, xa que afecta a polo menos unha ducia de provincias españolas.

“Seguiremos adoptando todas as medidas para, dentro das nosas posibilidades, poñerlle freo a esta tendencia”, argumentou, avanzando neste senso que “esta publicación será a folla de ruta que marcará a elaboración do Orzamento da Deputación para o ano 2013 e que o libro será remitido esta mesma semana tanto ós grupos parlamentarios como á Xunta, administración que, ó igual que fixo no anterior debate sobre demografía, voltou a declinar a nosa invitación para participar no debate de hoxe”.

Gómez Besteiro remarcou que “hoxe presentamos esta publicación, a primeira de Galicia destas características, coas fórmulas polas que apostas os expertos contra o despoboamento, e aquí non pararemos. Hoxe, tomamos boa nota de todo o que aqui se falou: a necesidade de impulsar os recursos endóxenos, de ordenar a propiedade da terra, de potenciar o sector primario ou o emprego a través dos servizos do benestar social...; para seguir dando respostas de futuro”.

As claves para recuperar habitantes
Algunhas das fórmulas contra o despoboamento plantexadas polos expertos en Lugo Reacciona son as seguintes: conciencias cidadana; que os centros de decisión das empresas estean en Galicia, se non sempre seremos unha economía subordinada, como está a pasar co sector lácteo; reformas estruturales como a modificación da Lei de Sucesión, que impide a moitos mozos seguir á fronte das explotacións gandeiras; modificar o sistema de herdanzas, xa que o minifundio imposibilita explotacións con dimensións competitivas; a non fusión dos municipios, que contribúe a acelerar o despoboamento e a perda de dinamismo; aposta pola calidade dos produtos galegos e a produción ecolóxica; avogar pola cooperación interadministrativa; a extensión das novas tecnoloxías no rural, manter transporte públicos básicos nas áreas en declive; aposta pola migración de xubilados e neorurais; potenciar as cabeceiras de comarca porque son polos de crecemento que fixan poboación; integrar as políticas de todas as Consellerías dedicadas a unha mesma comarca nun único proxecto, xa que evitaría duplicidades; aposta polo arrendamento de terras de explotacións que cesaron a súa actividade; máis apoio para as empresas do rural, como en Francia, onde reciben axudas públicas; aposta polas centrais de reservas como un modelo de cooperativismo para que se creen empresas; e a creación de residencias e centros de día, e a atención a domicilio como oportunidades de creación de emprego.

Xornada de Cooperativismo
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurou a xornada O Cooperativismo, unha fórmula contra o despoboamento, previa á presentación do libro Lugo Reacciona e que incluíu tres conferencias a cargo de Francisco Sineiro García, Andrés Precedo Ledo e Javier Taboada, presidente da cooperativa agrogandeira ICOS de Chantada. Na súa disertación sobre As Actividades de cooperación económica no medio rural polas asociacións e cooperativas, Francisco Sineiro recalcou a necesidade de tomar medidas que atallen a caída demográfica, pois trátase dunha tendencia “que seguirá o mesmo ritmo, por si soa non se vai deter”, ademais de asegurar que se debe “a unha “herdanza do pasado, debido ó éxodo rural e á emigración, e un resultado do presente, motivado polo nivel de renda e da calidade de vida no rural”.

Sineiro afondou nos modelos de cooperación que desenvolven asociacións e cooperativas, incidindo na necesidade de que os obxectivos e as actuacións fixados deben ser a longo prazo e permanentes. Como exemplo da boa xestión do cooperativismo puxo os Centros de Economía Rural (CER), modelo francés de empresas asociativas a distintos niveis territoriais. “Existen ó redor de 700 en todo o país, que reúnen a uns 320.000 asociados, dos que unha terceira parte son agricultores e que conta con 11.000 colaboradores, os cales prestan apoio interdisciplinar ós CER: asesoramento corrente, xestión corrente, servizos fiscais, entre outros”, explicou Vázquez.

Pola súa banda, Precedo Ledo, na súa conferencia Da Cooperación intermunicipal á fusión de municipios: realidades e alternativas, sinalou a necesidade de “evitar a fusión de municipios en todo o posible”, posto que “hai que facer diferentes lecturas do territorio fuxindo do dogmatismo e dos modelos impostos”, xa que, segundo indicou, “xestionar o territorio é xestionar a complexidade, polo que será necesario adoptar distintos modelos organizativos adaptados á realidade de cada caso”. As solucións con posibilidades de éxito que se adopten neste ámbito, argumentou, “deben cumprir dúas premisas: por unha banda, teñen que ser organizacións adaptativas, que non apliquen modelos por imitación doutros, senón que teñan en conta factores como o territorio, a poboación ou a herdanza cultural, e por outra banda, deben ter en conta a integridade territorial, pois doutra forma, nos núcleos máis pequenos non só se corre o risco de perder poboación, senón tamén dinamismo”.

En canto ó presidente da cooperativa Icos, Javier Taboada, defendeu as cooperativas para frenar o despoboamento polos seguintes motivos: “fixan emprego cualificado na especialidade agraria: son un estímulo permanente para o mantemento e a incorporación de mozos á actividade; dignifican a profesión; melloran os rendementos e os ingresos aproveitando as axudas dispoñibles de diferente administracións e facilitan un clúster relacionado coa agrogandería xerando tecido produtivo”.

As xornadas sobre cooperativismo remataron cun coloquio no que interviñeron os tres conferenciantes, xunto a Xosé Gabriel Vázquez, e estivo de moderador o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Juan José Díaz Valiño.