Deputación de Lugo

A Deputación convoca o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva Terras do Miño para difundila súa riqueza e atraer visitantes

O certame, co que o organismo provincial continúa cos actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, está aberto á participación de tódalas persoas interesadas, que poderán presentar as imaxes ata día 27 deste mes, no Rexistro Xeral da Deputación A Deputada de Medio Ambiente anunciou que haberá tres premios en metálico -de 800, 400 e 200 euros- e os gañadores daranse a coñecer o 30 de marzo. As bases poden consultarse na web www.deputacionlugo.orgA institución luguesa organiza de maneira complementaria un programa de exposicións fotográficas pola provincia sobre o espazo protexido, que se inaugura o vindeiro xoves en Lugo e Viveiro, e o venres en Ribas do Sil

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou estes luns en rolda de prensa o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha convocatoria coa que pretende difundila riqueza deste espazo natural e as oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que leva consigo, ademais de dinamizalo sector turístico atraendo visitantes á provincia. De xeito complementario, a institución luguesa organiza un programa de exposicións fotográficas pola provincia sobre este espazo protexido, que se inaugura este mesmo xoves en Lugo e Viveiro, e o venres en Ribas do Sil. Con ámbalas dúas iniciativas, “continuamos coa conmemoración do 10º aniversario da declaración de Terras do Miño, Reserva da que somos os máximos responsables”, sinalou Sonsoles López.

“Conscientes de que na nosa provincia hai moita afección á fotografía, o noso obxectivo é fundir creatividade e medio ambiente para aumentalo coñecemento e interese pola Reserva Terras do Miño, e, en consecuencia, o compromiso pola súa conservación e desenvolvemento sostible. Tamén cremos que será un aliciente para que máis visitantes se acheguen a Lugo a coñecer este espazo natural”. Así expuxo a Deputada de Medio Ambiente os argumentos que levaron á Deputación a organizar o I Concurso de Fotografía sobre Terras do Miño, cuxas bases se poden consultar na páxina web www.deputacionlugo.org

As fotografías a concurso poden entregarse ata o 27 de marzo nun sobre pechado no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos. As imaxes deberán tomarse no territorio da Reserva Terras do Miño; terán a auga como fío condutor e poderán orientarse nas seguintes temáticas: auga, natureza, patrimonio cultural e etnográfico, tradicións, gastronomía, e oficios e artesanía. Terras do Miño comprende 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Polo tanto, as imaxes terán que estar localizadas nestes municipios.

Haberá tres premios en metálico: un 1º de 800 euros; un 2º, de 400; e un 3º, de 200 euros. O xurado, composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio, fará público os nomes dos gañadores o 30 de marzo.

Outros requisitos do certame son os seguintes:
Cada autor poderá presentar un máximo de 5 fotografías, inéditas e que non foran premiadas con anterioridade. Poden ser en branco e negro, ou en cor.
Deberán entregar as imaxes recollidas nun CD, e tamén unha copia de cada unha en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, dirección, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron.
Paisaxes da Auga
Polo que respecta ó programa de exposicións pola provincia, leva por título Paisaxes da Auga e estará composto por fotografías de gran tamaño, “un material que servirá para difundir entre os lucenses, nenos e maiores, os valores etnográficos, paisaxísticos e ecolóxicos de Terras do Miño, pero tamén os riscos e ameazas aos que se enfronta”, explicou a Deputada de Medio Ambiente.
As mostras inaugúranse este mesmo xoves, 15 de marzo, aquí en Lugo, no Centro de Interpretación Terras do Miño, e no Concello de Viveiro, no Conservatorio de Música. O venres abrirá na Biblioteca Municipal de Ribas do Sil. En ámbalas tres localidades, a exposición poderá visitarse hasta finais de marzo, nos horarios habituais destes espazos. En Lugo expoñeranse 40 fotografías e proxectarase unha reportaxe audiovisual de 20 minutos de duración, mentres que en Viveiro e Ribas do Sil, mostraranse unha vintena de fotos, adaptándose ás características máis reducidas dos locais.
A auga será o fío condutor desta exposición: as paisaxes, os estados da auga (as súas múltiples formas e presenzas), a auga na cultura e a auga como elemento fundamental para a vida.
As fotos son obra de Manuel Valcárcel Cabo, un fotógrafo e realizador de Monforte de Lemos de 37 anos de idade que conta cun amplo currículo profesional acumulado en viaxes por medio mundo. Entre outros traballos, cubriu eventos informativos como operador de cámara en Túnez, Exipto, Cuba, Nepal, Alemaña, Mali e Estados Unidos, e realizou reportaxes fotográficas en lugares como o Sáhara, Senegal, Marrocos, Burkina Faso, Palestina, Iraq, Arxelia, Romanía ou Papúa Nova Guinea. Dirixiu e produciu en 2010 a curtametraxe Fame, rodada en Monforte e A Pobra do Brollón, participou nunha ducia de exposicións e foi galardoado noutros tantos certames autonómicos e nacionais.
Ambos proxectos, concurso e exposicións, desenvólvese no marco do convenio que a Deputación asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Sonsoles López lembrou que este acordo de colaboración conta cun orzamento global de 1 millón de euros, dos que o Ministerio achega un 65% e a Deputación, o 35% restante. O convenio con Medio Ambiente complementa as iniciativas que a Deputación levará adiante no marco da segunda fase do plan Lug02, cuxo ámbito de cobertura esta vez será toda a provincia. Dotado con 6,5 millóns de euros, está financiado ó 70% pola UE.

Actos conmemorativos durante todo o ano
O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente o 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación estenderanse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas da Biosfera existentes en España. Esta mostra, que estivo aberta hasta finais de febreiro, foi única en Galicia, pois a meirande parte do material foi cedido por polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade autónoma.