Deputación de Lugo

A Deputación denuncia a destrución de case 7.000 empregos en Lugo coas medidas dos Gobernos do PP para o sector eólico

Esta é, xunto á perda de preto de 2.200 millóns de euros en investimento directo e ó incremento da despoboación no rural, unha das consecuencias na provincia da supresión de primas ás enerxías renovables de Rajoy e da anulación do anterior Plan Eólico de Feijóo García Porto avanzou que o Goberno Provincial levará unha proposta ó Pleno instando ó Executivo Central a anular esta medida, e ó Galego a tentar unha excepción coa Comunidade como se fíxoo con Canarias, ademais de especificar medidas para paliar os seus efectos

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou hoxe a proposta que levará o equipo de Goberno ó vindeiro Pleno logo de constatar con datos oficiais as consecuencias na provincia que suporán as medidas para o sector eólico impulsadas dende os Executivos Central e Galego. García Porto salientou que as iniciativas dos populares “son unha auténtica ruina para Lugo xa que supoñen a destrucción de case 7.000 empregos, bloquean o desenvolvemento económico e incrementan o forte despoboamento que xa sofre o rural lugués”.

A tamén vicevoceira provincial socialista explicou que o Presidente do Goberno Central, Mariano Rajoy, vén de aprobrar un Real Decreto Lei que anula a suspensión de incentivos económicos ás enerxías renovables, conlevando que a súa venda non cubra, nin tan sequera, os custes de construción de parques eólicos; ó tempo que pecha o rexistro para a preasignación de retribucións no sector, supoñendo que en Galicia queden sen primas os miles de megawatios previstos no Plan Eólico que impulsou o anterior Goberno galego (dirixido por PSOE-BNG) porque o actual Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidiu paralizalo logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avaliase a súa legalidade, “é dicir, fíxoo só por motivos políticos e ideolóxicos”.

García Porto remarcou que estas medidas conlevan terribles consecuencias económico-laborais en Galicia, sendo Lugo unha das provincias máis afectadas na Comunidade segundo constatan os datos oficiais:

1º.- Quedan sen acceso a primas os 2.325 megawatios que Feijóo prometeu para Galicia co denominado Plan Rexurde que substituíu ó proxecto de socialistas e nacionalistas, dos que 1.142 megawatios, é dicir, o 49% do total, pertencen ós parques de Lugo. Para que se fagan unha idea: a mesma potencia que se necesita para abastecer a 600.000 fogares ou a que precisa a central térmica das Pontes para poder funcionar (a potencia instalada na central das Pontes é de 1.400 megawatios).

2º.- Paralízanse os 6 millóns de euros para a creación de 91 parques eólicos na Comunidade. Concretamente, en Lugo pérdense 2.169 millóns de euros (1,9 millóns de euros/ MW x 1.142 MW) en investimentos directos como a construción das propias instalacións eléctricas; e 2.626 millóns de euros (2,3 millóns de euros/ MW x 1.142 MW) en investimentos para plans industriais asociados que garantan a posta en marcha ou o mantemento de ditos parques.

3º.- Destrúense os 12.000 empregos en Galicia que prometía crear a Xunta xa en 2011 tal e como aínda se pode ver na páxina web da Consellería de Industria; unha cifra que na provincia se sitúa nos 6.852 postos de traballo. (6 empregos/ MW x 1.142 MW).

4º.- Favorécese o despoboamento do rural galego, sendo dun dos grandes perxudicados debido á perda de máis 800 millóns de investimento asociado, de máis de 13 millóns procedentes do aluguer de terreos e de máis de 2.000 postos de emprego, -o 16% dos totais-.

“Mentira e manipulación”
Con este datos oficias na man, a Deputada preguntouse “¿como se poden encher a boca os populares, sobre todo durante as campañas electorais, dicindo que teñen as fórmulas para rematar co desemprego e saír da crise?”, setenciando que “unha e otra vez o Partido Popular amosa que a súa política basease na mentira e na manipulación. A decisión de Feijóo de anular o Plan Eólico do bipartito e á supresión de primas de Rajoy só contribrúe á recesión económica e ó bloqueo doutras iniciativas xeradoras de riquezas de adminsitracións como a Deputación de Lugo”. E é que, explicou García Porto, estas medidas tamén paralizan a tramitación de todas as instalacións de enerxías fotovoltaicas e eólicas previstas co programa europeo Lug02. Por todo elo, o equipo de Goberno levará o Pleno de febreiro unha proposta na que se aprobe o seguinte:


- Instar ó Goberno Central a que derogue o Real Decreto Lei para evitar tanto a destrución dos miles de postos de traballo que se prevían crear en Lugo coa explotación dos parques eólicos como para que os proxectos que a Deputación ten previsto levar a cabo no marco do programa Lug02 non se vexan limitados.

- Esixir á Xunta de Galicia a que especifique que medidas de apoio ten previstas para paliar os efectos da normativa na Comunidade e na nosa provincia en particular, xa que somos unha das máis perxudicadas pola decisión do Goberno Central.

- A Deputación de Lugo prégalle ó Goberno Galego que intensifique as negociacións co Goberno Central para que este faga unha excepcionalidade con Galicia igual que o fixo con Canarias, evitando así a destrución dos preto de 7.000 postos de traballo que se prevían crear co Plan Rexurde.