Deputación de Lugo

A Deputación denuncia ante a Garda Civil unha nova manipulación ilegal no cadro eléctrico de Guitiriz da súa propiedade

Imaxe deputación de lugo
Manuel Martínez subliña que o organismo provincial vese na obriga de tomar esta medida “ante a nosa impotencia para garantir a seguridade dos veciños”A institución luguesa, co apoio da benemérita, corrixiu as graves deficiencias da instalación o pasado xoves 23 e hoxe detectou que o cadeado que colocou fora cambiado por outro, polo que agora non ten acceso ó equipamento

A Deputación de Lugo presentou este martes no cuartel da Garda Civil de Guitiriz unha denuncia pola nova manipulación ilegal realizada no cadro eléctrico da Rúa Deputación desta localidade, que é de titularidade do organismo provincial. Técnicos da institución e dunha empresa especializada en proxectos eléctricos, acompañados por tres axentes da Garda Civil, repuxeron a legalidade na instalación o pasado xoves 23, e hoxe, tan só 5 días despois, a Deputación detectou que o cadro foi desprecintado e o cadeado que colocara para impedir novas alteracións foi substituído por outro presuntamente do Concello, do cal o organismo lugués non ten chave. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, explicou que “agora resúltanos imposible acceder ó cadro e comprobar se se produciron novas deficiencias que poidan poñer en risco ós veciños, algo gravísimo, pois este equipamento, non o esquezamos, é da nosa propiedade”. Deste xeito, “vémonos na obriga de denunciar, ante a nosa impotencia para garantir a seguridade dos guitiricenses”.
Tal e como figura literalmente na denuncia, a preguntas dos axentes sobre quen puido manipular o cadro eléctrico e cambiar o cadeado, dende a Deputación indícaselles que, “vista a actitude obstrucionista que en todo momento mostrou o Alcalde de Guitiriz e debido á presunta gravidade do feito denunciado, sospeita que a actuación foi realizada por persoas que atendían ás súas instrucións directas”.
Aínda que o pasado xoves 23 a Deputación puido corrixir as graves anomalías da instalación, que representaban un grave risco, podendo incluso provocar a morte por electrocutamento, o Alcalde, Xosé María Teixido, acompañado da Policía Local, mostrou unha actitude “totalmente obstrucionista e irresponsable”, subliñou Manuel Martínez. De feito, xa nunha ocasión anterior -o día 16 de febreiro- impediulle ós técnicos da Deputación que repuxesen a legalidade, a pesar de que fora el mesmo e o grupo provincial do PP os que denunciaran a situación.
O Deputado de Xestión Territorial subliñou que as deficiencias no cadro eléctrico da Rúa Deputación estaban provocadas por irregularidades en alumeados de 4 rúas de titularidade municipal (Praza da Igrexa, Rúa do Ferrocarril, parte de Avenida da Coruña e parte de Rúa do Concello), mentres que as 3 restantes dependentes do Concello (Avenida dos Vilares, Rúa Rosalía de Castro e Camiño ó Campo de Fútbol) e 2 máis da Deputación (Mercado e Deputación) están en perfecto estado e non supoñen perigo algún. Deste xeito, asegurou que, en canto o Concello corrixa os defectos nos alumeados desas 4 rúas municipais e así o certifique unha empresa homologada, “poderán volver a utilizar o noso cadro eléctrico sen ningún problema, xa que a Deputación non está para crear problemas, senón para solucionalos e colaborar con todos os Concellos, independentemente da súa cor política; por iso lamentamos a falta de sentido común e irresponsabilidade do Alcalde”.

Neste senso, Martínez sospeita que “o enganche ó grupo electróxeno que realizou o Concello estase a facer sen garantir a seguridade dos veciños, xa que, en canto non se corrixan as deficiencias dos 4 alumeados públicos municipais, as condicións de seguridade do grupo electróxeno esixidas pola normativa vixente impedirían que estas funcionaran, polo cal cremos que se está a puentear este grupo”.