Deputación de Lugo

A Fundación TIC impulsa o labor da Asociación Enriqueta Otero na loita contra a violencia de xénero

Gómez Besteiro e Aurora Antúñez asinaron un convenio para a realización, a custe cero, de varios traballos audiovisuais sobre o labor deste colectivo e un documental da súa fundadora: Enriqueta Otero, a “última guerrilleira galega”Bolseiros da EIS, xunto ós técnicos da TIC, participarán na elaboración dos vídeos, complementando a súa formación e tomando contacto directo co mundo laboral

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Presidenta da Asociación “Enriqueta Otero, Mulleres Luguesas contra a Violencia de Xénero”, Aurora Antúnez, asinaron este mércores un convenio de colaboración para dar conta do labor que desempeña este colectivo en prol da igualdade de xénero. Deste xeito, o acordo inclúe a realización, a custe cero, de varios traballos audiovisuais e un documental sobre a súa fundadora: Enriqueta Otero. Gómez Besteiro, que tivo a oportunidade de coñecer persoalmente a esta veciña da parroquia de Miranda, no Concello de Castroverde, salientou que “foi unha auténtica loitadora antifascista, que sempre traballou en defensa da liberdade e a igualdade en todos os ámbitos da sociedade”. Estes proxectos estarán dirixidos por técnicos da TIC e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), complementando a formación dos alumnos do único centro da provincia luguesa que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual.

“A última guerrilleira galega”
Enriqueta Otero, chamada a “última guerrilleira galega”, traballou de xeito incansable na reforma educativa da República, achegándose ó Partido Comunista e converténdose, durante a guerra civil, na secretaria de Dolores Ibárruri, histórica dirixente da Segunda República, coñecida como a “Pasionaria”. Logo de eludir ás tropas franquistas en Madrid, Otero chegou a Lugo e viviu de xeito clandestino en Castroverde, participando activamente na Resistencia antifranquista. No 1946, foi condenada en consello de guerra a 30 anos de cárcere por rebelión militar e a catro por atentar contra a autoridade. No 1960 conseguiu a liberdade condicional e, tres anos despois, voltou a Castroverde onde sobrevive labrando e criando gando. En 1974 conseguiu reingresar no maxisterio. O resto da súa vida, adicouse á ensinanza e a labores de dinamización asociativa feminista e cultural. Deste xeito, en Miranda, fundou a Casa da Muller e a asociación cultural “O Carriño”, inspirada nas Misións Pedagóxicas Republicanas. En Lugo, estableceu a súa sede coñecida como “O hórreo da Cultura”. “A última guerilleira galega” morreu o 31 de outubro de 1989 e foi enterrada en Miranda envolta na bandeira republicana.

A Asociación que leva o seu nome xurdiu en marzo de 2008 co fin de reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e combater a violencia de xénero. Como fins específicos para acadar os seus obxectivos, a entidade vela pola aplicación efectiva das leis en materia de xénero; promover o acceso en igualdade ós recursos; prestar apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e garantir os dereitos das súas fillas e fillos; visibilizar e denunciar esta lacra social, así como crear redes de solidariedade e colaboración entre as mulleres e as entidades que loiten pola igualdade e os dereitos das mulleres.

O eido social da TIC
A Fundación TIC ten asinados máis de 50 convenios con asociacións sen ánimo de lucro e máis de 60 contratos con empresas españolas do sector multimedia para proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS, complementando, deste xeito, a súa formación práctica e achegándoos ó mundo laboral. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONG’s e asociacións culturais, ás que apoia no seu labor social, impulsando a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas que axudan a fomentar o deporte base, así como empresas que traballan en prol do emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lucenses.