Deputación de Lugo

As rutas de Km0 desta semana dinamizan a actividade hostaleira da Mariña, A Montaña, Lugo e Ribeira Sacra

302 veciños da provincia redescubrirán entre hoxe e o xoves os recursos naturais, culturais e socioeconómicos de Castro de Rei, Lugo, Ribadeo, Viveiro, Cervantes e Sober O Presidente recibiu este martes a escolares do colexio lucense de Fingoy e do CEIP da Pobra do Brollón, que viaxaron á Chaira e á Costa lucense, respectivamente

A programación de rutas organizada para esta terceira semana de marzo no marco do proxecto medioambiental Km0 da Deputación de Lugo contribuirá a dinamizar o sector hostaleiro das comarcas da Mariña, A Montaña, Lugo e Ribeira Sacra. Deste xeito, entre hoxe e o xoves 302 veciños da provincia coñecerán grazas ós seis itinerarios programados os recursos naturais, culturais e socioeconómicos da cidade lucense, Pol, Castro de Rei, Ribadeo, Viveiro, Cervantes e Sober, e repoñerán forzas en restaurantes e casas de turismo rural destes Concellos.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ós dous primeiros grupos da semana, formados por escolares de entre 6 e 12 anos de idade pertencentes ó colexio Fingoy de Lugo e ó CEIP da Pobra do Brollón. No primeiro caso, trala recepción en San Marcos, 48 nenos visitaron o Mazo de Santa Comba e o Centro de Interpretación Terras do Miño, deron un paseo polo Rato e comeron no restaurante Terras do Miño para desprazarse logo ás canteiras de Lourixe, en Pol, e ás Lagoas de Caque e ó Castro de Viladonga, en Castro de Rei. No segundo caso, 55 escolares de Brollón estiveron nas instalacións da Fundación TIC e, xa en Ribadeo, comeron no restaurante La Solana, fixeron unha travesía en barco pola ría, subiron no ascensor panorámico do peirao de Porcillán e deron un paseo polo casco histórico e o Convento das Clarisas.

Cervantes e Sober son os destinos das dúas rutas programadas para mañá mércores, que farán, respectivamente, 48 integrantes da asociación de mulleres rurais Olvido de Pol e outros 48 do colectivo As Encaixeiras de Burela. O grupo polense comezará o seu percorrido no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para viaxar despois a Piornedo, onde comerá no hostal que leva o mesmo nome ca este núcleo rural e coñecerá a Palloza do Sesto e a igrexa de Donís. Polo que respecta á agrupación burelesa, desprazarase ás instalacións da Fundación TIC, comerá no restaurante Parada 2 de Sober e gozará dunha travesía en catamarán.

A Mariña é o xoves o destino das rutas de Km0: 48 integrantes da Asociación Lamas de Prado-Castiñeiro, en Lugo, redescubrirán Ribadeo, e 55 membros da Unión Democrática de Pensionistas (UDP) de Cospeito, estarán en Viveiro. O itinerario que cubrirá o colectivo lucense arranca no CENTRAD e continúa, xa en Ribadeo, no restaurante Rinlo, nas praias das Catedrais e Os Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil. En canto á agrupación de Cospeito, tras coñecer as instalacións da Fundación TIC, comerán no restaurante Val do Naseiro, e achegaranse ó miradoiro de San Roque, Santa María do Campo, casco histórico e praia de Covas.

Como inscribirse
Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó número de teléfono 982-26-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, ademais de facelas reservas dun xeito rápido e sinxelo, dende a propia casa e a calquera hora do día, calquera día do ano, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.