A Deputación impulsa o festival de homenaxe a Pink Floyd que se celebra este sábado na aldea de Salcedo, en Brollón
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_6604_1.jpg)
O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, o Presidente da Asociación Veciñal de Salcedo, Javier González, e o secretario do cineclub A Calexa de Monforte, Antonio Vidal, presentaron este xoves no Salón de Actos de San Marcos o festival de homenaxe ó chamado rock progresivo, e en especial á banda británica Pink Floyd, que se celebra este sábado na aldea de Salcedo, na Pobra do Brollón. A Deputación, a través da Fundación TIC, impulsa esta novidosa xornada cultural porque comparte un dos nosos obxectivos estratéxicos, como é dinamizalo rural, facer máis vivas e acolledoras as nosas aldeas, para fixar poboación, aproveitando a creatividade e riqueza cultural das súas xentes, destacou José Ramón Val. O Deputado deu ademais os seus parabéns ós organizadores -a Asociación Veciñal de Salcedo, o cineclub A Calexa e o grupo musical Vera Lynn- pola súa iniciativa e extraordinario dinamismo.
Profesionais e alumnos da TIC elaborarán unha reportaxe audiovisual para potenciar a difusión do certame, que combina cine, mesas redondas e música. A xornada, con acceso totalmente gratuíto, está xerando gran interese, non só na Zona Sur, senón no resto da provincia e noutras partes de Galicia. Un dato indicativo é que as 165 camisetas feitas pola organización esgotáronse en soamente dous días.
O festival celebrarase no centro multiusos da parroquia de Salcedo e arrancará ás 17:30 horas coa charla A música popular no cine, a cargo de Carlos Cortiñas e Antonio Vidal, presidente e secretario de A Calexa, respectivamente, seguida da proxección da película The Wall, do director Alan Parker. Ás 19:00 horas, David Díaz Dacal disertará sobre a Escena Canterbury, movemento artístico xurdido en Inglaterra a finais da década dos 60 que se integra dentro deste estilo musical. Para finalizar estas charlas, Alberto Camarero Tico, ex integrante de Yellow Pixoliñas, achegará ós asistentes a vida e obra da banda de Cambridge, co título Pink Floyd, a revolución progresiva.
O día finalizará coa presentación do grupo Vera Lynn da cidade do Cabe ás 23.30 horas. Esta formación está composta por músicos de diversas bandas, como Dooc´s Magoo´s, Anger, La Cuarta Pared e Morphina. O espectáculo multimedia combina imaxes, texto e música cunha contundente posta en escena sobre versións de Pink Floyd.
Cos organizadores do festival colaboran, xunto á Deputación de Lugo, o Movemento Lemavo de Monforte de Lemos e o Concello de Brollón.
Facer da aldea un lugar cosmopolita
O presidente da Asociación Veciñal de Salcedo, Javier González, que foi integrante ademais da mítica banda Yellow Pixoliñas, enmarcou o festival de tributo a Pink Floyd no propósito de facer da aldea un lugar cosmopolita, demostrando que nos pobos pequenos se fan cousas orixinais, novidosas e multiculturais. Neste propósito, é todo un referente o colectivo veciñal de Salcedo, que foi creado en 1990, herdando a tradición de moitos anos da coñecida como Asociación do Teleclub. Unha mostra clara do seu dinamismo é que conta con 240 socios, cando no pobo residen 60 veciños; que a aldea dispón dunha sala multiusos cun aforo de 500 prazas e incluso cun estudo de gravación. No seu intenso calendario de actividades destacan a tradicional celebración do Oso de Salcedo no Entroido; a representación dende hai 57 anos dunha obra teatral tamén no Carnaval que implica a todos os veciños do pobo e para a que se esgotan as 500 entradas dispoñibles en dúas semanas; o Festival dos Gandarós, de música rock, ou a edición dende 1972 da revista A Voz de Salcedo.