Deputación de Lugo

Preto de 160 escolares da provincia coñeceron con actividades didácticas da Deputación os beneficios da agricultura sostible

As xornadas concluíron este mércores no CEIP Santa María da Fonsagrada, tras celebrarse nos colexios San Xoán de Becerreá, Castroverde e Poeta Uxío Novoneyra do Courel Os rapaces recibiron un DVD con contidos interactivos que lles permitirán coñecer a fondo as características e importancia do cultivo ecolóxico

A Deputación de Lugo concluíu hoxe no CEIP Santa María da Fonsagrada o ciclo de xornadas didácticas que organizou para dar a coñecer ós máis pequenos as características, beneficios e importancia da agricultura sostible. Nas actividades participaron preto de 160 rapaces de catro colexios. Deste xeito, ademais de no da Fonsagrada, o programa sobre Produción hortofrutícola e consumo responsable tivo lugar nos CEIP San Xoán de Becerreá, Castroverde e Poeta Uxío Novoneyra do Courel. Nas xornadas, dous técnicos en hortofruticultura explicaron ós nenos de maneira sinxela e amena, e co apoio de material ilustrativo, a importancia de facer un bo uso dos recursos, sobre todo no referente á produción e consumo de produtos alimentarios. Os rapaces recibiron ademais un DVD con contidos interactivos –información e xogos- que lles permitirán coñecer a fondo as prácticas, características e beneficios da agricultura sostible.

O organismo provincial desenvolveu esta iniciativa de formación e concienciación a través do programa Lug02, a través do que a institución luguesa quere consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica da provincia.

De xeito complementario ás xornadas para escolares, celebráronse sesións teóricas e prácticas dirixidas a profesionais –gandeiros e agricultores- sobre a produción ecolóxica e sostible nos Concellos do Courel, A Fonsagrada, Vilalba, Cervantes e O Valadouro. Participaron máis de 200 persoas, que, de xeito totalmente gratuíto, coñeceron métodos de produción respectuosos co medio ambiente e a experiencia dun produtor, e participaron nunha mesa redonda para resolver dúbidas, ademais de recibir unha guía de boas prácticas en hortofruticultura, en formato papel e dixital. Como colofón, houbo unha sesión de formación práctica nunha explotación hortofrutícola, en concreto na de Edmundo Maseda, no Valadouro, na que coñeceron de primeira man as prácticas máis recentes que se están desenvolvendo en canto a produción sostible de produtos da horta e de froiteiras (plantación, abonado, poda, rega, recollida e conservación, entre outras), así como o aforro de recursos que supoñen e a calidade dos cultivos obtidos.