Deputación de Lugo

A Deputación leva ós Tribunais o Decretazo dos Servizos Sociais debido á negativa da Xunta de dialogar estas prestacións

A institución vese na obriga de tomar esta medida tras esgotar as vías de consenso, presentando un requirimento e solicitando as mesmas reunións que Feijóo mantivo coas restantes DeputaciónsPara garantir as Axudas no Fogar ós 3.000 lucenses ós que a Xunta llas suprime, o Pleno aprobará un recurso contencioso contra o Decretazo para logo presentalo no Tribunal Superior de Xustiza Baltar tamén se negou a asinar o convenio sobre Servizos Sociais ata que nun encontro con Feijóo, o Presidente galego compensou ó titular ourensán con outros investimentos para a súa provincia

O Vicepresidente Primeiro e o Deputado de Benestar Social, Antonio Veiga Outeiro, xunto ó Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, avanzaron este luns que a Deputación de Lugo vese na obriga de interpoñer un recurso contencioso contra o Decreto 99/2012 que regula os Servizos Sociais e o seu financiamento debido á negativa da Xunta de consensuar en prazo co organismo provincial estas prestacións. A vindeira semana, a institución luguesa ratificará no Pleno esta iniciativa para logo presentala no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia co obxectivo de garantir as Axudas no Fogar ós 3.000 lucenses ós que o Goberno galego llas suprime e os 2.000 postos de emprego que xeran.

Veiga e Valiño remarcaron que antes de tomar esta medida a institución provincial esgotou todas as posibles vías de diálogo. O Deputado de Cooperación indicou que “presentamos un requirimento ó Executivo galego para amosar as nosas discrepancias con este Decretazo, non emprendendo accións xudiciais, como poderiamos haber feito dende o inicio, xa que non buscamos confrontacións senón o consenso porque a nosa prioridade é a prestación de servizos sociais ás persoas e garantir o Estado do Benestar”. A Xunta tiña un prazo dun mes para respostar a este requirimento, tal e como recolle a Lei Reguladora da Xurisdicción Contencioso Administrativa (LJCA). Durante deste período, que remataba o xoves, 14 de xuño, o Goberno galego non foi quen de presentar un documento de consenso que fixera posible a súa sinatura sen pasarlle únicamente a factura ós veciños de Lugo. A institución luguesa tamén reclamou en reiteradas ocasións unha reunión co Presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, sen que aínda hoxe fora posible.

“A Xunta non dialoga senón que impón”

Valiño subliñou que “o feito de que se esgotase o prazo legal dun mes para que a Xunta respostase, non só o noso requirimento, senón ás reiteradas peticións dunha reunión bilateral entre Gómez Besteiro e Núñez Feijóo, fainos supor que o Goberno galego non dialoga senón que impón”. E é que dende que Feijóo accedeu á Xunta só mantivo unha reunión con Besteiro a pesares das 9 peticións que lle formulou o titular provincial ó seu homólogo galego por escrito para a celebración dun encontro. A diferencia do trato que o Executivo galego dá a Lugo, o Presidente autonómico mantivo varios encontros cos restantes Presidentes das Deputacións galegas sobre o financiamento dos Servizos Sociais como, por exemplo, públicamente, recoñeceu o titular provincial de Ourense. Precisamente, o encontro de Baltar e Feijóo tivo lugar logo de que a Xunta lle propuxese un convenio de colaboración para o financiamento das Axudas no Fogar que Ourense non aceptou. Veiga indicou que “foi o mesmo e único convenio que un membro do PP en Lugo, nin saqueara directamente a Xunta, deixou na Deputación de Lugo e o mesmo que nin sequera os populares ourensáns aceptaron”.

O Vicepresidente lembrou que a Deputación de Lugo, xunto á unha Comisión de Alcaldes con representantes do PSOE, BNG e Independentes, tamén demandou unha reunión coa Conselleira de Traballo en varias ocasións. “Nunca respostou ás nosas peticións. Nembargantes, nós sempre fomos a onde nos chamaron, mantendo encontros coa Delegada da Xunta en Lugo e coa Secretaria de Servizos Socias, quen non nos propuxo solución algunha porque son Feijóo e Mato os únicos que teñen capacidade”, sentenciou.

“A Feijóo non lle interesan os lucenses”

Veiga e Valiño remarcaron que a “falta de respeto institucional” con esta provincia é tal que, ademais de non respostar ó requirimento legal ou as peticións de entrevistas, a semana pasada o Goberno galego remitiu á institución luguesa un borrador dun protocolo de colaboración xeral coas Deputacións. O documento é “inasumible sen unha negociación previa porque xa no primeiro punto abórdanse os servizos sociais sobre ós que existe un requirimento”, destacou Valiño. Malia e todo, e a pesares de que a institución luguesa tamén fixo chegar ó Executivo galego un detallado informe xurídico con ilegalidades e outras aportacións a este protocolo, reiterando por este motivo a necesidade de dialogar, o Consello da Xunta do pasado xoves aprobouno, “obviando o diálogo e deixando fóra a unha provincia enteira porque a Feijóo non lle interesan os lucenses. Por non sentarse a falar creou dous problemas onde non habería ningún se houbese diálogo”, sentenciou Valiño.

“Non eludimos responsabilidades”

O Vicepresidente salientou que “nós non eludimos as nosas responsabilidades xa que á única referencia da Lei de Servizos Sociais de Galicia ás Deputacións faise no artigo 63 que, non só a cumprimos escrupulosamente, senón que vamos máis alá ó incrementar a nosa achega, tal e como xa sabía a Xunta polo menos dende xaneiro tras ver o noso Orzamento aprobado xa en novembro”. Di o artigo 63: As Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica ós Concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais, especialmente na prestación de servizos sociais comunitarios básicos por aqueles Concellos con menos de 20.000 habitantes, de conformidade co previsto na normativa de réxime local e non sendo inferior á achega realizada pola Xunta na anterior convocatoria. Ademais as Bases de Réxime Local establecen que: a asistencia económica das Deputacións, coa única excepción dos Plans provinciais de cooperación de obras e servizos, sexa a subvención.

A Deputación de Lugo subvenciona en 2012 as Axudas no Fogar con 600.000 euros, cantidade que incrementou en 100.000 con respecto ó ano pasado. Pola súa banda, o Goberno galego concedeu 459.000 euros en 2011 e cero euros este ano tras ratificar o Decreto 99/2012 que o organismo lugués considera ilegal polas súas infraccións na forma e no contido:

1º INFRACCIÓN.- O Goberno galego aprobou este decreto sen informe material previo e preceptivo da Asesoría Xurídica Xeral.

2º INFRACCIÓN.- A omisión deste trámite provocou que o ditame do Consello Consultivo de Galicia fose parcial e non abarcase a totalidade dos aspectos que comprende o Decreto.

3º INFRACCIÓN.- Non se realizou o esencial trámite de audiencia, é dicir, a Xunta non buscou o consenso das administracións afectadas, tales como Concellos e Deputacións, ás que o decretazo impón novas obrigas económicas e sen as transferencias correspondentes.

4º INFRACCIÓN: O Goberno galego infrinxe a Lei de Servizos Socias de Galicia ó suprimir o financiamento autonómico das Axudas no Fogar para persoas non recoñecidas como dependentes nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. E é que segundo o artigo 53 desta norma “o Parlamento de Galicia aprobará anualmente nos presupostos xerais AS CANTIDADES NECESARIAS para facer fronte ó cumprimento dos gastos derivados do exercicio DAS COMPETENCIAS DA XUNTA DE GALICIA en materia de servizos sociais. A atribución ás entidades locais deberá ir acompañada da TRANSFERENCIA DOS MEDIOS ECONÓMICOS, materiais e persoais que resulten necesarios para o axeitado exercicio das mesmas.

5º INFRACCIÓN: A Xunta tamén infrinxe a Lei de Servizos Sociais cando co seu Decretazo obriga ás Deputacións a asumir o financiamento das Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, mediante unha partida específica nos seus Orzamentos. Dice o artigo 54: Os CONCELLOS, --QUE NON AS DEPUTACIÓNS--, terán que consignar nos seus presupostos as cantidades necesarias para a creación, mantemento, xestión e desenvolvemento dos servizos sociais da súa competencia.