Deputación de Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros atendeu máis de 500 emerxencias no seu primeiro ano de funcionamento

Das incidencias rexistradas nos cinco parques, un total de 399 –o 75%- foron incendios, 67 excarceracións, 41 rescates de persoas, 22 fugas de gas e auga e 9 saídas de limpeza de víasO parque de Monforte de Lemos incorporarase ó Consorcio en outubro, logo de que o Pleno acordara costear 90.000 euros en obras de mellora e 275.500 para a adquisición dun camión BUL

O Consorcio Provincial de Bombeiros vén de cumprir o seu primeiro ano de existencia. O 1 de maio do 2011, ás 9 horas, poñíanse en marcha os parques de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria e Chantada. O inicio da súa actividade produciuse coas chamadas que os xefes de servizo das instalacións fixeron ó teléfono de emerxencias 112 para comunicar que dende ese momento atenderían ás emerxencias que se produciran en 50 Concellos da provincia ás 24 horas do día. Coa creación do Consorcio Provincial de Bombeiros, que en 2008 impulsou a actual Deputación xunto co anterior Goberno galego, dábase cobertura en emerxencias ó 90% do territorio da provincia, unha das principais reclamacións dos veciños lucenses durante tres décadas, por ser ós únicos galegos que aínda non contaban con servizo contraincendios. Esta prestación de servizos inclúe, entre outros, a loita contra incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc., sen limitarse ó ámbito territorial adscrito a cada un dos complexos, posto que esta tamén se estende a outros Concellos.

Algunhas cifras

Os cinco parques que están a funcionar dende a posta en marcha do Consorcio, os de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada, levan atendido neste primeiro ano de funcionamento un total de 534 emerxencias, das que preto do 75% son incendios. Segundo os informes de actuacións destes cinco complexos, dos 399 lumes que tiveron que atender neste primeiro ano de funcionamento, 327 producíronse en locais, vivendas, naves e vehículos, e os 72 restantes foron forestais. En canto ó resto de incidencias, destacan 67 excarceracións, 41 rescates de persoas, 22 fugas de auga ou gas e, finalmente, 9 saídas para limpeza de estradas. O complexo con maior número de incidencias deste primeiro ano foi o de Vilalba, con 131, seguido polos de Barreiros e Sarria, con 129 e 123, respectivamente. Os datos de actividades desglosados por parque son os seguintes:

Vilalba: das 131 actuacións que levaron a cabo, 78 foron incendios, 23 forestais e os 55 restantes en inmobles, vehículos e mobiliario urbano. Foi o parque que máis excarceracións levou a cabo (23), e completou a súa actividades con 4 fugas de auga ou gas e 4 rescates de persoas. Durante este tempo, o Concello que máis incidencias rexistrou foi o de Rábade, con 46, seguido polo de Xermade, con 18 e o de Vilalba, con 5.

Barreiros: o segundo parque máis activo, con 129 saídas, atendeu durante o seu primeiro ano de existencia 60 incendios, dos que 51 foron en inmobles, vehículos e mobiliario urbano e 9 de carácter forestal. Levaron a cabo 14 excarceracións, 15 rescates de persoas, 8 fugas de auga ou gas e 3 limpezas de estradas. O Concello de Foz, con 37 emerxencias, protagonizou a meirande parte das saídas dos profesionais deste complexo. Ribadeo (21), Burela (20) e Mondoñedo (20) son os seguintes en número de emerxencias.

Viveiro: Das 82 actuacións que se levaron a cabo dende este parque, 46 foron incendios (42 en inmobles, vehículos e mobiliario urbano , e 2 forestais). O resto dos sinistros foron 7 fugas de auga ou gas; 5 rescates de persoas; 4 excarceracións e 1 limpeza de estrada. Viveiro foi o Concello no que se atenderon máis emerxencias (63), seguido moi de lonxe por Cervo, con 11.

Sarria: o complexo sarriano ocupouse de 123 sinistros. Destes, 79 foron incendios: 12 forestais e 67 doutra índole. Houbo 15 excarcelacións, 9 rescates de persoas e 2 saídas para limpeza de vías. O Concello que rexistrou un maior número de sinistros foi o de Sarria, con 69 seguido por Baralla, con 12.

Chantada: das 88 saídas efectuadas polo profesionais deste parque, 57 foron incendios (37 en inmobles, vehículos e mobiliario urbano e 20 forestais). Ademais, actuaron en 11 excarceracións, 8 rescates de persoas e 3 fugas de auga ou gas. O Concello que máis chamadas efectou foi o propio de Chantada, con 36, seguido por Monterroso con 13.

Monforte, incorporado en outubro

O Pleno do Consorcio reunido na Deputación de Lugo a pasada semana acordou asumir a totalidade dos custes das obras de mellora do parque de Monforte de Lemos, por un valor de 90.00 euros, así como a adquisición dun camión BUL valorado en 275.500 euros. Por outra banda, nas vindeiras semanas adxudicarase o equipamento interno e a contratación de 19 profesionais, de xeito que este parque estará definitivamente incorporado á rede e en funcionamento o vindeiro 1 de outubro, incrementando a cobertura contraincendios do sur lugués. Serán así seis parques punteiros, dotados cada un deles con 4 vehículos preparados -mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza-, así como o equipamento interno necesario (material informático, mobiliarios de oficinas, ferramentas, traxes de protección...). Cos 19 profesionais de Monforte, son un total de 120 empregos creados na provincia, cos que se dá cobertura en emerxencias ó 90% da provincia. De calquera xeito, a vontade da institución provincial e do goberno autonómico para os vindeiros anos é ampliar progresivamente a cobertura en Lugo ata chegar ó 100% do territorio, para o que se buscarán as fórmulas máis axeitadas tendo en conta as especiais condicións orográficas das zonas en cuestión.