Deputación de Lugo

Gómez Besteiro presenta á Xunta de Voceiros a declaración institucional que esixe a nova tarifa para Alcoa

Imaxe deputación de lugo
O Presidente aproveitou esta reunión para adiantar a aprobación deste texto ó Pleno do 25 de setembro, tendo en conta que a multinacional xa advertiu que “tomará decisións” se o Goberno Central e o galego non ofrecen solucións antes do 5 de outubro Gómez Besteiro tamén propuxo a PSOE, BNG e PP que os Deputados rexeiten as indemnizacións por asistencia ó Pleno extraordinario de mañá, que imposibilita tratar outros asuntos que as modificacións na composición da Corporación polas eleccións autonómicas O titular provincial defende que hai solucións para Alcoa, como as houbo noutras ocasións e cando Galicia ten excedentes de enerxía, sendo a 5ª Comunidade en España que máis luz exporta, polo que urxe, unha vez máis, a Rajoy e Feijóo medidas “de xeito inmediato”

O titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu hoxe a Xunta de Voceiros da Deputación na que presentou a PSOE, BNG e PP a declaración institucional da Deputación de Lugo que esixe unha nova tarifa eléctrica para Alcoa co fin de evitar o seu peche e manter os 2.000 postos de emprego que xera na provincia. O Presidente quixo adiantar, deste xeito, a imprescindible presentación deste texto a todos os grupos políticos con representación na institución para poder aprobalo na vindeira sesión ordinaria do Pleno Provincial, que terá lugar o martes 25 de setembro.

A decisión de Gómez Besteiro prodúcese logo de que a multinacional anunciase que o 5 de outubro, como data límite, “tomaría decisións”, no caso de que Goberno central e Xunta sigan sen despexar cal será o prezo da enerxía en España, así como a retrasar a aprobación da Reforma enerxética. Ante este “ultimatúm”, o mandatario provincial aproveitou a reunión dos voceiros provinciais deste mércores, realizada debido á celebración do Pleno extraordinario de mañá con motivo das modificacións que sofre a composición da Corporación Provincial polas eleccións autonómicas, para presentar este texto e poder acordalo canto antes co obxectivo de influír no proceso de negociación da tarifa eléctrica dentro das súas posibilidades, como institución con representación na provincia.

Por outra banda, na xuntanza, o Presidente tamén propuxo a PSOE, BNG e PP, que todos os Deputados prescindan das indemnizacións por asistencia ó Pleno de mañá debido ó seu carácter extraordinario, que imposibilita tratar outros asuntos. Esta cuestión someterase á votación na sesión plenaria deste xoves, que terá lugar ás 11:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo Provincial.

Situación ó límite

Alcoa finalizará finalizará o seu contrato eléctrico o 31 de decembro polo que leva meses esperando a que o Executivo de Rajoy negocie coas eléctricas unha nova tarifa enerxética reducida para poder continuar coa súa actividade. Esta demora xa obrigou á multinacional a iniciar expedientes de regulación de emprego nas factorías que posúe en Avilés e A Coruña, afectando a uns 100 traballadores. Segundo Alcoa, este ERES son froito da factura eléctrica, que representa o 40% dos seus custes de produción, polo menos, nas instalacións coruñesas. A fábrica de San Cibrao é a máis competitiva de Alcoa en España debido a súa innovadora tecnoloxía. Isto permítelle aforrar custes de produción e, polo tanto, frear, ata o momento, un ERE na fábrica cervense. Nembargantes, segundo declaracións públicas do Director Xeral de Industria do Goberno de Asturias, Luís Ángel Colunga, esta situación de incerteza fixo que a multinacional xa se plantexe deixar de producir aluminio a partires de xaneiro tanto en Asturias como en Galicia.

Negociacións sen resultados

Ante esta situación, o Goberno de Asturias non cesou de manter contactos con todos os ámbitos do Ministerio de Industria para buscar unha solución. Pola súa banda, a Xunta de Galicia anunciou en xuño o compromiso do Ministro José Manuel Soria e avanzou que antes de agosto o Goberno Central aprobaría unha reforma enerxética. A 12 de setembro nada se sabe sobre este asunto a pesares dos anuncios. Por exemplo, o Executivo de España afirmou que o 26 de xullo se celebraría unha Comisión Delegada de Asuntos Económicos, na que se estudaría esta reforma para aprobala ó día seguinte, no último Consello de Ministros dese mes (venres 27 de xullo). Non foi así malia que esta reforma é determinante para poder negociar o prezo definitivo da tarifa eléctrica de Alcoa, que lle permita manter a súa produtividade e, polo tanto, os miles de empregos que xera na provincia luguesa.

A Deputación no proceso

Alcoa conta na actualidade con 6 centros de produción en distintas comunidades. A de San Cibrao constitúe o maior complexo industrial de Alcoa en España, sendo o principal motor económico e social da Mariña luguesa dende hai 20 anos que foi inaugurada. Xera 2.000 empregos e representa o 35% do PIB da provincia. Por este motivo, a Deputación sempre estivo involucrada na graves situación que está a atravesar. Xa o 15 de xuño, o Goberno Provincial aprobaba en Xunta de Goberno unha declaración institucional, esixindo á Xunta e ó Goberno Central un trato preferente para Alcoa. O 19 de xuño, Gómez Besteiro mantiña un encontro con traballadores de Alcoa San Cibrao e das súas empresas auxiliares, no que lles trasladou o apoio da Deputación. Só un día despois, en cumprimento da palabra a estes traballadores e aproveitando a sinatura dun protocolo de colaboración entre Xunta e Deputacións, o Presidente lugués fíxolle saber, persoalmente, a Núñez Feijóo que este asunto é unha das máximas preocupacións da Deputación de Lugo, reiterándolle a necesidade de que o Goberno galego actúe e medie. O 6 de xullo, Gómez Besteiro secundou a manifestación convocada polos traballadores de Alcoa na Mariña. Á semana seguinte (15 de xullo), tras varias conversas telefónicas, o Presidente da Deputación de Lugo mantiña un encontro co Presidente de Alcoa España, José Ramón Camino. Nesta reunión, que tivo lugar na sede central da multinacional en Madrid e que se celebrou por petición de Gómez Besteiro, o máximo mandatario lugués amosou a Camino a súa preocupación, así como a súa disposición, para axudar a desbloquear a actual situación de incerteza.

Hai solución

Gómez Besteiro defende que hai solución para Alcoa e lembra que o anterior Goberno Central asegurou un sistema tarifario estable durante anos, mantendo os máis de 2.000 empregos que dependen de Alcoa en Lugo. Por este motivo, urxe a Rajoy e a Feijóo unha solución de xeito inmediato na que “contarán co respaldo de todas as forzas políticas e de todos os veciños desta provincia”. O titular provincial salienta que non é comprensible que Galicia, tendo excedentes de produción enerxética, non poida manter a Alcoa no seu territorio e a multinacional estude marchar a Noruega ou Abu Dhabi. Segundo o Informe de Rede Eléctrica de España, Galicia xerou o ano pasado 26.621 gigavatios hora, exportando a súa cuarta parte a outras zonas de España e Portugal. Galicia é na actualidade a quinta Comunidade en España que máis luz aporta ó conxunto do país. É salientable o feito de que o sistema enerxético de España conte con zonas negras como Madrid que ten que cubrir o 95% da súa demanda con electricidade que chega doutras Comunidades que xeran máis enerxía da que consumen. Ó mesmo ocorre con País Vasco, Cataluña, Valencia ou Cantabria.