Deputación de Lugo

A Sala de Exposición do CENTRAD exhibe 19 das obras máis destacadas do pintor lucense Labajjo Grandío

Regina Polín presentou xunto ó artista a mostra de obras que se inaugura este xoves, ás 20:30 horas, e que poderá visitarse na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do CENTRAD Esta exposición está composta por 19 obras nas que o artista amosa unha particular visión ruralista, coa recurrente presenza de retratos coloristas de mulleres, cans e cabalos A entrada é totalmente gratuíta e estará aberta ó público no Pavillón 4 do Centro de Artesanía ata o mes de novembro, de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe a mostra Labajjo Grandío, a última exposición que o Centro de Artesanía e Deseño leva á Sala de Exposicións ubicada no Pavillón 4 das instalacións da Travesía da Rúa Chantada, na capital lucense. A mostra está formada por 19 obras do pintor Alfredo Labajjo Grandío, un dos artistas lugueses máis destacados da arte contemporánea e que chega por vez primeira ó Centro, onde os visitantes poderán facer un percorrido polo mellor da obra colorista do pintor.

Durante o acto de presentación, que contou coa presenza do propio artista, así como a do comisario da exposición, Paco Pestana, Polín subliñou que “o Centro de Artesanía estase a converter nun centro de referencia nos circuítos culturais galegos. A Capela alcanzou esa categoría, e agora esta mesma Sala comeza a ser sede de importantes mostras que amplían o espazo artístico da provincia”. Así mesmo, a Deputada da Área quixo destacar a variedade e calidade dos contidos que se veñen expoñendo ó publico no CENTRAD, citando coma exemplos as mostras de artesanía, as de fotografía ou as de consagrados pintores como é o caso de Labajjo Grandío.

Pola súa banda, tanto o pintor coma o comisario da mostra, quixeron agradecer á Deputación o trato recibido e o bo criterio amosado á hora de ofrecer un espazo expositivo perfecto para o número e características das obras presentes, así como a consideración e coidado profesional co que se tratou en todo momento ás pinturas de Labajjo.

19 coloristas obras

O lucense Labajjo Grandío comeza a expoñer no ano 1973 e son numerosas as ocasións en que a súa obra ten sido exhibida na cidade que o viu nacer. Sempre o fixo da man de grandes nomes da cultura galega, coma Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Antón Fraguas ou Trapero Pardo, que foron algúns dos escritores que o acompañaron nas presentacións das súas exposicións. A súa obra amosa a influencia das súas viaxes, que o levaron a percorrer Europa, pero sempre sen esquecer as súas orixes. O costumbrismo cheo de vivas cores e de trazo groso desprende a súa visión bohemia e alegre da existencia, marcada polo simbolismo e a mitoloxía.

Días e horarios de apertura

A mostra estará aberta dende mañá ata o vindeiro día, no horario habitual do Centro de Artesanía. Todos os que o desexen ver esta exposición poderán achegarse á sala da Travesía Rúa Chantada, de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.