Deputación de Lugo

Os investimentos da Deputación para impulsar a economía e o emprego nas Reservas da Biosfera suman 15 millóns de euros

Con motivo do 10º aniversario de Terras do Miño, o Presidente fixo balance dos beneficios desta Reserva e da dos Ancares, nas que, con fondos provinciais, se crearon 420 empregos directos e indirectos, empresas, as marcas Lugo Sabe e Lug02 ou un portal de venda on line A efeméride fíxose coincidir coa presentación do libro Ruta Botánica polo Campus de Lugo, unha guía publicada grazas a un novo esforzo conxunto da USC e a Deputación que recolle un itinerario representativo da riqueza ambiental das 34 hectáreas do CampusGómez Besteiro anunciou que o organismo provincial adxudicará nuns 20 días o acondicionamento da entrada ó IBADER, “a guinda a un gran traballo como foi a rehabilitación da sede deste centro”. O orzamento desta obras é de 58.800 euros

Os investimentos da Deputación de Lugo para impulsar o desenvolvemento socioeconómico das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses suman preto de 15 millóns de euros dende a súa declaración por parte da UNESCO. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, fixo balance dos beneficios das Reservas sobre a economía e o emprego destes espazos protexidos con motivo do 10º aniversario do recoñecemento de Terras do Miño, que se cumpre este mercores, 7 de novembro. Coa auga como sinal de identidade, esta Reserva foi a primeira declarada en Galicia e trátase da segunda máis extensa de España.

“As institucións temos moita responsabilidade en que os veciños saiban o que significa o medio ambiente. Lonxe de ser un problema, é unha oportunidade de desenvolvemento por diversas vías. Unha aposta polo medio ambiente é unha aposta polo futuro da nosa provincia”, subliñou o Presidente. A Deputación, co financiamento da Unión Europea, leva investido 6,5 millóns de euros para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares, e na actualidade ten en marcha investimentos por valor de case 8 millóns de euros, que tamén beneficiarán en gran medida a estes territorios.

Deste xeito, a través do programa Lug02, a principal ferramenta da Deputación para impulsalas Reservas, creáronse 420 empregos directos e indirectos, ademais de contribuír a manter outros 3.000 coas rutas de Km0; puxéronse en marcha empresas, como Agrodynamics, Alitraz, Iberiam Science e a cooperativa Ecoleite, todas vinculadas ó sector agropecuario; 72 empresas alimentarias e turísticas da Reserva Terras do Miño teñen as marcas LugoSabe e Lug02 da Deputación, coas que melloran o seu posicionamento no mercado e aumentan os beneficios; e 21 empresas deste territorio venden os seus produtos na plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com Activouse ademais o navegador xeográfico www.delugo.es no que se pode navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar nas Reservas, onde comer ou aloxarse, ofertas de ocio...

73 especies en 2 quilómetros

A celebración do 10º aniversario de Terras do Miño fíxose coincidir coa presentación do libro Ruta Botánica polo Campus de Lugo, pois este espazo universitario forma parte de Terras do Miño e a publicación, que sae á luz grazas a un novo esforzo conxunto da USC e a Deputación, pon de relevo a riqueza ambiental da Reserva. No acto de presentación da guía, que tivo lugar nun punto da propia ruta, nas proximidades do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) ante medio cento de profesores e alumnos, estiveron, xunto a Gómez Besteiro, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e os autores da obra: Javier Pereira-Espinel Plata, Manuel Rodríguez Guitián, María Isabel Iglesias Díaz e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais da Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo.

Dirixida a todo tipo de público e cunha coidada edición, a guía recolle unha ruta de 2 quilómetros de lonxitude e percorrido circular, na que o camiñante pode coñecer de maneira sinxela ata 73 especies de árbores e plantas diferentes, unha mostra representativa da riqueza botánica das 34 hectáreas que ocupa o Campus. A cada especie dedícaselle unha ficha técnica coas correspondentes características e unha foto. Dos 2.000 exemplares editados, 1.500 distribuiraos a Deputación como obsequio institucional, e os 500 restantes, a Universidade de Santiago. No percorrido destacan dous carballos de grandes dimensións, entre outras especies europeas, americanas e incluso africanas ou de Oceanía, entre as que se poden atopar algunhas híbridas, produto das prácticas de xardinería.

Durante o acto de presentación da publicación, Antonio Rigueiro, un dos autores, avanzou que a guía poñerase a disposición de tódolos interesados colgándoa na web da USC, e que se fará unha versión en galego, pois a publicada está en castelán. Rigueiro, ademais expresar o seu agradecemento a todos os colaboradores, á Deputación e á USC, destacou que o obxectivo do libro é “achegar a Universidade ós lucenses”.

O Campus, motor de cambio

Pola súa banda, o reitor da USC incidiu na idea exposta por Gómez Besteiro sobre a importancia de saber transmitir á sociedade a importancia do medio ambiente para o futuro, “sobre todo neste momento de transición difícil do que non sabemos aínda o final”. Ademais, Casares Long recalcou a importancia da nova colaboración para editar esta guía prestada pola Deputación, “ese anxo protector que permitiu o desenvolvemento do Campus, un mecanismo que foi capaz de cohesionar socialmente unha provincia que dende había séculos tiña moi marcadas as diferencias entre un e outros. Foi un motor de cambio”.

Obras no IBADER

Aproveitando que o acto de presentación da guía botánica sobre o Campus se celebrou no entorno do IBADER, o Presidente anunciou que a Deputación adxudicará nuns 20 días as obras de acondicionamento do acceso a este edificio, “unha guinda a un gran traballo como foi a rehabilitación da sede deste centro”. O orzamento é de 58.800 euros e os traballos consistirán na pavimentación da vía de entrada ó IBADER, o axardinamento, a mellora da canalización das augas pluviais e a señalización.

Este proxecto forma parte da estreita colaboración que a Deputación mantén co IBADER. O organismo provincial facilitou o acondicionamento da nova sede do instituto, cedendo a finca coñecida como A Casa da Granxa e achegando 200.000 euros; e demoleu os barracóns situados entre o hospital Rof Codina e a facultade de Dirección e Administración de Empresas para mellorar a entrada ás instalacións, ademais de aportar 12.200 euros anuais para o funcionamento do centro.

Gala Lvcvs Moda, exposicións, concursos e xornadas

O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente hoxe, día 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación estendéronse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas da Biosfera existentes en España; a terceira Gala Lvcvs Moda estivo dedicada ós 10 anos da Reserva; e houbo varias xornadas divulgativas, un concurso de fotografía para afeccionados; e o programa didáctico e de lecer Exploradores Terras do Miño para os máis pequenos, entre outras actividades.