Deputación de Lugo

Besteiro inaugura as XXVI Xornadas Penitenciarias Lucenses, que abordan os dereitos dos penados inmigrantes

O mandatario provincial, xunto a Marina Cillero, presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal –organizadora do encontro-, o Alcalde de Lugo e o avogado Antonio Vázquez Portomeñe, abriu en San Marcos o congreso ante un auditorio dunhas 90 persoas Deputación e Concello lugués colaboran co foro, que inclúe unha conferencia, un coloquio e unha mesa redonda a cargo de 8 especialistas de prestixio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este luns no Salón de Actos de San Marcos unha nova edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, que este ano, na súa 26ª edición, se centran nos trámites de expulsión dos penados estranxeiros. Na apertura oficial do encontro, ó que acudiron unhas 90 persoas, Gómez Besteiro estivo acompañado pola presidenta da entidade organizadora, Marina Cillero; o Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco; e o avogado Antonio Vázquez Portomeñe.

O mandatario provincial destacou que a Asociación Concepción Arenal aposta ano tras ano por afondar en temas “de plena actualidade social”, ademais de subliñar e agradecer o “esforzo e empeño” que desenvolve “en favor da reinserción social de persoas que teñen cumprido penas de cárcere”, un labor, engadiu, especialmente importante hoxe, cando “o risco de exclusión social se acentúa de xeito preocupante como consecuencia, entre outras causas, da difícil situación económica que estamos a padecer”.

O acto oficial de inauguración do foro, que remata mañá, incluíu a entrega das Medallas Concepción Arenal, da que se ocuparon Gómez Besteiro e López Orozco. Deputación e Concello lugués colaboran co encontro, que leva por título Coordinación, intervención penitenciaria. Trámites de expulsión dos penados estranxeiros, e durante o que haberá unha conferencia, un coloquio e unha mesa redonda a cargo de 8 especialistas de prestixio. Deste xeito, trala apertura oficial, hoxe tivo lugar a conferencia A expulsión dos penados estranxeiros, a cargo do doutor en Dereito e xurista do Centro Penitenciario de León Rafael Martínez Fernández, seguida dun coloquio moderado polo vicepresidente da Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS), Víctor Fraga Gayoso.

Mañá martes terá lugar a mesa redonda Trámites de procedemento de expulsión dos penados estranxeiros, na que intervirán como relatores Esther Montero Pérez de Tudela, doutora en Criminoloxía e xurista do Centro Penitenciario de Huelva; Miguel Armenteros León, fiscal de Estranxeiría da Fiscalía Provincial da Coruña; Diego García Castro, inspector xefe do Grupo de Estranxeiros da Xefatura Superior de Policía de Galicia; e Carlos Villar Arévalo, avogado e asesor xurídico da ONG Ecos do Sur. Como moderadora actuará a subdirectora de tratamento do Centro Penitenciario de Monterroso, Elvira Paloma Fernández Domínguez. A clausura correrá a cargo do Deputado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro.