Deputación de Lugo

Esgotadas as prazas para aprender oficios tradicionais nos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Os obradoiros artesanais do CENTRAD renovan o seu éxito ó esgotarse as 120 prazas dispoñibles en apenas unha semana dende a apertura do prazo de inscripciónOs interesados en participar nos obradoiros aínda poderán inscribirse, malia que pasarán a formar parte da lista de espera e deberán agardar a posibles anulacións de última hora Os cursos celebraranse en lugo e noutros Concellos da provincia e os alumnos poderán aprender técnicas de cestaría, xoiaría, confección en coiro, téxtil, cerámica, vidro ou forxa

As 120 prazas dispoñibles para participar nos obradoiros esgotáronse en apenas unha semana dende a apertura do prazo de inscrición, o pasado día 25 de outubro. Máis de 130 persoas teñen xa formalizada a súa solicitude para optar a unha das prazas nos 14 obradoiros programados, que ofrecen preto de 500 horas de formación impartida por recoñecidos profesionais do sector.

De calquera xeito, os interesados en participar aínda poden facer a súa solicitude, malia que esta servirá para figurar en lista de espera, e agardar a posibles baixas ou anulacións de última hora. Deberán facelo online, a través das páxinas www.deputacionlugo.org ou www.centrad.org, nas que poderán atopar o modelo de solicitude. Unha vez cuberto, a aplicación informará ó interesado que está en dita lista de espera.

Para resolver calquera dúbida ou obter máis información sobre datas, horarios ou matrículas, poden consultar as páxinas web anteriormente citadas, tamén poden chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n)

Aprender oficios tradicionais

Os cursos desenvolveranse tanto nas instalacións do Centro de Artesanía na capital e noutros Concellos da provincia a partires do día 5 de novembro e versarán sobre diferentes labores: cestaría, xoiaría, confección en coiro, téxtil, cerámica, vidro e forxa.

Os cursos que se celebrarán en Lugo son “Cestaría en espiral a partir de teas recicladas”; “Cestaría tradicional galega en vimbio”; “Cestaría tradicional: cabazas de Noia e cesto de Muros”; “Cestaría de xuncos”; “Xoiaría creativa”; “Fundas de coiro”; “Tecidos decorativos en tear de baixo lizo” e “Escultura cerámica”. Por outra banda, os cursos que se celebrarán fóra de Lugo serán os de “Traballando o coiro” (Negueira de Muñiz); “Iniciación ó tear de baixo lizo” (Triacastela); “Da artesanía á arte. Iniciación á cerámica” (Foz); “Fusing e termoformado” (Monforte de Lemos) e “Forxa” (Riotorto).