Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a XV Festa da Castaña do Caurel

Lara Méndez e Carmen Vergara presentaron hoxe no Pazo de San Marcos a festa adicada a un froito do que a Comarca de Quiroga é unha das principais produtoras da Comunidade galegaA Deputación colabora con asociacións e Concellos de todas as cores políticas aportando un total de 100.000 euros para organizar diferentes iniciativas que poñen en valor os produtos autóctonos A programación comeza o sábado e o domingo terá lugar a degustación de castañas e viño novo no recinto feiral, no que haberá postos de artesanía e de venda doutros produtos típicos da zona

A Vicepresidente Segunda, Lara Méndez e a Concelleira de Cultura do Caurel, Mª Carmen Vergara, presentaron este venres a Festa da Castaña deste Concello, que se desenvolverá esta fin de semana en Folgoso, posto que esta é unha celebración que dende os seus inicios alterna o escenario dos actos festivos entre esta localidade e a de Seoane. A cita chega este ano á súa vixésimo quinta edición e fai deste froito típico da Montaña luguesa o produto estrela da programación.

De feito, a comarca de Quiroga, na que se inscribe este municipio, é, con máis de 1.100 hectáreas de soutos, unha das máis destacadas de Galicia en canto a superficie cultivada e produción. Hai que ter en conta ademais que a Comunidade galega é a principal produtora de castaña do país, aportando unhas 7 toneladas de media por ano. Hai que salientar ademais que esta castaña conta cun distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP), da que forma parte toda a provincia de Lugo agás a Mariña, posto que este non é un cultivo axeitado para zonas costeiras.

O organismo provincial colabora con esta iniciativa dentro da súa aposta pola riqueza natural da provincia e, en particular, nos produtos autóctonos, como factor de “crecemento económico”. Tal e como destacou Méndez, “a calidade dos nosos recursos agroalimentarios ou artesanais é unha factor distintivo que ofrece innumerables camiños de crecemento económico”. Lara Méndez destacou que esa é a motivación fundamental para que a Deputación destine unha partida de 100.000 euros neste ano a poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos nosos produtos autóctonos de calidade” como unha vía para revitalizar a economía luguesa, sobre todo na zona rural, e frear a grave perda de poboación que está a padecer a provincia como unha vía para revitalizar a economía dos Concellos da provincia “con independencia da súa cor política”.

Tal e como destacou Mª Carmen Vergara, que ademais é a presidenta da Asociación “A Coroa”, organizadora do evento no que colaboran moitas casas comerciais e negocios da zona, “é importante non só para promocionar os nosos produtos senón tamén o noso Concello e toda a Comarca”. Finalmente, quixo agradecer a colaboración prestada pola Deputación, “sen a que non sería posible organizar esta festa”

Degustación gratuíta

A programación arrincará o sábado pola tarde con algunha das actuacións musicais previstas, aínda que o día grande será o domingo. Tras a lectura do pregón ás 13:00 horas, terán lugar diversas actuacións musicais, que amenizarán a xornada mentres no Campo da Feria os asistentes poderán degustar centos de quilos de castaña acompañados de viño novo.

Ademais da degustación de castaña, tamén se poderá xantar a base de polbo á feira e churrasco, no recinto da feira haberá exposición e venda de artesanía e doutros produtos típicos da zona, coma os derivados do porco, mel, queixos e outros produtos de outono.