Deputación de Lugo

A Deputación completa a formación do Pacto polo Emprego cun obradoiro que fomenta o emprendemento como saída laboral

Trátase da acción Emprendedurismo colaborativo que, unha vez rematada a fase de prácticas do Pacto, ofrece ós beneficiarios que o desexen 100 horas de formación en cuestións básicas de xestión dun negocio e dos trámites necesarios para inicialoÉ un paso máis na aposta pola cultura emprendedora da institución presidida por Gómez Besteiro, que leva concedidas nos últimos 4 anos axudas por valor de 1,8 millóns de euros, das que se beneficiaron máis de 1.400 firmas, autónomos e asociacións profesionais

A Deputación pon en marcha mañá o curso Emprendedurismo colaborativo, unha acción formativa complementaria dirixida a todos os beneficiarios do proxecto Pacto Provincial polo Emprego que desexen completar a súa formación con esta acción enfocada a promover o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras. O curso, que se desenvolverá ata o vindeiro 23 de novembro, conta cun total de 25 prazas e consta dunha carga lectiva de 100 horas.

A segunda fase do Pacto polo Emprego, que ofreceu 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, foi posto en marcha polo organismo provincial co obxectivo de formar a 340 parados da provincia e facilitar a súa inserción laboral nas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistir a crise, como son a atención sociosanitaria e a dependentes, o medio ambiente e as tecnoloxías da información e a comunicación. Unha formación gratuíta e remunerada, xa que durante todo o período formativo –teórico e práctico- os alumnos recibiron unha axuda de aproximadamente 400 euros, compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade.

Unha vez rematada a fase de prácticas nas empresas, os participantes teñen a oportunidade de completar a súa formación accedendo a este curso, que ten o obxectivo de capacitalos e apoialos para que inicien unha actividade por conta propia ou en colaboración con outros participantes no Pacto, formándoos en cuestións básicas de xestión dun negocio, como a elaboración dun plan de márketing, así como dos trámites necesarios para poñer en marcha un negocio. Ó mesmo tempo, tamén se fomenta o desenvolvemento de redes empresariais na provincia de Lugo.

Apoio ós emprendedores

Esta aposta polo emprendemento é un paso máis na liña de apoio da Deputación de Lugo pola pequena e mediana empresa que, tal e como destacou en pasadas datas o máximo responsable provincial, José Ramón Gómez Besteiro, “os empresarios e autónomos son a verdadeira columna vertebral da economía do país”

Ademais de ofrecer formación enfocada a fomentar a cultura emprendedora, a institución provincial leva postas en marcha diferentes iniciativas de apoio ós empredendores. A máis recente delas é o Plan de Dinamización de Uso das TIC nas PEMES, que potencia o uso das novas tecnoloxías nas PEMES para que sexan máis competitivas, melloren a súa produtividade, reduzan custes e xeren emprego. De xeito totalmente gratuíto fará auditorías ás empresas para avaliar cal é o seu grao de incorporación ás novas tecnoloxías e determinará as melloras que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio, ó tempo que ofrece ós empresarios asesoramento técnico personalizado, tamén a custe cero, tanto para elixir as mellores e máis convenientes ferramentas tecnolóxicas, como durante o proceso de incorporación das mesmas

En total, a entidade que preside Gómez Besteiro leva concedidos nos últimos catro anos 1,8 millóns de euros en axudas para consolidar a actividade das empresas da provincia, das que se beneficiaron xa máis de 1.400 firmas, autónomos e asociacións profesionais.