Deputación de Lugo

Regina Polín entrega ós participantes nas Xornadas Arredor de Leiras Pulpeiro o DVD que realizou a TIC sobre o autor

O traballo audiovisual, que gravaron e editaron os bolseiros da Escola de Imaxe e Son para incrementar a súa formación práctica, recolle a vida e obra de Leiras PulpeiroPolín destaca que “a Fundación TIC ten un labor social. Con este DVD buscamos potenciar no exterior a riqueza cultural, dinamizando a economía e gañando todos”

A Patrona da Fundación TIC e Deputada provincial, Regina Polín, entregou este venres ós participantes nas Xornadas Arredor de Leiras Pulpeiro, que se celebran esta fin de semana en Mondoñedo, o DVD que recolle a vida e obra do escritor mindoniense, gravado e editado polos bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo e persoal técnico da Fundación TIC. Este traballo audiovisual levouse a cabo en colaboración con dito Concello mariñano co obxetivo de poñer en valor a traxectoria do autor e médico Leiras Pulpeiro, cuxa labor foi vital para a Mariña e, en xeral, para toda a provincia.

Regina Polín salientou que “a Fundación TIC ten un labor claramente social. Traballamos por e para a xente, e por iso elaboramos este DVD, co que buscamos potenciar no exterior a riqueza cultural luguesa, dinamizando a nosa economía e gañando todos. Ó mesmo tempo, este traballo incrementa a formación práctica dos alumnos da EIS, do único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, co fin de contribuír a súa inserción laboral”.

Este material audiovisual fai un repaso pola vida persoal do autor, sen esquencer a súa implicación política: republicano, Presidente do Comité Republicano Federal de Mondoñedo Liberal e anticlerical. Pero, aparte da faceta política, Leiras Pulpeiro faría un oco na Historia grazas á súa obra literal. É por iso, que neste DVD recóllense algúns dos poemas máis importantes do autor, como os de “Cantares Gallegos”. A Mariña, así como o traballos dos mariñeiros ou a Montaña, son algúns dos temas dos seus versos.

O labor sociocultural da TIC

Na actualidade, a TIC ten asinados máis de 120 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son leven a cabo traballos profesionais.