Deputación de Lugo

Preto de 200 veciños de Lugo e Vilalba redescobren a provincia coas rutas de Km0 desta semana

Integrantes dos colectivos lucenses do Centro de Convivencia, Asociación de Persoas Xordas e das asociacións vilalbesas de Mulleres Rurais de Penarredonda e a do Monte do Calvario participarán esta semana nas rutas que os levarán á Mariña e as ribeiras do Sil

Preto de 200 persoas procedentes dos Concellos de Lugo e Vilalba tomarán parte esta semana nas rutas de Km0, a programación de turismo e ocio medioambiental posta en marcha pola Deputación de Lugo. Membros de catro asociacións destes dous Concellos da provincia percorrerán diferentes recunchos da Mariña e dos Concellos das ribeiras do Sil.

As rutas elixidas por estes veciños levarannos a redescubrir a riqueza natural e patrimonial dos Concellos de Ribadeo, Ribas de Sil e Sober. Este martes, a Deputada de Economía, Pilar García Porto recibiu o grupo encargado de inaugurar as rutas da semana. 55 usuarios do Centro de Convivencia do Concello de Lugo elixiron facer un percorrido por Ribadeo, facendo unha pequena ruta a bordo dunha embarcación pola ría, tras o que darán un paseo polas rúas do casco histórico.

O mércores serán 48 integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Lugo os que tomarán camiño cara o Concello de Ribas de Sil, no que visitarán a famosa igrexa de Santa María de Torbeo e tras o que iniciarán unha ruta ata Pena Tallada. O xoves, 24 mulleres pertencentes a Asociación de Mulleres Rurais de Penarredonda, de Vilalba, farán a ruta que Km0 estreou nesta 5ª tempada, a combinada en tren e barco polos cañóns do Sil. Grazas a esta ruta, poderán admiraras típicas paisaxes do Concello de Sober dende as augas do río e baixar a terra para facer unha ruta pola xoias do románico que agocha este Concello.

Finalmente o sábado, outros 48 membros da Asociación vilalbesa Monte do Calvario pecharán as rutas da semana viaxando novamente á Mariña, concretamento ó Concello de Ribadeo, onde, tras facer unha visita a Illa Pancha, trasladaranse cara as praias das Catedrais e dos Castros; coñecerán o funcionamento das cetáreas de Rinlo e xa pola tarde farán unha ruta en barco pola ría de Ribadeo e rematarán a xornada cun paseo polas rúas da localidade.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.