Deputación de Lugo

A Deputación pecha o Km0 deste 2012 con rutas por Burela, Palas, Guntín e Sober, nas que participarán 120 persoas

Integrantes de asociacións de Baralla, Sarria e Lugo farán os tres últimos itinerarios do ano, que terán lugar entre hoxe e o xovesA Deputación lanzará en xaneiro a través das axencias de viaxe luguesas rutas turísticas á carta por toda a provincia para multiplicar as oportunidades económicas de Km0

A Deputación de Lugo pecha o programa Km0 deste ano 2012 con tres rutas por Burela, Palas de Rei, Guntín e Sober, que terán lugar esta semana e nas que participarán 120 persoas, integrantes de asociacións dos municipios de Baralla, Sarria e Lugo. O primeiro destes tres últimos itinerarios de 2012 tivo lugar este martes polo Concello de Burela. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, recibiu no Salón de Actos de San Marcos a 24 integrantes da Asociación Os Malugreiros de Baralla, que logo visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, para, seguidamente, viaxar a Burela, onde comeron no restaurante Palacio de Cristal e coñeceron o barco museo, atracado no porto da vila mariñana, e a actividade das redeiras.

Mañá mércores, 48 integrantes da Asociación de Veciños de Fontao, de Sarria, farán un percorrido que arrancará cunha visita á olería de Bonxe e continuará no castelo de Pambre, a queixería Arqueixal e a igrexa de Vilar de Donas. A comida terá lugar no restaurante Parada das Bestas. Por último, para o xoves está prevista unha ruta en catamarán pola zona de Amandi, en Sober, demandada pola asociación cultural lucense Castelo-Rato de Lugo. 48 integrantes deste colectivo coñecerán as instalacións da Fundación TIC, dependente da Deputación, e gozarán dunha degustación e unha comida na adega Algueira, para logo embarcar en Doade e facer un percorrido en catamarán pola zona, así como unha visita ó miradoiro do Duque.

Km0.Mueve Lugo

En xaneiro de 2013 a Deputación lanzará a través das axencias de viaxe luguesas rutas turísticas á carta por toda a provincia co obxectivo de multiplicar as oportunidades económicas de Km0, unha iniciativa que mantén preto de 1.400 empregos directos e indirectos en sectores estratéxicos, como a hostalería, comercio, artesanía e turismo, e na que, dende a súa posta en marcha en 2008 grazas ós fondos da Unión Europea, levan participado máis de 40.000 persoas. Este proxecto, que se desenvolverá baixo a denominación Km0.Mueve Lugo, levarase a cabo grazas á firma dun convenio entre a Deputación e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes (AGAVI).

O novo programa ofrecerá todo tipo de servizos: aloxamento, comidas, actividades de multiaventura, visitas guiadas a museos, parques naturais, lonxas, adegas, queixerías, fábricas de embutidos, obradoiros artesanais, establecemento de produtos autóctonos... Deste xeito, haberá rutas para persoas de todas as idades e ata en inglés, con guías neste idioma.

Os interesados, que poden ser de calquera parte do mundo, terán que dirixirse ás axencias de viaxe, ó departamento Km0 da Deputación, ou ben consultar a páxina web do organismo provincial (www.deputacionlugo.org), onde atoparán toda a información ó respecto a partir de xaneiro.

Rutas dende 9 euros

A Deputación será a encargada de planificar as rutas, que executarán as axencias de viaxes. A entidade luguesa, con persoal propio, actuará como oficina central de reservas para planificar os itinerarios solicitados nas axencias. Isto permitirá, ademais, pechar as rutas coas empresas lucenses colaboradoras ó prezo máis vantaxoso. O custe da ruta, que empezará nos 9 euros e que dependerá dos servizos á carta que se queiran incluír, será aboado directamente na axencia de viaxe correspondente.

Continúa o Km0.Deputación de Lugo

Simultaneamente, como programa independente do Km0.Mueve Lugo, a institución continuará co Km0.Deputación de Lugo, no que hai 8.000 persoas á espera dunha ruta de aquí ó mes de xullo. Esta iniciativa enmárcase no Lug02, o programa medioambiental cofinanciado por fondos europeos. Por este motivo, a Unión Europea sufraga o 70% dos custes das rutas, mentres os participantes, sempre veciños empadroados na provincia, aboan entre 5 e 8 euros para outros gastos como, por exemplo, as comidas.