Deputación de Lugo

A Deputación, malia o voto en contra do PP, esixe á Xunta Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear para o HULA

Incongruencia: o Partido Popular vota en contra da proposta do PSdeG tras presentar unha moción de urxencia reclamando o mesmo e asegurar que Hemodinámica “é unha prioridade”Preferentes: o Goberno Provincial acordar esixir á Xunta mecanismos para que os afectados polas preferentes recuperen o 100% dos cartos mentres o PP rexeita esta iniciativa, provocando unha aireada protesta entre o público asistente ó PlenoServizos Sociais: a Deputación ofrece asistencia xurídica ós Concellos para reclamar á Xunta o financiamento que por lei está obrigada a conceder para a prestación de servizos sociais tras transferir competencias as entidades locais sen as correspondentes achegas económicasPOS: a institución salva o Plan de Obras e Servizos en Lugo logo da supresión por 1º vez na historia da achega do Goberno Central, aprobando 84 actuacións con 3,7 millóns de euros

O Goberno Provincial, integrado por PSdeG e BNG, aprobaron no Pleno deste mércores, co incongruente voto en contra do PP, unha moción do grupo socialista coa que a Deputación esixe á Xunta de Galicia “licitar e adxudicar de inmediato os equipamentos necesarios de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA para que estes servizos, tan necesarios para a saúde dos lucenses, entren en funcionamento no menor tempo posible”. Na actualidade, Lugo é a única provincia galega sen estas prestacións polo que os lucenses teñen que desprazarse a Santiago ou a Coruña co fin de recibir estes tratamentos, incrementando o tempo de espera para ser atendidos e poñendo en perigo as súas vidas.

A moción do PSdeG foi presentada a todos os grupos políticos xa hai case unha semana, concretamente o pasado xoves, durante a celebración da Comisión Informativa onde -como é habitual- se abordaron os asuntos da Orde do Día do Pleno. Nembargantes, malia coñecer a iniciativa dos socialistas e ata ter unha copia da mesma na súa posesión, o Partido Popular decidiu presentar esta mesma mañá, minutos antes do inicio da sesión plenaria tras alegar que non puideron facelo antes debido ás datas do Nadal, unha moción de urxencia practicamente igual. E é que a iniciativa dos populares di textualmente: “instar á Xunta de Galicia a posta en marcha da unidade de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, xa que se trata dunha actuación prioritaria para a provincia de Lugo. Paralelamente, no relativo á dotación dos equipamentos de Medicina Nuclear e de Radioterapia, demandar da administración autonómica unha especial consideración coa provincia de Lugo na aplicación dos criterios de organización de servizos, unha vez que sexan aprobados e acordados no Consello interterritorial do sistema nacional de saúde”.

Incongruencia e rectificación

Tendo en conta que ambas as dúas iniciativas compartían a mesma finalidade, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, explicou ós populares que podían converter a súa moción nunha enmenda á proposta do PSdeG e apuntar nas súas intervencións as cuestións que quixeran modificar ó respecto da iniciativa dos socialistas. Isto permitiría, acordar unha proposta conxunta coa que demandar ó Goberno galego de xeito unánime os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA. O Partido Popular negouse a tal feito e mantivo a súa moción de urxencia, feito que obrigaba a reanudar o mesmo debate plenario 45 minutos máis tarde. A incongruencia do PP foi máis aló cando, chegado o momento das votacións e logo de que o popular Fernando Pensado afirmase que o funcionamento de Hemodinámica en Lugo “é unha prioridade” para o seu grupo político, todos os representantes do Partido Popular na institución provincial votaron en contra da moción do PSdeG. Posteriormente e ante a ausencia de argumentos para abordar de novo este mesmo debate, o PP viuse na obriga de retirar finalmente a súa moción de urxencia. “Paréceme unha renuncia intelixente xa que saber rectificar a tempo é de sabios”, apuntou Gómez Besteiro.

Afectados polas preferentes

O Goberno Provincial aprobou unha moción coa que demanda á Xunta que garanta a continuidade de Novagalicia Banco coma unha entidade financeira pública, ó tempo que esixe ó Executivo galego a posta en marcha dos mecanismos legais necesarios para que se lle reintegre ós afectados polas participacións preferentes o 100% dos cartos investidos. O Partido Popular tamén votou en contra desta iniciativa, provocando unha airada protesta dos membros da plataforma de afectados pola venda de preferentes, que asistiron como público á sesión plenaria.

Asistencia xurídica ós Concellos

A Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que o organismo provincial ponse a disposición dos Concellos, ofrecéndolles gratis a asistencia xurídica necesaria co fin de que as entidades locais poidan reclamar á Xunta de Galicia o financiamento para Servizos Sociais que lles corresponde e que o Goberno galego está obrigado a conceder por lei. García Porto fixo este anuncio durante o debate das alegacións que o Partido Popular presentou ó Orzamento da Deputación para 2013 fóra de tempo. E é que, malia contar cunha copia íntegra do Presuposto antes da súa aprobación inicial xa no mes de novembro, o PP non fixo reclamación algunha ó respecto ata este Pleno. É dicir, os populares deixaron transcorrer o prazo legal polo que agora, tal e como recolle o artigo 170 da Lei Reguladora das Facendas Locais, “non está lexitimado” para facer reclamacións neste senso. Malia e todo, o organismo provincial accedeu ó debate das mesmas, que foron desestimadas, quedando aprobado definitivamente o Orzamento da Deputación para 2013.

Porto lembrou que se trata “dun Presuposto progresista”, no que a partida para o fomento do emprego se incrementou nun 63% e a de servizos sociais nun 12%. Neste senso, destacou que a Deputación está pendente da resolución do recurso presentado contra a Xunta polo Decretazo de Servizos Sociais. Unha normativa, remarcou a Deputada, coa que “o Goberno galego transferiu ás entidades locais, dun día para outro e sen consenso algún, competencias nesta materia sen as achegas económicas correspondentes e obrigatorias, que nin tan sequera cuantificou. Deixou ós Concellos sen recurso algún”. Da mesma forma, salientou que o Goberno galego ten depende de asinar coa Deputación de Lugo varios convenios, que pola contra si asinou coas restantes institucións provinciais galegas, enmarcados no protocolo de actuación permanente, por valor de máis de 2 millóns de euros para políticas activas de emprego e servizos sociais na provincia luguesa.

Plan de Obras e Servizos

A Deputación salva o POS 2012 na provincia logo de que o Goberno Central tentase suprimilo, recortando a cero euros, por 1º vez na historia da democracia, a achega estatal a este proxecto. O Pleno aprobou hoxe, coa abstención do PP, as 84 obras, por valor de 3,7 millóns de euros, que se executarán na provincia. Para elo, a institución provincial tivo que incrementar o seu orzamento ós 2,1 millóns de euros. A Deputación asume o 100% das actuacións provinciais e o 50% das municipais. Estes traballos levaranse a cabo en todos os Concellos lugueses agás nos 6 que, de xeito voluntario, rexeitaron esta iniciativa: Alfoz, Bóveda, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada.