Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que 'a reforma da Lei de Réxime Local do PP busca a privatización dos servizos básicos municipais'

Imaxe deputación de lugo
O Goberno Provincial rexitará no Pleno esta reforma porque “é un machadazo ó municipalismo, non evita duplicidades entre administracións, non aforra cartos, non define as competencias dos Concellos e non garante o financiamento das prestacións municipais”O voceiro socialista subliña que “o Executivo ni-ni de Rajoy nin concede os cartos para que as Deputacións manteñan os servizos sociais nin deixa que o consigamos debido a súa Lei de Estabilidade Orzamentaria, que limita o endebedamento, atándonos ás mans”Martínez manifestou “o máximo respecto” á decisión persoal de Díaz Valiño, defendeu a súa presunción de inocencia -“o tempo quitará e dará razóns”- e esixiu axilidade á xustizaO Pleno tomará razón desta renuncia e abordará a proposta do Presidente para que o Deputado suplemente que figura na listaxe da Xunta Electoral Central tome posesión, unha vez que dita última entidade emita a súa certificación

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que o Goberno Provincial levará ó vindeiro Pleno unha proposta para manifestar o seu rexeitamento á reforma da Lei de Réxime Local proposta polo Goberno Central, instándoo a realizar un novo borrador para acadar unha regulación municipal froito do consenso con todos os partidos políticos. Martínez explicou que a postura do Executivo lugués a este respecto, subliñando que “a reforma da Lei de Réxime Local do Partido Popular é un verdadeiro machadazo ó municipalismo porque non evita duplicidades entre administracións, non aforra cartos, non define as competencias dos Concellos e non garante o financiamento necesario para as prestacións municipais. En definitiva, non soluciona ningún dos déficits da normativa do 1985. O único que busca o Partido Popular con esta reforma é dar un paso máis cara a privatización dos servizo básicos nos municipios, facendo novos recortes encubertos”.

A institución luguesa entende que con esta reforma os populares eliminan a autonomía política dos Concellos de menos de 20.000 habitantes que, no caso desta provincia, son todos agás o de Lugo. O Goberno Central anula, deste xeito, a capacidade de decisión de 66 municipios lugueses, outorgando, exclusivamente, as súas competencias á Deputación e non así o financiamento necesario para que esta administración ofreza os servizos básicos ós 250.500 veciños de ditos Concellos.

Ó respecto, Martínez salientou que “o Executivo ni-ni de Rajoy, nin nos concede os cartos para manter estas prestacións sociais, nin deixa que as Deputacións o consigamos debido a súa Lei de Estabilidade Orzamentaria, que limita o endebedamento das entidades locais, atándonos ás mans. O Partido Popular consegue, deste xeito, supeditar o benestar cidadán á economía e ó mercado pola súa obsesión co déficit. Pero é máis, nin sequera esta reforma serve para controlar ó déficit municipal porque non aforra cartos ás entidades locais. O PP asegura que reducirán custes coa diminución de concelleiros cando, na súa inmensa maioría, estes representantes políticos non cobran retribución algunha. O único que fará o Partido Popular con esta reforma é recortar os cartos estatais que deberían conceder ás administracións locais para a prestación dos servizos sociais ós veciños”.

Ataque ó benestar

Neste senso, o voceiro recalcou que esta reforma “conleva recortes encubertos e obriga ás Deputacións a externalizar as súas competencias a empresas privadas para que presten servizos públicos mediante concesións pola falta de financiamento. É dicir, o Partido Popular conseguirá que os veciños paguen máis por servizos municipais de menor calidade”. Martínez engadiu que “máis tixeira. Rajoy xa suprimiu o financiamento estatal ó servizo de Teleasistencia e recortou nun 65% nos últimos dous anos a partido do Plan Concertado creado polos socialistas para contribuír ó desenvolvemento das prestacións básicas dos servizos sociais. Feijóo, ó igual que Rajoy, fixo o mesmo en Galicia cando un día decidiu suprimir o financiamento autonómico ó Servizo de Axuda no Fogar, obrigando ás Deputacións a ofrecer estas prestacións, tamén sen darlles financiamento para elo”.

“Feijóo propúxose a quebra do emprego”

O socialista fixo referencia ós “dramáticos datos da EPA”, que sitúan a Lugo como a provincia na que máis aumentou o paro en 2012, cun 40% máis de desempregados co ano pasado, superando as 25.400 persoas sen traballo en Lugo. “Os datos oficiais constatan que a Xunta, administración galega con plenas competencias no eido laboral, nada máis fixo por esta provincia que destruir postos de traballo. Feijóo propúxose a quebra do emprego en Galicia porque, tal e como advirten xa todos os sectores, as súas austéricas políticas farán que Galicia acade os 300.000 parados no primeiro trimestre do ano. Feijóo, o destructor do emprego, parece non ter pensado cambiar a súas políticas de actuación. Nos últimos catro anos, recortou en máis de 400 millóns de euros as accións para a promoción do emprego. No Orzamento da Xunta para 2013, rebaixa este partida noutro 40%, con 137 millóns de euros menos que no 2012”. Martínez asegurou que a Deputación tenta contrarestar as políticas “do austérico Feijóo” dentro das súas posibilidades, cun Presuposto 100 veces menor e sen compertencias directas. No Orzamento de 2013 a institución adica 7,5 millóns de euros ó emprego, incrementando nun 63% a partida para accións do seu fomento.

Renuncia de Valiño

Ó respecto da renuncia de Juan José Díaz Valiño como Concelleiro de Castro, Deputado Provincial e membro nos órganos do PSdeG, o voceiro provincial socialista manifestou que “respetamos a decisión persoal de Valiño, que sabemos que levaba tempo madurando; pedimos o absoluto respecto a súa presunción de inocencia, o tempo quitará e dará razóns; e esiximos, unha vez máis, a máis axilidade da xustiza porque unha xustiza máis rápida é unha xustiza máis xusta”. Ó respecto da vacante que queda na Corporación Provincial, o vindeiro martes o Pleno Provincial tomará razón da renuncia de Valiño. Na mesma sesión plenaria, abordarse a proposta do Presidente da Deputación para que o Deputado suplemente que figura na listaxe da Xunta Electoral Central tome posesión. Será a Xunta Electoral Central quen emita, posteriormente, a certificación do novo Deputado.