Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entrega ós veciños de Cervantes o DVD da rehabilitación da Igrexa de Santa María do Castro realizado pola TIC

O traballo audiovisual recolle imaxes dos resultados dos traballos de rehabilitación do templo, dun enorme valor patrimonial e turístico, realizados grazas ó esforzo económico dos veciños desta parroquia cervantinaBolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio dos técnicos da TIC, gravaron e editaron este DVD como parte das prácticas reais que lles ofrece o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega este venres do DVD que recolle a inauguración da Igrexa parroquial de Santa María do Castro, de Cervantes, tras o remate das obras de rehabilitación levadas a cabo grazas ó esforzo económico dos veciños.

O máximo responsable provincial, que estivo acompañado no acto polo Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, fixo entrega deste DVD a Manuel Santín Gómez, presidente da Asociación de Veciños desta parroquia cervantina. Gómez Besteiro trasladoulles a súa satisfación pola iniciativa dos veciños, que co seu esforzo lograron recuperar un edificio de gran valor histórico, patrimonial, e mesmo turístico, posto que este se asenta sobre un poboado castrexo que data do século I.

Este material audiovisual é froito da colaboración prestada dende a Fundación TIC, que deixou testemuña coas súas cámaras do resultado da restauración do templo e do ambiente reinante na xornada festiva coa que se celebrou o remate dos traballos de rehabilitación. Os actos relixiosos e festivos organizados pola asociación veciñal, deron comezo cunha misa, seguida dunha procesión e dun animado xantar de confraternidade que celebraron os veciños de Santa María do Castro a carón da súa igrexa parroquial.

Prácticas reais para os alumnos

Bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), co apoio dos técnicos da Fundación TIC, foron os encargados de gravar as imaxes da xornada e editar o material resultante, a modo de prácticas reais coas que os alumnos puideron aplicar os coñecementos adquiridos na Escola.

A Escola de Imaxe e Son, único centro público na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, ten coma un dos seus principais obxectivos a complementación dos coñecementos teóricos con numerosas prácticas, encamiñadas a favorecer a posterior integración dos alumnos no mundo laboral. Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais.

A EIS oferta oferta 44 prazas, 22 para cada un dos dous módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais, ademais de contar con matrícula gratuíta dende hai cinco anos, agás para os alumnos repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.