Deputación de Lugo

O plan de emprego Fórmate en Verde da Deputación desata un gran interese na provincia, con un millar de consultas nunha semana

Lara Méndez presentou en Monforte a máis dun centenar de representantes do sector agrícola a formación gratuíta que o organismo povincial ofrecerá a 900 lucenses para crear empresas de gandería e agricultura ecolóxica, ou xestión forestal sostibleO Pazo de Tor será o centro de referencia das accións formativas vinculadas á agricultura ecolóxica, dada a importancia específica da actividade nas comarcas de Chantada e Lemos, con entre un 30 e un 50% da súa superficie dedicado ó cultivo As persoas interesadas teñen toda a información sobre o programa, financiado nun 80% por fondos europeos, na páxina web provincial www.deputacionlugo.org. O prazo para inscribirse abrirase na semana do 25 de febreiro

O novo plan de emprego posto en marcha pola Deputación, Fórmate en Verde, está suscitando un grande interese na provincia, como demostra que, en tan só unha semana (dende o 5 de febreiro, o día da presentación, ata hoxe mesmo) o organismo lucense recibiu un milleiro de consultas sobre a iniciativa, ben por vía telefónica, ou a través do correo electrónico e da páxina web. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, ofreceu estes datos con motivo do encontro que mantivo este xoves en Monforte de Lemos con máis dun centenar de representantes do sector agrícola para darlles a coñecer precisamente o proxecto, a través do que o organismo provincial dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. O plan conta con un orzamento de 1 millón de euros, financiado ó 80% con fondos da Unión Europea.

A Vicepresidenta Segunda subliñou que, con este programa, a Deputación continúa coa súa aposta polo campo e o medio ambiente “como as verdadeiras oportunidades de futuro para a provincia, capaces de reactivar a economía, xerar emprego e frear o despoboamento que sufrimos no noso rural”. Con esta nova iniciativa, o organismo provincial consolidará ademais a Lugo como referente en Galicia en produción ecolóxica, un sector no que hoxe xa é punteira, pois na actualidade está á cabeza da comunidade galega en volume facturación, con 9 millóns de euros ó ano; e ocupa o segundo lugar en canto a superficie dedicada á produción ecolóxica, con 6.500 hectáreas.

Lara Méndez presentou Fórmate en Verde no Pazo de Tor porque este será o centro de referencia das accións formativas sobre agricultura ecolóxica, tendo en conta o importante peso específico desta actividade na Zona Sur. De feito, nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%. Destaca tamén que a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) está en Monforte.

Polo que respecta á formación vinculada á xestión forestal, impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira; e a referida á gandería ecolóxica terá a Granxa Gayoso Castro como centro de referencia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite que existen na zona centro -nas comarcas da Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada- con municipios que contan con entre 400 e 1.000 explotacións.

Cada unha das tres ramas de formación –gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible- terá 300 prazas, aínda que o número final dependerá da demanda.

A quen está dirixido e cando poden anotarse

O plan Fórmate de Verde está dirixido, tanto a desempregados, como emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Os interesados dispoñen de toda a información sobre a iniciativa na web provincial www.deputacionlugo.org. A inscrición abrirase na semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo. Todos teñen capacidade limitada e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e se impartirá entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.