Deputación de Lugo

A Deputación ofrece gratis ós Concellos asesoramento xurídico para esixir á Xunta que asuma as súas competencias en emerxencias

A institución pon en marcha esta nova vía de cooperación porque municipios como Ourol ou Mondoñedo levan meses esperando a que o Goberno galego resolva emerxencias polos temporaisDebido á extrema situación da familia de Pausalido, illada dende hai 3 meses e á espera de que o Goberno galego despexe ós accesos a súa vivenda, a Xunta de Goberno Provincial aprobou hoxe adiantar ó Concello 33.000 euros, que debe devolver, para que inmediatamente execute estes traballosMartínez subliñou que “isto é un exemplo máis do cara que lles sae a Xunta ós lucenses. Non cofinancia servizos sociais e emprego; obríganos a pagar máis de 500.000 euros ó non transferir estradas; ou non limpa as árbores ás marxes dos viales, que provocan máis do 50% dos incidentes”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Deputación ofrece gratis ós Concellos asesoramento xurídico para esixir á Xunta que asuma as súas competencias en materia de emerxencia. A institución provincial pon en marcha esta nova liña de cooperación tendo en conta que os municipios lugueses leven meses esperando a que o Goberno galego solvente as emerxencias provocadas polos últimos temporais. Por exemplo, en Ourol segue pechado un vial municipal por desprendementos de terra e en Mondoñedo unha familia está illada dende o 16 de decembro ó non ter acceso a súa vivenda. Ante a extrema situación destes veciños da localidade mindoniense de Pausalido e “o abandono do Executivo de Feijóo”, a Xunta de Goberno Provincial aprobou hoxe adiantar 33.000 euros ó Concello, orzamento que posteriormente deberá devolver á Deputación, para que de xeito inmediato execute as actuacións que despexen os vías locais desta zona.

Martínez adiantou que a institución luguesa remitiu unha carta ó Goberno galego, esixíndolle que cumpra a Lei de Emerxencias, que di “corresponde a la Xunta de Galicia la xestión de las emergencias que superen los medios de respuesta de que disponen las entidades locales”, asumindo polo tanto as súas competencias nesta materia. Na carta, a Deputación comunica á Xunta que a súa “desidia” xa obrigou ó organismo provincial a habilitar unha liña de financiamento a Mondoñedo para “evitar a dramática situación” da familia de Pausalido, ó tempo que lle informa que pon a disposición dos municipios os servizos xurídicos provinciais para que tomen as medidas oportunas no caso de que, eludindo a Lei, o Executivo autonómico sega sen xestionar as emerxencias en Lugo.

“A Xunta sae moi cara ós lucenses”

“Isto é un exemplo máis do cara que lles sae a Xunta ós lucenses. Non cofinancia servizos sociais e emprego como si fai noutras provincias. Mantén bloqueado o proceso de transferencias de estradas dende 2009, obrigando ós lucenses a pagar máis de 500.000 euros pola conservación dunhas vías que debía manter ó Goberno galego. Tampouco limpa as árbores ás marxes dos viales como establece a Lei, provocando que máis do 50% dos incidentes na rede viaria provincial sexan por ramas. A Deputación tivo que cortar árbores a menos de 1 metro da estrada e a Xunta sancionou ó organismo provincial. Nin fan nin deixan facer”, sentenciou o voceiro socialista.

Pausalido

A Deputación ingresará os 33.000 euros ó Concello de Mondoñedo o luns polo que o municipio poderá contratar e executar as obras en Pausalido de xeito inmediato. Estas consistirán na retirada do material acumulado nas vías municipais e na construción dun muro de escolleira para que esta situación non se repita. Rematados os traballos, a entidade local terá un prazo de 3 anos para devolver este presuposto ó organismo provincial. Martínez explicou que esta liña de financiamento é a única fórmula de colaboración que pode ofrecer a institución luguesa ó non ter as competencias na materia. Tendo en conta que a Xunta, administración galega que por Lei debería asumir estas obras, non actuou, a Deputación aprobou pola vía de urxencia esta axuda, priorizando a situación da familia de Pausalido, sen accesos viarios a súa vivenda. Por este motivo, nos últimos tres meses, o Concello puxo a súa disposición dúas persoas que recollen a unha cativa, ás oito da mañá, cun tractor e un todoterreo, para levala á parada do autobús escolar máis próxima. Pola tarde, volven a recollela. Ademais, encárganse de levar á vivenda o que necesiten, dende comida ata material para atender a explotación gandeira.

Plan de Comunidades Veciñais para 2013

Martínez avanzou que nos vindeiros días a Deputación porá en marcha o Plan de Comunidades Veciñais para 2013. O organismo provincial está a piques de resolver en tempo récord as obras da anterior programación. Hoxe a sesión aprobou as contas de 9 actuacións en 8 Concellos, dotadas de 82.000 euros que a institución luguesa aforrou ós seguintes municipios ó asumir a totalidade dos custes: Corgo, Guntín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pantón, Portomarín, Rábade e Ribadeo. Con estes traballos, a Deputación remata con 204 obras das 231 deste Plan, á espera de recibir a xustificación das 28 restantes.