Deputación de Lugo

A Deputación dota de alumeado público a 100 familias de 15 núcleos rurais da Montaña luguesa

A institución achegou 100.000 euros para levar esta prestación a localidades de Cervantes e Navia de Suarna, situadas lonxe da capitalidade destes municipios e con escasa poboaciónPreto das 130 aldeas que integran Cervantes contan con este servizo, habendo excepcións coma Piornedo, á espera da imprescindible axuda da Xunta debido a súa riqueza patrimonialEn Navia de Suarna, Concello e Deputación levaron a 80 núcleos rurais dos 104 que hai en total esta prestación coa que, anteriormente, só contaban os habitantes da capitalidade

A Deputación dotou de alumeado público a 100 familias de 15 aldeas, situadas en Navia de Suarna e Cervantes. Trátanse de núcleos rurais moi dispersos das capitalidade de ditos Concellos, nalgúns casos cunha distancia de máis de 60 minutos en coche, e cun baixo índice de poboación, entre 6 e 30 familias por localidade. Ante a falta de recursos das entidades locais e dentro da aposta pola máxima cooperación cos municipios, primando investimentos que beneficien ós veciños e fagan fronte ó despoboamento demográfico, o organismo provincial achegou a estes traballos 100.000 euros.

En Cervantes, a institución levou esta prestación a Cabana, unha localidade con 8 vivendas nas que, habitualmente, residen unhas 10 familias aínda que, en época estival, esta cifra increméntase ata as 20. O organismo provincial situou na zona 12 puntos de luz.

Con estas actuacións, as 130 aldeas distribuídas nos 277 quilómetros deste municipio da Montaña luguesa teñen, na súa maioría, alumeado público. Nos últimos cinco anos, o Concello dotou a 60 núcleos rurais deste servizo. Segundo o Alcalde, Benigno Gómez, restan moi poucas aldeas. É o caso de Piornedo que, debido a súa riqueza patrimonial, require de traballos específicos moito máis custosos, superando os 100.000 euros, así como de permisos imprescindibles por parte da Consellería de Cultura. Ante esta situación, o Alcalde solicitou colaboración á Xunta pola que leva meses esperando.

En Navia de Suarna, a Deputación dotou de alumeado público a Virigo, Vilaverde, Castañedo, Robledo de Rao, A Pedreira, Mosteirín, Murias do Camiño, Faquis, Asar, Prebelo, Trabaledo, Navallos, Muñis e Penedo, núcleos rurais nos que viven 94 familias. Segundo o Alcalde, José Fernández, estas actuacións engádense ás levadas a cabo nos últimos anos dende o Concello, facendo que conten con esta prestación os veciños de máis de 80 núcleos rurais dos 104 que en total integran este municipio. O Rexedor levará esta prestación, coa que anteriormente só contaban os habitantes da capitalidade, a todas as aldeas.