Deputación de Lugo

Deputación e North Shore Surf Club impulsan novamente este verán actividades lúdicas e medioambientais na Mariña

A Vicepresidenta Segunda da Deputación e a presidenta do colectivo organizador presentaron a programación, que ten como principal novidade este ano un campionato de surf na praia de Fontela-Balea entre 25 deportistas mariñanosAlumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo realizarán un DVD coa gravación de todas as actividades para difundir a iniciativa e completar a súa formación con prácticas reais de cara á súa futura inserción laboral

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta de North Shore Surf Club, Fátima López, presentaron este sábado na praia de Fontela Balea, en Barreiros, a nova programación de actividades lúdicas e medioambientais que esta asociación realizará ó longo dos meses de verán nas praias do municipio. Por segundo ano consecutivo, a Deputación e a Fundación TIC, dependente do organismo lugués, prestan a súa colaboración a esta iniciativa.

A institución provincial achega diferente material tecnolóxico, a través do proxecto Innova-TE, para sortear entre todos os que participen nesta campaña, e, pola súa banda, a Fundación TIC dará cobertura audiovisual ás actividades grazas ó traballo de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, que recollerán coas súas cámaras todo o que aconteza nos areais para realizar un DVD con todo o material audiovisual. Deste xeito, contribuirán á difusión da iniciativa e completarán a súa formación con prácticas reais de cara á súa futura inserción laboral.

Deporte e medio ambiente
A principal novidade desta tempada é a celebración na praia de Fontela-Balea, coñecida popularmente como Oliñas, dun campionato de surf no que participarán 25 deportistas desta modalidade seleccionados pola organización. Co MCT (Mariña Championship Tour), o primeiro destas características que terá lugar na Costa lucense, arrancan as actividades o vindeiro sábado, día 18.

Despois do éxito acadado o ano pasado, o sábado día 22 de xuño está previsto levar a cabo unha nova limpeza dos areais do municipio de Barreiros. Na campaña anterior, participaron 70 voluntarios, que lograron retirar máis de 500 quilos de lixo. O obxectivo é concienciar a todas as persoas da necesidade de reciclar e evitar as consecuencias que teñen para o medio ambiente os residuos e vertidos incontrolados nas praias.

No mes de xullo, o día 25, terá lugar o segundo Anticampionato de surf, unha idea que xurdiu co fin de gozar da práctica deste deporte, sen sentir a presión dunha competición. Trátase de facer o contrario do que se fai nun campionato, polo que se premiará a mellor caída, e mesmo a indumentaria máis orixinal.

A praia de Lóngara acollerá o día 15 de agosto o III Mercadillo de Surf, onde se poderá vender e mercar todo tipo de material de segunda man, ó aire libre.

A II Remada Popular porá fin á campaña deste ano, o día 25 de agosto, nas modalidades de bodyboard, shortboard e longboard. A competición consistirá na colocación de tres boias no mar durante unha travesía a remo, dende a praia de Lóngara. A proba divídese en varias categorías, dependendo da idade do participante e do tipo de táboa utilizada.

O labor sociocultural da TIC
A Fundación TIC apoia a máis de 120 asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contratos con 70 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia que imparte ciclos da familia do audiovisual, para que poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector. Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas, que promoven o deporte base; así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia.