Deputación de Lugo

A Deputación denuncia o 'absoluto abandono' de Feijóo ós 14.000 aforradores lucenses estafados coas preferentes

Imaxe deputación de lugo
García Porto subliñou que “Feijóo, que recoñeceu ser coñecedor do que estaba a suceder coas preferentes de Novagalicia Banco, nada fixo para que os 14.000 lucenses estafados a sabendas do propio Presidente da Xunta de Galicia recuperen os aforros de toda unha vida”A vicevoceira socialista destacou que “Feijóo non escoita nin ós veciños malia as masivas manifestacións, nin ós seus propios Alcaldes que apoiaron á Plataforma Preferentes Lugo, nin ás institucións, dando o silencio por resposta ou impoñendo a súa maioría absoluta”A Deputada remarcou que “outro exemplo da imposición de Feijóo” é a creación da área sanitaria de xestión integrada en Lugo ou non dotar á Lugo de Hemodinámica ás 24 horas

A Deputación denuncia o “absoluto abandono” de Feijóo ós 14.000 aforradores lucenses que foron estafados coas preferentes. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, subliñou que “Feijóo, que recoñeceu ser coñecedor do que estaba a suceder coas preferentes de Novagalicia Banco, nada fixo para que os 14.000 lucenses estafados a sabendas do propio Presidente da Xunta de Galicia recuperen os aforros de toda unha vida. Feijóo non tivo en conta nin a situación que sofren os miles de afectados por estas participacións, nin as súas reiteradas reclamacións, así como tampouco atendeu as peticións dos seus compañeiros de partido, nin as de institucións como á Deputación de Lugo que o instou, tras aprobar unha moción deste Goberno Provincial en Pleno, a facer as xestións necesarias e a poñer en marcha os mecanismos legais oportunos para que os aforradores lucenses estafados recuperasen o 100% dos seus aforros”.

Isto amosa, segundo remarcou a vicevoceira socialista, que “Feijóo non escoita nin ós veciños, malia as masivas manifestacións celebradas por todo o territorio galego, nin ós seus propios Alcaldes, que esta semana apoiaban á Plataforma Preferentes Lugo nun acto na Deputación, nin ás institucións con representación cidadá, dando o silencio por resposta ou impoñendo a súa maioría absoluta ó actuar de xeito unilateral”.

Outro exemplo: os hospitais

García Porto destacou que outro claro exemplo da imposición de Feijóo é a creación dunha área sanitaria de xestión integrada en Lugo. “O Presidente da Xunta tamén neste caso impuxo a súa maioría absoluta, ignorando a milleiros de veciños, facultativos, Alcaldes ou á Deputación. A Feijóo non lle importa que 120.000 lucenses, usuarios dos Hospitais da Costa e de Monforte, teñan agora que desprazarse máis 100 quilómetros ata a capital luguesa para contar con diferentes especialidades sanitarias. Pero non con todas porque Feijóo tampouco vaia dotar a esta provincia, a pesares das reclamacións de miles de cidadáns e porque así o decidiu de xeito unilateral, dun servizo de Hemodinámica as 24 horas do día, como tampouco vamos a ter Radioterapia, Medicina Nuclear ou Cirurxía Pediátrica. Feijóo prefire que nos despracemos a outras provinciais galegas, poñendo en risco a nosa saúde e facendo que para os lucenses a sanidade sexa máis custosa e menos universal”.