Deputación de Lugo

A Deputación renova o seu apoio económico ás Xornadas Xurídicas de Sarria, que mantén dende a 1ª edición

O organismo achega este ano 6.000 euros para un congreso que “supón grandes oportunidades para a provincia, pois convértea na capital xurídica de España e atrae a centos de persoas que coñecen os nosos extraordinarios recursos”, destacou Álvaro SantosO Deputado de Cooperación asegurou na presentación do foro que o salto da temática á xurisdición Penal, tras seis anos abordando o Dereito Civil, “demostra o gran dinamismo deste evento e dos seus organizadores, o que garante unha vida longa e exitosa”

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, participou este sábado no salón de plenos do consistorio sarriano, xunto á delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o Alcalde de Sarria, José Antonio García; o presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Juan Antonio Xiol Ríos, e o Catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña Domingo Bello Janeiro, na presentación da 7ª edición das Xornadas Xurídicas de Sarria, un prestixioso congreso “ó que a Deputación de Lugo e o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, non lle podían fallar”, destacou Santos. Deste xeito, continuou o Deputado, o organismo provincial renovou este ano a súa colaboración económica, achegando 6.000 euros para a celebración do foro, que financiou dende a primeira edición.

Durante a presentación das xornadas, que terán lugar o 31 de maio e o 1 de xuño, Álvaro Santos asegurou que, a pesar das dificultades económicas e os recortes “que todas as administracións estamos a padecer, dende Deputación de Lugo tiñamos claro que debiamos renovar a nosa colaboración económica, que sabemos que é importante para que a organización poida sacar adiante as xornadas”.
Neste senso, o delegado de Cooperación cos Concellos incidiu en que o organismo lugués mantén un apoio “continuo e decidido” porque “somos conscientes das grandes oportunidades que este evento leva consigo para Lugo: en primeiro lugar, porque se trata con toda seguridade do acontecemento científico-formativo máis importante que se celebra nesta provincia no ámbito do Dereito, e converte por uns días a Lugo na capital xurídica de España, dado o elevadísimo nivel dos seus poñentes e a transcendencia e actualidade dos temas debatidos; e, en segundo lugar, porque recibimos a visita de centos de persoas que non queren perder esta oportunidade única, e que aproveitan a súa estancia en Sarria para coñecer os nosos extraordinarios recursos naturais, culturais e gastronómicos. Isto implica a xeración de riqueza noutros sectores, como a hostalería ou o comercio, e, polo tanto a dinamización da economía local. As xornadas convértense en escaparate da nosa provincia”.

Para o Deputado, queda demostrado, “tanto polo número de edicións, como polos poñentes que inclúe o programa, que estes anos de suma de esforzos e ilusión serviron para conseguir unhas xornadas plenamente consolidadas como referente nacional no mundo xurídico”.
Santos destacou así mesmo que o salto da temática á xurisdición Penal, tralos 6 primeiros anos abordando variados aspectos do Dereito Civil, “demostra o gran dinamismo deste evento e dos seus organizadores, o que, sen dúbida, garante unha vida longa e exitosa”.