Deputación de Lugo

A Deputación marca un fito na Mariña ó reunir a 200 persoas facendo surf ó mesmo tempo na praia da Rapadoira

Persoas de todas as idades, de entre 7 e 53 anos, e chegadas de todo o norte de España e Madrid, participaron, ben en familia, en parella, ou coa cuadrilla de amigos, en clases gratuítas nas que aprenderon os segredos deste deporte da man dos mellores surfers en Europa A presenza de todas as revistas especializadas en surf do país; da Asociación Madrileña de Surf, que ten 25.000 seguidores; e do surfeiro e blogger Mario Azurza, con 15.000 seguidores, son boa mostra da extraordinaria repercusión que acada este evento fóra da provincia

Unhas 200 persoas facendo surf ó mesmo tempo na Mariña.Todo un fito deportivo que acadou este domingo a Deputación de Lugo, na terceira e última xornada do 3º Surf-Camp. Persoas de tódalas idades, de entre 7 e 53 anos, e chegadas de todo o norte de España e de Madrid, participaron na praia focense da Rapadoira, ben en familia, en parella, ou coa cuadrilla de amigos, en clases gratuítas nas que coñeceron os segredos, trucos e técnicas deste de porte da man dos mellores surfers a nivel europeo, tanto na categoría masculina como feminina.

Entre eles, Marlon Lipke, o actual campión de Europa de surf, un alemán afincado en Portugal; Gony Zubizarreta, o galego máis laureado neste deporte e todo un ídolo no mundo do surf, ou Pablo Solar, actual seleccionador da Federación Española de Surf, e gañador do circuíto nacional durante anos. Xunto a eles, outros nomes propios, como Kepa Acero; Aritz Aramburu; Jonathan González; Hodei Collazo; Adur Letamendía; Luis Rodríguez; Guillermo Alonso; Daniel Aznar; Mario Azurza; Indar Unanue; Pablo Gutiérrez; Jaime Azpiroz; Lucía Martiño; Garazi Sanchez; e Yoli Rodríguez, así como un equipo de monitores. Despois dos preceptivos estiramentos e recibidas todas as explicacións sobre a area, os 200 alumnos das clases de surf lanzáronse á auga sobre as táboas nunha xornada cunhas condicións meteorolóxicas para gozar das olas.

Todos os seus movementos foron observados e retratados por numerosos fotógrafos profesionais de todas as revistas especializadas en surf do país. Tamén acudiron representantes da Federación Española de Surf, da Asociación Madrileña de Surf, que conta con 25.000 seguidores de toda España, ou o surfista e tamén popular blogger Mario Azurza, que conta nada menos que con 15.000 seguidores. Esta extraordinaria cobertura garante un efecto multiplicador da proxección fóra da provincia dun certame que xa se ten convertido nun referente no mundo do surf, e todo un revulsivo económico para a Costa lucense, pois a gran afluencia de xente que arrastra dinamiza a actividade dos negocios locais, tanto os hoteis, restaurantes e bares, como os comercios.

Entre os medios especializados presentes nas xornadas organizadas pola Deputación destacan www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentran na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera pode surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.

Récord de participación

Rexistrando os 200 inscritos, o Surf-Camp bateu o récord de persoas anotadas dende a posta en marcha deste certame hai tres anos. De feito, o organismo provincial decidiu ampliar o número de prazas ante a avalancha de solicitudes. Iso sen contar as ducias de persoas que presenciaron as propias clases, as exhibicións dos surfistas profesionais, ou as que gozaron das actividades libres e gratuítas celebradas ó longo da fin de semana en Ribadeo e Viveiro, como paseos en segway, skate eléctrico, longskate, prácticas nun simulador de surf e música en directo.

Nesta ocasión, o evento contou ademais coa colaboración dos 7 clubs de surf existentes na Mariña, que agrupan a unhas 200 persoas, o que dá boa conta da afección crecente por esta modalidade deportiva, dadas as excelentes condicións que presentan os areais lucenses para practicala. Os clubs mariñanos son os seguintes: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo; North Shore Surf Club de Barreiros; Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz; Limosa Surf Club de San Cibrao; e Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro.